Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Solicitude no Parlamento Europeo

Unha delegación da UE podería desprazarse a Ferrol para avaliar as irregularidades de Reganosa

A Comisión de Peticións estuda a demanda de Esquerda Unida ao respecto. De ir adiante, os eurodeputados irían a Ferrolterra para analizaren o presunto incumprimento das directivas europeas.

Redacción - 09:00 30/11/2007

"Sobre o terreo e de xeito directo". Así quere Esquerda Unida que a Unión Europea investigue o acontecido coa planta regasificadora construída na ría de Ferrol. A principal queixa presentada esta semana no Parlamento Europeo ten que ver co incumprimento da normativa europea que esixe unha distancia mínima deste tipo de edificacións cos núcleos de poboación.

Representantes do Comité Cidadán de Emerxencia estiveron en Bruxelas convidados por esta formación política para expoñer aló as súas demandas. Na delegación ía tamén a concelleira ferrolá e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Iolanda Díaz, quen explicou que o seu grupo lle solicitou á Comisión de Peticións do Europarlamento o nomeamento e constitución dunha delegación especial que comprobe in situ os "incumprimentos" cometidos por Reganosa nas normativas de seguridade europeas.

A primeira tenente de alcalde do Concello de Ferrol considera que é necesario que os parlamentarios atendan a denuncia dun problema que está "poñendo en perigo" a seguridade e a vida de tantos veciños. Iolanda Díaz recoñeceu que se trata dunha infraestrutura "imprescindíbel" para o desenvolvemento enerxético de Galiza, pero insistiu en que, do mesmo xeito que se fixo coa papeleira de Ence en Pontevedra, é necesario "conseguir o seu traslado ao exterior da ría".


4,5/5 (8 votos)


Comentarios (10)

carlosroca #1 30/Novembro/2007 carlosroca

Home, IU recoñecendo que se trata dunha infraestrutura imprescindíbel para o desenvolvemento enerxético de Galiza...mais segue pedindo o traslado ao exterior da Ría...

O mesmiño que dí o BNG... cando se van escoitar as descualificacións que contra o nacionalismo se fixeron?

Moi listos os de IU, atacan a posición do BNG, sacan rendemento eleitoral e agora fixan a mesma posición. Moi boa xogada política, o lamentábel é que algúns nacionalistas caeran na trampa.... a ver se aprendemos!

branhas #2 30/Novembro/2007 branhas

A ver se alguén mo pode explicar que non entendo, ¿O BNG tamén pide que se leve fóra da ría a planta???

Calidonia #3 30/Novembro/2007 Calidonia

Os nacionalistas que criticamos a xestión doutros nacionalistas neste tema dicimos o mesmo que leva dicindo o Comité de Emerxencia (planta si no porto exterior) e o que dicía o BNG até mediado o mandato municipal de Xaime Bello, momento a partir do cal eses outros nacionalistas mudaron de parecer e comezaron non a dicir cousas diferentes senón a manobrar (poñer mans á obra, literalmente) para limparlle o camiño ás irregularidades de Tojeiro.

Ti, claramente, seguindo as consignas dese sector dos outros nacionalistas, botades balóns fóra e desviades a atención:

- Criticando a IU e chorando coma nenos o que coma homes non soubestes/soubemos gañar nas urnas.
- Manipulando á poboación con prexuízos asturianistas para dicir que o que é bo alí (seguro que pensan iso?) é bo para nós aquí e que se non o temos antes nós nolo quitan (está por demostrar aínda).
- Non afrontando a opinión real e non mediática de maís da metade da poboación de Ferrolterra, que quere a planta fóra da ría.
- Escarallando una posición coherente do BNG a nivel nacional nestes temas, en consonancia coa crítica á localización de ENCE en Pontevedra ou dos depósitos do Ferrazo en Vilagarcía.

Eu non sei a estas alturas o que vós, outros nacionalistas, lle debedes a Tojeiro para chimpar pola borda a defensa dos intereses do pobo e a traxectoria histórica do nacionalismo na comarca e en Galiza.

carlosroca #4 30/Novembro/2007 carlosroca

Que cinismo!. A posición do BNG foi sempre e nunca mudou: traslado fóra da Ria.
E ao igual que se posiciona agora IU, moi listos eles, recoñecer que se trata dunha infraestrutua imprescindíbel para o desenvolvemento enerxético de Galiza.

O BNG non é o responsábel da ubicación actual, son PP e PSOE; e non esquezamos a IU, quen non se fixo pronunciamento, onde tocaba e cando tocaba a tempo.

As autorizacións de funcionamento correron todas a cargo do PSOE, tanto no Estado e a Xunta.

E IU despois de sacar rendemento eleitoral á campaña de difamación e mentiras contra o BNG, aqueles se suman a posición destes.

Lisérxico...

Calidonia #5 30/Novembro/2007 Calidonia

Estás moi desinformado ou mentes. Quero pensar o primeiro. A posición do BNG cando virou as costas á Ría e ao pobo foi dicir que a localización era un asunto secundario, que o principal era que se seguira adiante cunha planta que a todas luces non cumpre co sentido común e tampouco cos lexislación vixente, como mostran as sentencias do TSXG recorridas polo BNG desde a Xunta e a súa votación co PP no COncello de Ferrol para retirar os recursos que o mesmo Bloque presentara no seu día, o que, por se non fora pouco a súa viraxe histórica neste tema (aí están as hemerotecas), demostra que está implicado até as cachas.

Todo o demais, consignas da upegá.

hermes #6 1/Decembro/2007 hermes

Non e desinformacion a de carlosroca: e pura intoxicacion.Cadra no tempo co intento da UPG de entrar no Comite Cidadan de Emerxencia (evidentemente pola porta de atras). A desesperacion e impotencia son tan grandes que xa non lles importa facer o ridiculo.

carlosroca #7 3/Decembro/2007 carlosroca

O que eu dicia, cinismo anti BNG... senon estariades poñendo a parir a nova posición de IU "infraestrutura "imprescindíbel" para o desenvolvemento enerxético de Galiza", e criticando ao PSOE...

En fin...o tempo poñerá a cadaquen no seu sitio.

carlosroca #8 4/Decembro/2007 carlosroca

Recordemos:

"O BNG contesta ás acusacións sobre a regasificadora

Perante os intentos de intoxicación da opinión pública de Ferrol a través de falsedades e manipulacións informativas sobre a postura do BNG respeito da regasificadora de Mugardos, queremos aclarar:
1. O BNG foi a única forza política que apresentou alegacións contra o proxecto de Reganosa ao seu debido tempo, por non considerar a súa ubicación a máis adecuada, aínda coñecendo a importancia vital de contarmos na Galiza cunha regasificadora.

2. O BNG mantivo sempre, como organización e na súa presenza institucional, unha postura rigorosa de esixencia de controles sobre o proxecto e a súa execución e posibilitou mesmo, cando gobernou Ferrol, todo tipo de axuda aos que se opuxeron frontalmente ao proxecto, aínda sen estarmos, no conxunto da organización, en total acordo cos seus plantexamentos e formas de actuación.

3. Aínda discrepando do tremendismo alarmista que se empregou e emprega ás veces para atacar a regasificadora, o BNG foi a única organización política que, no Congreso dos Deputados, estivo continuamente esixindo ao anterior e ao actual Goberno o cumprimento da legalidade vixente e plantexando todos os hipotéticos problemas derivados da súa ubicación. Pódese comprobar nos Boletíns do Congreso dos Deputados desde 1998 até hoxe, desde preguntas até comparecencias de ministros, secretarios de Estado e directores xerais. Parte importante desta información, tanto se nos foi solicitada como se non, chegou ao Comité de Emerxencia, polo que resulta paradóxico e cando menos chamativo que a intoxicación proveña de persoas que coñecen perfectamente este extremo.

4. Nen os permisos de recheos para Reganosa, nen a autorización do proxecto nen a súa entrada en funcionamento foron obra de institucións gobernadas polo BNG. Foi o Goberno central, primeiro co PP e agora co PSOE, a Xunta de Galiza, co PP, os competentes para conceder os permisos e avalar a súa legalidade. Cando accedeu á Xunta, o BNG atopouse cun proxecto consumado e legal. Desde logo, nada temos que ver coa Delegación do Goberno e a súa actitude represiva cos mariscadores e mariscadoras.

5. O BNG está hoxe comprometido na exixencia de cumprimento da legalidade, especialmente en materia de seguridade, por Reganosa, e en apoiar o diálogo, desde as súas competencias e capacidades, cos sectores que se poidan considerar perxudicados pola posta en funcionamento de Reganosa, especialmente os traballadores e traballadoras do mar.

6. Non imos calar perante o uso demagóxico que se está a facer deste tema, dentro dunha estratexia perfeitamente calculada: perxudicar eleitoralmente ao BNG. Temos a seguridade de que o pobo de Ferrol vai reflexionar con serenidade, sen deixarse arrastrar por infundios, mentiras ou medias verdades."

carlosroca #9 4/Decembro/2007 carlosroca

Ampliemos memoria:

"Sobre a Moción do PP sobre a Planta de Gas

Diante da apresentación por parte do PP dunha Moción ao Pleno sobre a retirada de recursos a planta de gas, o BNG quer ante as terxiversacións interesadas de Partidos Políticos e particulares a respeito do posicionamento do BNG no Pleno de hai un ano (12 de novembro de 2004) queremos dar conta de cales foron as Mocións tratadas naquel Pleno e o resultado das Votacións:
3.MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO RELATIVA Á PLANTA REGASIFICADORA.-
Examinada a moción que presenta o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, que textualmente di: EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: “Por resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e de Minas de 3 de xuño de 2002 outorgouse autorización administrativa do proxecto xenérico da instalación da planta regasificadora de Mugardos, de acordo co Decreto 2913/1973 (hoxe substituído polo artigo 70.1.a) do Real Decreto 1434/2002.= Na tramitación do expediente administrativo recabouse información pública, así como de diversas Administracións. Desde a perspectiva ambiental, o órgano encargado de informar foi a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, por medio de Resolución de 11 de xuño de 2001 na que se formula declaración de efectos ambientais sobre o devandito proxecto de construcción da planta regasificadora de Mugardos.= O citado acto administrativo foi impugnado polo Concello de Ferrol en vía administrativa, e posteriormente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que estimou o recurso, declarando en data 23 de xuño de 2004 a anulación do mesmo e conlevando, conseguintemente, a tramitación do procedimento de Declaración de Impacto Ambiental (DIA) por parte do órgano administrativo competente do Estado.= Sen entrarmos na análise pormenorizada dos fundamentos xurídicos da sentenza e mesmo da existencia de criterios diverxentes da mesma coa xurisprudencia do Tribunal Supremo, fica claro que o que se anula é un acto calificado de trámite e, con independencia sobre da valoración máis ou menos determinante sobre a resolución que pon fin ao procedemento administrativo, calquera solución que se adopte para repor a legalidade conleva estrictamente retrotraer o expediente administrativo ao momento anterior a que se ditase a Declaración de Efectos Ambientais.= Por todo o antedito o grupo municipal do BNG propón ao pleno do concello a adopción do seguinte ACORDO:= O pleno do concello de Ferrol insta á Xunta de Galiza a someter a procedemento de Declaración de Impacto Ambiental (DIA) ante o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o proxecto da Planta de almacenamento e regasificación de gas licuado de Mugardos promovido por Reganosa, tal como recolle no seu fallo a sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de data 23 de xuño de 2004.”
Previa deliberación, a Corporación, en votación ordinaria e por maioría de dezaseis votos a favor, correspondentes ós Sres/as. membros de Independientes por Ferrol, Bloque Nacionalista Galego, Socialista e Esquerda Unida, fronte a sete votos en contra, correspondentes ós Sres/as. membros do grupo Popular, acordou aprobar a moción transcrita, nos seus propios termos.

2.MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR INSTANDO A QUE O CONCELLO DESISTA NOS PROCESOS XUDICIAIS NOS QUE SEXA PARTE E QUE TEÑAN COMO MOTIVO A IMPUGNACIÓN DA IMPLANTACIÓN DUNHA PLANTA DE GAS NO LUGAR DE PUNTA PROMONTOIRO, MUGARDOS.
Examinada a proposta que eleva o grupo municipal do Partido Popular, que textualmente di: “O Grupo Municipal do Partido Popular, ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presentan ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións seguintes. EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:= O Ministro de Industria e Enerxía do Goberno do Estado e o Presidente da Xunta de Galicia asinaron no ano 1990 un convenio para a gasificación de Galicia. Adicionalmente, o Presidente da Xunta de Galicia e o do Instituto Nacional de Hidrocarburos asinaron un Convenio para a execución da devandita infraestructura, acordando a súa posta en funcionamento para o ano 1994, sendo a súa ubicación no termo municipal de Ferrol.= A demora na execución das obras, provocada inicialmente pola elaboración do proxecto de construcción, a tramitación de diversos actos administrativos, adquisición de terreos e o establecemento de dereitos de paso polos distintos municipios galegos, e a firma dun anexo ós documentos antes mencionados, xustificándoo na falta de disponibilidade de gas licuado procedente de Nigeria, desembocaron no ano 1995, nunha nova revisión do Plan Enerxético Nacional que eliminaba a planta inicialmente prevista para Galicia.= Con data 10 de marzo de 1999, a empresa REGANOSA, solicitou autorización administrativa previa para a instalación dunha planta de recepción, almacenamento e regasificación de Gas Natural Licuado (GNL) en Mugardos (A Coruña). Cómpre salientar que naquel intre os terreos ubicados en Caneliñas pertencían á empresa ENAGAS, S.A. que ata decembro do ano 2000 non llos vendeu a Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao.= A instalación da devandita planta foi cuestionada no entorno social e territorial presentándose durante o período de información pública numerosas alegacións. Co obxecto de garantiza-la seguridade e operatividade da planta por parte do Ministerio de Economía solicitáronse diversos informes ós organismos sectoriais, especialmente en materia medioambiental e urbanística. Tódolos informes evacuados o foron en sentido favorable.= Posteriormente, solicitáronse informes ó Xestor Técnico do Sistema e o preceptivo da Comisión Nacional de Enerxía. Ambos Organismos informaron favorablemente o outorgamento da Autorización Administrativa Previa.= Cumpríndose tódolos trámites legais establecidos outorgouse á Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa), autorización Administrativa Previa para a instalación dunha planta de recepción, almacenamento e regasificación do gas natural licuado en Mugardos (A Coruña), mediante Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas de data 3 de xuño de 2002.= O 23 de xullo de 2002, o Excmo. Concello de Ferrol e outras 7 Organizacións e Entidades, presentaron Recurso de Alzada contra a devandita Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e de Minas de 3 de xuño de 2002.= Posteriormente, no primeiro semestre do ano 2003, tramitáronse dous recursos contencioso-administrativos, contra a instalación da Planta de GNL en Mugardos, un presentado polo Excmo. Concello de Ferrol e o segundo por Dª Luz Marina Torrente en representación da Plataforma de Vecinos Cruceiro de Mehá.= Xa no mes de xuño de 2003, a empresa REGANOSA presentou no Ministerio de Economía, o proxecto constructivo da planta de recepción, almacenamento e regasificación de G.N.L. en Mugardos (A Coruña), solicitando a aprobación do proxecto,o cal foi autorizado polo Ministerio de Economía en febreiro de 2004.= Na actualidade, e despois dun longo percorrido, estase a construír a Planta de Gas no lugar de Punta Promontoiro en Mugardos. Esta é sin dúbida unha das actuacións industriais máis importantes da presente década no ámbito da Comunidade de Galicia, non so por ser unha infraestructura fundamental para o desenvolvemento enerxético de Galicia, senón tamén por contribuír á dinamización industrial e socioeconómica dunha Comarca, a de Ferrolterra, que aínda non se recuperou do declive ocasionado pola reconversión naval dos anos 80, superando ampliamente a media de paro autonómico e estatal.= A Planta de Gas que constrúe Reganosa na ría ferrolá suporá a maior inversión acometida por unha empresa en Galicia no último decenio. A devandita empresa destinará 387 millóns de euros á execución da quinta terminal de regasificación de España e a súa rede de gaseoductos, un proxecto que dotará de autonomía enerxética a Galicia e posibilitará outras importantes actuacións industriais na Comunidade, concretamente as terminais de ciclo combinado que construirán Endesa e Fenosa, os dous principais accionistas de Reganosa, en As Pontes e Sabón (Arteixo), que tamén contribuirá á dinamización destas zonas, potenciando o seu carácter industrial.= Asimesmo, contribuirá á resolución de problemas de contaminación e da adaptación das empresas ó “Protocolo de Kioto”. Concretamente, Unión Fenosa desmantelará a central eléctrica de fuel en Sabón, para construír unha nova central de gas natural (ciclo combinado), adaptada completamente ás esixencias medioambientais a nivel mundial.= Así mesmo, suporá a creación de 2.000 empregos directos durante a fase de construcción, e arredor de 500 na fase de operación, ó que hai que engadirlle o emprego indirecto que xenerará, así como a cualidade do mesmo por ser unha infraestructura con vocación de permanencia; o que sen dúbida suporá un efecto de recuperación económica da Comarca da Ferrol, tan precisada de inversións que a dinamicen.= Por outra banda, a planta de gas, pasou tódolos trámites administrativos necesarios para a súa autorización, e dispón de tódalas medidas de seguridades necesarias para evitar calquera tipo de risco.= Cómpre sinalar que existe un amplio consenso político e social que considera esta Infraestructura como fundamental non so para o desenvolvemento da Comarca de Ferrol, senón incluso para o futuro industrial de Galicia. Así, Partidos Políticos que inicialmente mostraron as súas reticencias no que respecta ó emprazamento, como o BNG e o P.S.O.E.; no ámbito do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados, instan a que as obras se executen con axilidade e non se perda unha inversión tan estratéxica e importante non so para a Comarca de Ferrol, senón para o conxunto de Galicia.= Así pois, nin a Comarca de Ferrol nin Galicia, poden permitir que esta importante inversión non se execute, e se desplace a outras zonas do Estado, cos perniciosos efectos que esto conlevaría, xa que se perdería unha oportunidade histórica para o reforzamento do tecido industrial e empresarial da Comarca de Ferrol, e polo tanto para a creación de numerosos postos de traballo, e a implantación futura de novas empresas atraídas polas potencialidade dun sector estratéxico como o do gas natural licuado, que evitará a dependencia enerxética de Galicia.= Con fin de eliminar calquera atisbo de inseguridade xurídica ou incertidumbre que poida retrasa-las obras e orixinar, en última instancia, que a devandita Planta de Gas non se constrúa, sométese para a súa toma en consideración polo Concello Pleno a seguinte PROPOSTA DE ACORDO= O Concello de Ferrol, consonte ó previsto nos artigos 74 e 75 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da Xurisdicción Contencioso-Administrativa, acorda desistir ou allanarse segundo sexa o caso, dos procedementos xudiciais nos que sexa parte contra a instalación da planta de Gas, no lugar de Punta Promontorio, en Mugardos.= A tal fin, dará as instruccións precisas ós seus letrados para que fagan efectivo o anteriormente exposto.”
Previa deliberación, a Corporación, en votación ordinaria e por maioría catorce votos en contra, correspondentes ós Sres/as. membros de Independientes por Ferrol, Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida e un membro do grupo Socialista (Sr. Fra Molinero), fronte a sete votos a favor, correspondentes ós Sres/as. membros do grupo Popular e tres abstencións, dos restantes membros do grupo Socialista, acordou rexeitar a moción transcrita, nos seus propios termos.

1.MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA INSTANDO A QUE O CONCELLO INICIE AS ACTUACIÓNS XUDICIAIS OPORTUNAS PARA SOLICITAR A SUSPENSIÓN CAUTELAR DAS OBRAS QUE ESTÁ A REALIZAR A EMPRESA REGANOSA PARA INSTALAR UNHA PLANTA DE GAS EN PUNTA PROMONTOIRO, MUGARDOS.-
Examinada a moción que presenta o grupo municipal de Esquerda Unida, que textualmente di: “Yolanda Díaz Pérez, Concelleira-Voceira do grupo municipal Esquerda Unida-Izquierda Unida, ante V.I. comparece e presenta a seguinte moción ao Pleno da Corporación municipal do Concello de Ferrol con base nos seguintes MOTIVOS.= O pasado 23 de xuño de 2004 a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictou Sentencia pola que se estima o recurso interposto polo Concello de Ferrol contra Resolución de 19/12/2001 da Consellería de Medio Ambiente sobre declaración de efectos ambientais do Proxecto da Planta de Almacenamento e Regasificación de Gas Licuado de Mugardos promovido por REGANOSA.= Que á vista desta resolución o Grupo municipal Esquerda Unida-Izquierda Unida solicitou a convocatoria da Xunta de Voceiros do Concello de Ferrol para tratar este tema, reunión que tivo lugar o 16 de xullo de 2004. Tras esta reunión, e á vista do acordado nela, convocouse novamente unha Xunta de Voceiros na que estaba presente o Letrado contratado polo Concello para a defensa dos seus intereses neste asunto. O Sr. Letrado manifestou ós voceiros que consideraba oportuno e axustado a dereito solicitar a suspensión cautelar das obras que na actualidade está a realizar a Empresa Reganosa para instalar unha Planta de Gas en Punta Promontoiro en Mugardos.= Polo exposto e tendo en conta os acordos plenarios tomados dende o ano 1995 sobre esta cuestión, a Sentencia de 23 de xuño dictada pola Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia citada, así como as iniciativas xudiciais emprendidas por este Concello, se propón ao pleno da Corporación que adopte o seguinte ACORDO.= Mandatar ó Letrado Sr. Mora que inicie en nome do Concello de Ferrol as actuacións xudiciais oportunas para solicitar a suspensión cautelar das obras que na actualidade está a realizar a Empresa Reganosa para instalar unha Planta de Gas en Punta Promontoiro en Mugardos.”
Previa deliberación, a Corporación, en votación ordinaria e por maioría de oito votos a favor, correspondentes ós Sres/as membros de Independientes por Ferrol, Esquerda Unida e un membro do grupo Socialista (Sr. Fra Molinero), fronte a sete votos en contra correspondentes ós Sres/as. membros do grupo Popular e nove abstencións, correspondentes ós Sres/as. membros do Bloque Nacionalista Galego e dos restantes membros do grupo Socialista, acordou aprobar a moción transcrita, nos seus propios termos."

carlosroca #10 4/Decembro/2007 carlosroca

Máis claro as cínicas difamacións... auga.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: