Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MEDICINA E TECNOLOXÍA

Desenvolven un parche médico inspirado nas impresoras de inxección de tinta

O dispositivo permite introducir medicamentos máis complexos ca os parches actuais e non provocar as molestias das inxeccións.

Redacción - 14:00 28/11/2007

As empresas HP e Crospon desenvolveron un novo sistema de microinxeccións que permite introducir medicinas no corpo sen case atravesar a pel nin producir dano. Ademais, é máis efectivo ca os parches, que ven freada a súa función pola barreira natural que supón a pel. A tecnoloxía é semellante á que emprega HP nos seus cartuchos de inxección de tinta para impresoras.

O novo parche de subministración de menciñas estará dispoñíbel no ano 2010, e ten como principal característica o feito de que non acada os receptores de dor, situados debaixo da epiderme, a uns 0,75 milímetros de profundidade. As 150 microagullas destes parches non penetran alén do medio milímetro e a dose e o tempo de subministración son controlados por un microchip.

Por se fose pouco, o parche contén 400 recipientes cilíndricos onde se gardan os medicamentos, o que permite inxectar varios diferentes ao mesmo tempo. Como o método é máis eficiente, non é necesario introducir tanta cantidade de medicamentos como mediante outras vías.

Os parches que existen actualmente só poden subministrar drogas con moléculas pequenas, como a nicotina, tranquilizantes ou hormonas femininas. O sistema desenvolvido por HP e Crospon fará posíbel, por exemplo, evitar as inxeccións en persoas diabéticas ou os inhaladores nas asmáticas.

Pero aínda falta por demostrar se as microperforacións que causan estes parches poden ser vía de entrada de infeccións e se o seu prezo pagará a pena fronte a alternativas máis económicas.


4.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: