Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Operación Virgin', durante toda a mañá deste luns

Operación policial contra unha suposta trama urbanística no Concello de Mugardos

En total catro persoas foron detidas, tres relacionadas co departamento técnico-urbanístico e outra, policía local da localidade ferrolá.

Redacción / Axencias - 16:55 03/12/2007

Axentes da Unidade de Delitos Urbanísticos adscritos á Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña detiveron este luns catro persoas relacionadas cunha suposta trama urbanística que afecta ao Concello de Mugardos.

Segundo confirmou a Garda Civil, os detidos son tres persoas que estiveron relacionadas -algunha aínda o está- co departamento técnico-urbanístico do citado concello e o cuarto arrestado é un policía local da localidade mugardesa, marido da propietaria dunha inmobiliaria.

Todos eles prestan declaración nas distintas dependencias do corpo armado na comarca e mais na Coruña, na tarde do luns.

A denominada 'Operación Virgin' comezouse a xestar no mes de maio deste mesmo ano. As dilixencias da mesma -instruídas polo Xulgado de Instrución Número 4 de Ferrol- están baixo segredo de sumario. Ademais, leváronse a cabo diversos rexistros en estudos de arquitectura, nunha inmobiliaria e nun domicilio particular, de Fene, Mugardos e Ferrol.

Os catro detidos están imputados en supostos delitos de tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios. Outras tres persoas, dous promotores e unha arquitecta, deberán declarar tamén por feitos similares. Segundo indicaron fontes próximas á investigación, as detencións comezaron a partir das 9.00 horas e se prolongaron deica ás 14.30 horas.


4,29/5 (14 votos)


Comentarios (3)

mceleiro #1 3/Decembro/2007 mceleiro

Esperemos que a actuação policial se extenda a outros concelhos... Há muito corrupto por prender.

Curuxa #2 3/Decembro/2007 Curuxa

Estou con mceleiro... Non se pode permitir a sicilianización deste noso país. Que nos conten como nunha cidade coma Vigo, con menos servizos que calqueroutra, págase o m2 a prezos da Castellana de Madrid... que no-lo conten señores advogados con "mando en praza", políticos corruptibles varios, funcionarios de alto nivel, intermediarios en tramas narco, a máis de profisionais (doutores, dentistas, advogados...) con níveis de vida ben boiantes e que declaran a facenda só os ingresos da súa dobre ocupación en mesteres públicos. Os currantes apenas manexamos cartos negros.

maraghota #3 4/Decembro/2007 maraghota

"estudios de arquitectura"

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: