Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Piden aos grupos parlamentarios unha revisión da Lei da Minaría en tramitación para garantir a compatibilidade da actividade mineira co medio ambiente e a actividade agraria

ADEGA e o SLG entregan no Parlamento Galego as conclusións das Xornadas da Minería celebradas en Vilalba

Na mañá de hoxe a Lei de Ordenación da Minaría iniciou o seu trámite parlamentario co debate en Pleno dunha enmenda á totalidade presentada polo grupo parlamentario do Partido Popular. Con tal motivo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e o Sindicato Labrego Galego fixeron entrega aos tres grupos parlamentarios das conclusións das Xornadas que sobre actividade mineira e a Lei de ordenación da Minaría se celebraron en Vilalba no mes pasado

ADEGA - 11:37 27/11/2007
Tags:

A minaría a ceo aberto, -como de di nas conclusións-, é unha actividade de moi graves impactos sobre o territorio, sobre os distintos usos do solo e sobre o medio ambiente, resultando incompatible con practicamente todos os demais usos do solo. Compre, pois, poñer ao día unha lexislación preconstitucional, -lei de Minas do ano 1973 e Regulamento da Minaría de 1978-, para a que non existía preocupación algunha pola ordenación do territorio e era escaso o interese pola protección dos demais usos do solo ou pola protección do medio ambiente e do noso patrimonio natural.

Esta posta ao día da lexislación terá, pois, que garantir con total seguridade a inexcusábel protección do medio ambiente e dos demais usos do solo sen dar lugar a que poda continuar a inaceptable situación actual de que a actividade mineira parece non estar suxeita á ningún tipo de normativa legal de protección ambiental e de ordenación do territorio ou a de que, en boa parte, os recursos mineiros se convirtan nun obxecto de especulación máis que de explotación.

Ademais, non poderá ignorar esta futura Lei que os recursos mineiros, sexan cais sexan, son recursos non renovábeis a escala humana e, polo tanto, haberá que asegurarse que a actividade de hoxe non compromete a desenvolvemento das xeracións futuras e o acceso destas a estes recursos e aos demais usos do solo.

Neste sentido é no que van as peticións de modificación do texto da Lei que se formulan nas conclusións que se lle entregaron aos grupos parlamentarios e nas que se presta especial atención á tramitación dos dereitos mineiros e ás propostas de modificación da lei do solo que se fai no texto do Consello da Xunta. Dende ADEGA e dende o Sindicato Labrego Galego, a vista xa das enmendas que teñen presentado os grupos parlamentarios do BNG e do PSOE, queremos manter a confianza de que os nosos parlamentarios e parlamentarias van a esforzarse en conseguir unha Lei de ordenación da Minaría ao servizo dos intereses de Galiza e, polo tanto, que sexa compatible coa política de ordenación do territorio e sexa garante da protección ambiental e dos demais usos do solo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: