Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CENTRAL TÉRMICA TIÑA UN PERMISO ESTATAL

Os traballadores evitaron que Meirama queimase residuos da nuclear de Zorita

O propio comité de empresa abortou a decisión, logo de coñecer que ía chegar un transporte especial con vinte toneladas de palés moídos.

Ramón Vilar - 19:20 20/12/2007

A alarma saltou este xoves en Cerceda cando se soubo que a empresa Unión Fenosa valorara trasladar até a térmica de Meirama (Cerceda) vinte toneladas de serrallo procedente da central nuclear de Zorita antes de que rematase o ano. Segundo puido saber Vieiros, foi o propio comité de empresa da térmica cercedense o que puxo reparos hai uns días ao transporte do serrallo, que xa dispoñía dun permiso especial. Os representantes dos traballadores advertíronlle á empresa que poñerían o feito en coñecemento da Inspección de Traballo.

As vinte toneladas de serrallo proceden de palés moídos que se empregaban nas instalacións de Almonacid de Zorita (Guadalaxara). O Consello de Seguridade Nuclear (CSN) autorizou a Unión Fenosa a queima deste serrallo xa que, segundo este organismo, non representa un perigo. A empresa decidiu trasladalo até o municipio de Cerceda para queimalo. Porén, logo de ver a postura dos propios traballadores Unión Fenosa reconsiderou a súa decisión.

A voceira do BNG de Cerceda, Rocío da Igrexa, presentou este mesmo xoves unha moción no Concello. A concelleira nacionalista conseguiu poñerse en contacto con directivos da central térmica de Meirama que tamén lle confirmaron que non ía chegar o serrallo. Previamente, Da Igrexa denunciou o feito diante da Consellaría de Innovación e Industria que, aínda que non ten competencias na materia, trasladoulle o seu malestar e rotunda oposición a Unión Fenosa. A empresa prometeulle ao departamento de Fernando Blanco que non se ía queimar ningún material procedente dunha industria nuclear.

As instalación de Zorita pararon de funcionar en abril do ano pasado logo de 28 anos de actividade. Dende ese momento comezou un proceso de desmantelamento da central nuclear, o primeiro que se deu no Estado. A central era a máis pequena das do Estado (160 megavatios) e era o branco de críticas dos colectivos ecoloxistas que a consideraban moi insegura.

A última das polémicas arredor desta central xurdiu pola posíbel perda de material que estaría afectado pola radiación. Poden ler o sucedido en La Crónica de Guadalajara.


4,95/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: