Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén hai recoñecemento para a traxectoria de Xoán Barro

Premio "Galicia Comunicación" para La Voz de Galicia e A Nosa Terra

O galardón tamén se acordou de Xosé Lois González Vázquez, creador do Carrabouxo, coincidindo co 25 aniversario da publicación da primeira viñeta.

Redacción - 15:30 20/12/2007

Pola súa " preocupación e esforzo na defensa de Galiza, as súas xentes e a súa cultura ao longo dos 125 anos que vén de cumprir a cabeceira", a Xunta outórgalle este 2007 a La Voz de Galicia o premio á "Mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación". Quince anos despois de recibilo por vez primeira, La Voz de Galicia é así galardoado outra vez cun recoñecemento que ao longo do tempo xa recibiran tamén varios dos seus directores e xornalistas.

Por outro lado, o premio á "Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos" foille concedido ao semanario A Nosa Terra, distinción coa que o xurado destaca ademais a celebración do centenario da publicación. O resto de galardóns: "premio ao Mellor labor de comunicación en medios impresos" para Andrés Torres Queiruga, presidente de Encrucillada , Revista Galega de Pensamento Cristiá; premio "Mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos" para Xosé Lois González Vázquez, creador do Carrabouxo; premio "Mellor labor de comunicación en medios radiofónicos" para La Estación Azul de Radio 3, polo programa realizado por poetas galegos; e premio "Mellor labor de comunicación en televisión" para o programa Alalá emitido pola TVG. Tamén se fai mención especial da traxectoria profesional de Xoán Barro, xornalista de TVE en Galicia por ser pioneiro dun medio audiovisual en Galiza.

Galardóns con pasado polémico
Facéndose eco das críticas que durante anos recibiron estes premios desde diversos sectores políticos e sociais, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeitaba o ano pasado o convite a ser parte do xurado destes galardóns. "O xornalismo en democracia debe ter unha función de contrapoder", subliñaba o decano do CPXG, Xosé Manuel Vega, solicitándolle á Xunta que suspendese a concesión destes premios creados en 1991.

Recordaba o CPXG que desde o propio executivo se prometera non volver convocalos, ao tempo que chamaba a que calquera tipo de recoñecemento aos xornalistas estea promovido por organizacións representativas da sociedade civil, e nunca desde as institucións públicas

Así, nesta edición, o colectivo xornalístico estivo representado no xurado pola Asociación de Xornalistas de Galicia, con Arturo Maneiro Vila, o seu presidente, á cabeza. Maneiro foi responsábel da radio e a televisión pública galega durante diversos períodos durante os gobernos de Manuel Fraga.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: