Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Querela presentada por disidentes

A Audiencia Nacional valora procesar a Fidel Castro por xenocidio

En relación coa morte de nove prisioneiros en 1961 tras a invasión de Playa Girón. Por outra banda, Cuba anunciou a sinatura de varios acordos sobre Dereitos Humanos.

Redacción - 11:25 11/12/2007
Felipe Pérez Roque, este luns en La Habana

Felipe Pérez Roque, este luns en La Habana

A Audiencia Nacional vaise pronunciar este xoves sobre unha querela presentada por disidentes cubanos contra o presidente do goberno de Cuba, Fidel Castro, por "xenocidio, terrorismo, tortura e delitos contra persoas e bens".

Os feitos remóntanse á invasión da illa en 1961, auspiciada por Estados Unidos, e ao combate que se produciu en Playa Girón (en español; Pigs Bay, en inglés) para repelela. Nove prisioneiros morreron asfixiados nun camión que os transportaba cara á capital, La Habana.

Os xuíces españois recoñeceron a súa xurisdición de acordo cos principios da Xustiza universal. É a terceira vez que unha asociación cubana presenta este tipo de querela por aqueles feitos. As dúas primeiras veces a demanda non prosperou.

Esta nova demanda baséase en que Fidel Castro xa non ten inmunidade xa que delegou o poder no seu irmán Raúl hai ano e medio por razóns de saúde. Esta situación será a que analice o xoves o pleno da Sala do Penal da Audiencia Nacional. Ademais de Fidel Castro, acusan tamén o ex ministro de Turismo, Osmani Cienfuegos.

Cuba asina pactos de dereitos humanos da ONU
Por outra banda, Cuba vai asinar a principios de ano dous pactos internacionais de dereitos humanos de Nacións Unidas que rexeitara até o de agora, segundo anunciou este luns o ministro de Exteriores, Felipe Pérez Roque, quen ademais manifestou a vontade da illa de cooperar máis estreitamente co Consello de Dereitos Humanos da ONU.

Neste senso, adiantou ademais que Cuba "renderá contas" e someterase no primeiro trimestre de 2009 ao mecanismo de revisión periódica universal do novo Consello de Dereitos Humanos, como unha "mostra do espírito de cooperación e da vontade de expresar os nosos logros, carencias e dificultades".

A decisión política de rubricar o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, así como o de Dereitos Civís e Políticos, prodúcese despois do "cambio radical" do novo Consello de Dereitos Humanos, afirmou Pérez Roque, que en xuño decidiu sacar a Cuba da súa "lista negra", e dado que este asunto xa "non é manipulado" contra a illa.

Día Internacional dos Dereitos Humanos
"Cuba festexa o Día Mundial dos Dereitos Humanos coa fronte ergueita", dixo o dirixente cubano, quen tamén acusou aos grupos da oposición interna de ser "mercenarios" de Estados Unidos.

Precisamente, unha ducia de opositores cubanos protestaron este luns polas rúas de La Habana, o que provocou a reacción inmediata dun cento de seguidores do goberno que lles berraron e empuxaron, até disolver a protesta.


Ligazóns

3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: