O número de vendas de pisos diminuíu en case dous mil con respecto ao anterior trimestre.
As vendas de pisos están a descender de xeito preocupante
Merco ou non merco? está é a pregunta que centos de galegos se fan cada día á hora de adquirir unha vivenda. O porqué, está moi claro: o incremento dos prezos dos inmóbeis en Galiza, a suba dos tipos de interese, os longos períodos que abranguen as hipotecas... son moitas as causas que botan para atrás a aquelas persoas que queren mercar unha vivenda propia.
Ademais disto, a sospeita da existencia dunha burbulla inmobiliaria que pode rebentar en calquera momento é outra das causas que están a ralentizar os movementos de compra-venda neste sector, que nos últimos meses rexistrou unha significativa crise de demanda.
Pero canto custa adquirir un piso no noso país? segundo a información pescudada por Vieiros, aqueles que queiran mercar unha vivenda de 70 metros cadrados teñen que ter canda menos 110.000 euros, que é o que custa un piso en Ourense, ou até 240.000 en Vigo, senón sempre poderán decantarse pola opción de pagar unha hipoteca durante unha media de 28 anos para posuír unha vivenda de seu. En Lugo os pisos sitúanse arredor dos 185.000 euros, mentres que en Compostela a cifra ascende até os 210.000.
Facilidade para endebedarse
Pero por que se produciu un incremento tan acusado no prezo das vivendas? o colaborador de Vieiros Economía Roberto Río Morán, fixo unha análise na que diferenciou entre as causas macroeconómicas, sociais e políticas. Para Roberto Río, até o de agora vivimos unha etapa do ciclo económico “marcada por un considerábel crecemento económico en Galiza, que unido á inflación moderadamente baixa fixo posíbel que os galegos e galegas tivesen capacidade de aforro nos últimos anos”. Xunto con esta causa, a política monetaria do Banco Central Europeo (BCE) viu marcada polos “baixos tipos de xuro, polo que endebedarse era máis barato”.
Se temos en conta o punto de vista social, a causa fundaméntase na crenza dos galegos de que “a vivenda sempre sobe”, e aínda que segundo Río Morán non é certo, o cidadán de a pe “asume que a mellor maneira de non arriscar os aforros e de obter unha grande rendibilidade é investir en inmóbeis”. Con esta actividade, a vivenda pasou de ser un ben básico, a ser un mero vehículo de investimento especulativo. É aquí cando nace o xermolo da burbulla inmobiliaria.
En canto ás causas políticas, Roberto Río indica a existencia de factores como a redución do tamaño da unidade familiar, a aparición dunha política fiscal da Administración Estatal que incentiva a vivenda en propiedade en detrimento do aluguer e a inexistencia durante anos de políticas integrais da Administración galega que promoveran a vivenda protexida ou de alugueiro. Tamén xogou un papel importante o prezo que alcanzou o solo ao supoñer un importante ingreso para os concellos e non estar liberalizado.
As vendas seguen a descender
Dende as inmobiliarias o descenso das vendas vense notando aproximadamente dende hai catro ou cinco meses, excepto no caso de Vigo, onde a crise xa comezou hai ano e medio. Segundo indicou Luís Chao, de Acanto Inmobiliaria, en Lugo, na actualidade existe unha situación negativa para o comprador, debido sobre todo ao “incremento dos tipos de interese, que sumado ao elevado prezo dos pisos fai difícil para os compradores lanzarse a mercar unha vivenda”.
Dende Ourense, o sector inmobiliario achaca o descenso no interese dos clientes aos medios de comunicación, e sobre todo á suba das hipotecas, mentres que en Compostela indican que na actualidade os bancos xa non apoian ao 100 por cento a adquisición de inmóbeis, xa que opinan que é “un mal momento para mercar”. En Vigo a xente está a esperar a que baixen os tipos de interese e a que se poña en funcionamento o Plan Xeral polo que se contempla destinar o 40 por cento para a vivenda protexida.
Sexa cal fose a causa, o certo é que no último trimestre, segue a rexistrarse un número moi baixo de transaccións inmobiliarias, segundo indican os datos do Colexio de Rexistradores. A media interanual de compravendas de vivenda situouse en 33.376, das cales máis de 16.000 son inmóbeis novos e 17.000 pisos usados, o que supón un descenso de case 2.000 movementos inmobiliarios con referencia ao anterior trimestre, no que se situaban en 35.082.
Incremento dos prezos, suba dos tipos de interese, hipotecas interminábeis... ao final, merco ou non merco?
Parece claro que aínda non é o momento de mercar. No último semestre de 2007 a vivenda en Galiza aumentou de prezo pouco máis do 1%. Quen nos di que a final de ano non imos atopar pisos máis baratos ca agora? Nas inmobiliarias andan desesperados...a xente xa non compra ás toas. Cun salario medio de 900 euros quen pode pagar 180.000 euros por un piso nun barrio periférico dunha cidade. O que estivo a pasar nos últimos dez anos foi un auténtico escándalo de pelotazos. Os políticos dedicáronse a mirar para outro lado.
Exactamente! Os políticos miraron para outro lado, pola conta que lles traía a moitos deles; e os do ladrillo a facer caixa e a "axudar" nas campañas electorais; e agora tócalles ir de víctimas ( Que peniña dan...Mal raio os parta!,) mentres viven das rendas dos capitaliños xuntados en mellores tempos cos tipos de xuro actuais, que xa non están tan mal, e que os bancos seguen a recadar aos hipotecados por necesidade e aos incautos, que pediron hipotecas 'livinlavidaloca' sen pensar nin canto pedían nin por cantos anos.
Creo que hai que agardar un pouco, a medida que vaian quebrndo as empresas inmobiliarias, van ten que rebaixar o stock. Ademáis non é etico pagar 50 kilos por un apartamento.
Se iste fora un país normal, tendo en conta o que cobra a maior parte da xente, un piso do trinque de 70 metros en Compostela debía custar como moito 90.000 euros. O problema é que por este prezo en Santiago e noutras cidades do país por este prezo non podes comprar nin un galpón.
Non concordo con quen di que non é momento de mercar. Agora mesmo hai moita máis oferta que demanda e calqueira que sepa un pouco de economía saberá que ese é un momento propicio para o comprador. Pero no mercado inmobiliario actúa un factor económico inusual: o vendedor non o é a curto prazo, polo que a rebaixa no prezo non se basea na necesidade de venda.
Agora mesmo o que se incrementou é a porcentaxe de rebaixa final no prezo de venda. Hai un ano a rebaixa tiña unha media de entre 6 e 12 mil euros, agora falamos de rebaixas de até 24-30 mil euros nunha negociación.
Como propietario dunha axencia de intermediación inmobiliaria levo tempo previndo a situación, se a vivenda pasa de ser un ben de primeira necesidade a un ben especulativo non é culpa dos promotores nin das axencias inmobiliarias, o é dos inversionistas atraidos polas altas porcentaxes de beneficio. A especulación é ilegal, pero non se regula e os que pagamos o pato son as pequenas inmobiliarias de toda a vida, as que comenzamos vendendo os pisos dos nosos veciños e tivemos que acabar buscando os compradores fóra de Galiza. Agora terán que pechar moitas e quen lle vai facer unha reconversión? Ah, non, iso só é para os pobriños traballadores do metal que se xubilan aos 50 con 1.200 € (a costa dos impostos de todos e todas) e aínda protestan.
Cousas do liberalismo, durante anos se incentivou o mercado inmobiliario como medida paliativa da economía e se penou a iniciativa empresarial (a eliminación do IAE deixou aos concellos o urbanismo como única fonte de financiación).
Eu nom concordo com a utilizaçom do termo CRISE, polo menos na maneira q se está a usar nas notícias e informes económicos.
Esta-se a utilizar o termo crise para identificar un periodo de menores vendas e ralentizaçom no sector da construçom e das imobiliárias.
Sem embargo non se fala da baixada dos preços dos prédios, aí si haveria crise: se o valor polo q se ten q vender um bem é inferior ao seu custo de obtençom.
Mas os preços continuam a subir, embora em menor medida, e talvez cheguem a nom subir durante umha temporada.
Isto já aconteceu nos 90: grande número de vivenda sem vender q levou á faléncia de numerosos construtores e imobiliárias. Mas os preços dos apartamentos nem baixarom, talvez se ralentizou.