Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Rafael Díez Usabiaga, secretario xeral de LAB

"Máis cedo que tarde tense que volver ao diálogo e negociación"

Xa fora mediador na primeira negociación importante entre a ETA e o goberno español. Volveu ser intermediario clave para que a ETA declarase a última tregua. Falamos con este líder sindical vasco.

Roberto Noguerol - 11:20 18/01/2008

"O Estado español necesita unha segunda transición arredor do modelo territorial, que recoñeza a realidade plurinacional e que lle dea a palabra e respecte a vontade das nacións históricas (...) E aí, o sindicalismo ten que ser un axente que empuxe a clase política a espazos de negociación e acordo. E iso coa fin de terminar con dúas cousas: o condicionamento político da vontade da sociedade vasca, e tamén coa confrontación e a violencia. E todo iso tense que vertebrar nun proceso de diálogo e negociación".

Así o conta para Vieiros o secretario xeral do sindicato LAB, Rafael Díez Usabiaga,
ex deputado de HB e referencia de prestixio na esquerda abertzale, a quen chegaron a definir coma o posíbel "Gerry Adams" vasco, cualificativo que el persoalmente non considera axeitado:

En que medida están vencellados ao propio escenario político que vive Euskadi agora mesmo os retos fixados por LAB na asemblea nacional que acaba de celebrar?
A referencia fundamental marcada para os próximos meses é a de sermos suxeito activo polo cambio político e social en Euskal Herria. A cultura política vive na encrucillada entre dous grandes ciclos políticos. Por un lado, un ciclo esgotado: o que coñecemos por modelo constitucional e estatutario, e un novo ciclo que non termina de abrirse especialmente no que respecta ao futuro das nacións históricas. Nós queremos que LAB sexa un axente activo na determinación do contido e características dese cambio político que ademais doutras cousas entre a tratar un escenario de fin do conflito. Por outra parte, queremos influír desde a nosa actividade social e sindical en artellar e sumar as forzas progresistas en favor dun gran cambio social que lle dea alternativas ao modelo vixente de comunidades autónomas e no que están cómodos UPN ou PNV. En síntese son os eixos debatidos, entendidos tamén no proceso precongresual no que estamos: cara ao sétimo congreso a celebrar en maio.

Dá a impresión de que a patronal vasca está bastante cómoda coa correlación de forzas e coas propias políticas desenvolvidas polo actual goberno vasco. Como deseña o pulso sindical LAB nese contexto?
Máis aínda, existe unidade de criterios e mesmo acción entre patronal e goberno na elaboración de políticas sociais e laborais. Nós pensamos que con iso están facendo políticas sociais e laborais que frean a posibilidade de que os traballadores se vexan beneficiados da fase de crecemento económico. Por iso, o sindicalismo abertzale está nunha posición moi crítica coas políticas neoliberais que chegan de Gasteiz e Iruña, e que chegan atravesadas por criterios privatizadores, gasto social en retroceso, políticas fiscais regresivas que non están demostrando servir en términos de redistribución de riqueza.

Alén desas claves, LAB signifícase polo afán de faceren achegas desde o sindicalismo no marco da procura de solucións políticas cara á un escenario de paz. Ao respecto, en que momento estratéxico se atopan vostedes agora mesmo?
Neste momento é claro que a conxuntura política en Euskal Herria está condicionada pola ruptura do que se coñece como proceso negociador e a apertura de esquemas de confrontación, dinámicas político-xudiciais de vulneración de dereitos fundamentais, etc. No fondo desta situación está o que comentabamos: esa encrucillada entre ciclos que explica que o país demanda un cambio que realmente responda a un modelo constitucional esgotado. O futuro só se pode construír en clave de diálogo, negociación e acordo. A situación actual debe resituarse a través dun cambio político que recoñeza a realidade nacional vasca e lle dea a palabra á cidadanía.

O Estado español necesita unha segunda transición arredor do modelo territorial, que recoñeza a realidade plurinacional e que lle dea a palabra e respecte a vontade das nacións históricas. A dialéctica actual do debate político está aí, entre esas dúas alternativas de futuro: ou a simple reforma dos marcos vixentes ou realmente unha segunda transición que solucione a realidade interna do Estado.

E aí, o sindicalismo ten que ser un axente que empuxe a clase política a espazos de negociación e acordo. E iso coa fin de terminar con dúas cousas: o condicionamento político da vontade da sociedade vasca, e tamén coa confrontación e a violencia. E todo iso tense que vertebrar nun proceso de diálogo e negociación.

E nesa función de empuxe da que fala vostede en que medida a esquerda abertzale se caracteriza agora mesmo polo peso maior ou menor de determinadas posicións máis sensíbeis ou máis flexíbeis cara ao marco negociador?
Nós pensamos que neste momento o conflito nacional vasco segue sendo elemento central na política do Estado español. A situación está tamén moi condicionada polo contexto preelectoral, e as necesidades que se xeran no marco da competencia entre PSOE e PP, e no que Euskal Herria remata tantas veces convertida na diana política da competencia electoral destes partidos. Vémolo con claridade nas terapias xudiciais e políticas que propoñen nas últimas semanas, con sentenzas, sumarios e ameazas dunha previsíbel ilegalización...

Alén do que a curto prazo, poida acontecer nas próximas semanas, incluso co propio resultado electoral, a cuestión de fondo segue sendo a procura de solucións estábeis e definitivas ao conflito. A esquerda abertzale fixo unha proposta dentro do marco democrático, unha proposta de cambio, simple e pragmática, que debería situarse no centro do debate político. E dá a impresión de que iso é o que trata de evitar o PSOE coa súa estratexia represiva despois da ruptura do proceso negociador. E hai que subliñalo: aínda neste momento de tránsito e despois de todo o acontecido, a solución ao conflito só pode encarreirarse por vías de diálogo e negociación, iso non ten alternativa. Alén desas situacións estáticas, máis cedo que tarde deberase volver a un proceso de diálogo, negociación e acordo político.

Axudaría a esoutro punto de inflexión a volta ao Congreso da esquerda abertzale... caso de que lles deixen...? En que medida empurraría o proceso o rol de ANV?
Que todas as opcións políticas sexan accesíbeis á cidadanía é o mínimo a esixir. Non entendemos como o PSOE segue a estela da estratexia iniciada polo PP, recortando dereitos elementais e xerando situacións que só contribúen a aumentar o grao de crispación e facilitan o discurso da dereita estatal. Con iso só conseguen crear dificultades e afastar escenarios que faciliten o diálogo. Que no contexto europeo onde vivimos asistamos a esa caza en términos políticos e xurídicos que expresan esas actuacións xudiciais... É a antítese do que debería facer un PSOE que chegou predicando un cambio, un talante e creando unhas expectativas e que agora dá a impresión de estarse convertendo nun simple clon da estratexia do PP en relación a Euskal Herria.

Estamos a comezos de 2008, xustamente as datas que se manexaban durante a última tregua da ETA como posíbel presentación do primeiro esquema dun acordo definitivo. Cando menos, así transcendeu durante os momentos máis optimistas das conversas do goberno español coa ETA. Vostede, que estivo a pé dese proceso, en que momento cre que se virou ese optimismo que deu na fin do cesamento de fogo?
Hai responsabilidades múltiples e erros varios e de todos os axentes políticos, pero a análise do que sucedeu os últimos dous ou tres anos tamén indica que o PSOE non deu librado do xugo desa presión política e mediática do PP. O mesmo modelo de Estado e de resposta ao conflito aplicado polo PP, a mesma política penitenciaria, a lei de partidos, bloqueo ao recoñecemento de Euskal Herria como nación... Por tras das palabras e do talante, Zapatero non demostrou resolución política. Ficou condicionado por enquisas, por editoriais de medios de comunicación, por declaracións de tal ou cal personaxe, pola posición política do PP ou pola AVT.

É dicir, atopámonos cun PSOE que especulou cunha gran oportunidade política, e que non soubo vertebrar un cambio onde integrar unha solución política global e definitiva para o conflito. Por tras desa idea obxectiva poderán existir outros niveles de responsabilidade. Pero neste momento e vendo o tipo de debate e competencia política de PP e PSOE en relación a quen defende mellor España, quen encarcerou máis, quen ilegalizou máis... Ese é o espello onde se retrata a posición que desgraciadamente até este momento tivo o PSOE en relación ao que, mirando outros exemplos como pode ser o caso de Irlanda, debe ser unha actitude positiva fronte a un conflito de natureza política que ten moitas variábeis e entre elas unha realidade de violencia e confrontación.

Falaba agora de erros nas dúas partes na mesa negociadora, no seu momento e logo das bombas na T4 falou de "ambigüidade" da ETA e avisou de que con bombas non hai proceso. En que medida eses posicionamentos desde a esquerda abertzale abrollarán máis e terán a capacidade de protagonizar o proceso? Como evolucionan e cre vostede que evolucionarán esas sensibilidades?
O que podo dicir é que a esquerda abertzale fixo, fai e fará unha aposta firme e concreta en favor da resolución do conflito. Iso está na mesa. E por outro lado, a posición e as actuacións da ETA son responsabilidade única desa organización. Neste momento e malia esa situación de confrontación e ese clima electoral que contamina todo, si que existe unha masa de xente en Euskal Herria que aposta pola idea de que a paz é posíbel no momento en que se permita que se constrúa un proceso de negociación e acordo político que respecte a realidade nacional vasca e que estea disposto por parte de todos os axentes políticos, tamén o goberno español, a entender que Euskal Herria será o que a cidadanía dispoña libre, democraticamente e sen limites nin hipotecas nin coaccións de ningún tipo e natureza. O demais son cuestións de tipo especulativo que en nada favorecen a encarreirar as cousas.

Eu, desde a miña posición no sindicato e na esquerda abertzale, vexo que con independencia de todo o contexto de confrontación, por riba da mesa segue habendo unha proposta de marco democrático. Proposta que debe ser referencia para que alén do contexto electoral e dos feitos que están xerándose, todos os axentes a vexan como documento de referencia para tratar as solucións definitivas ao conflito.

E respecto doutra proposta enriba da mesa, o calendario de Ibarretxe, que lle parece ese guieiro?
Nós entendemos que hai que darlle a palabra á sociedade vasca e por iso a idea de consulta que propón é un principio co que sempre imos estar de acordo. Outra cousa son as indefinicións: como se vai propoñer, en que ámbito, con que contido, desde que caracterización. É Ibarretxe quen ten que definir iso nas próximas semanas e meses. Ibarretxe fixo referencia a unha consulta que facilite o proceso de negociación política, pero está por avaliar se estamos diante dunha proposta que busca realmente ese obxectivo.

En todo caso, nós pensamos que o cambio político que vén é inevitábel: hai que abrir esa segunda transición respecto do modelo territorial, máis aló do marco estatutario pechado na gaiola constitucional. E desde a esquerda abertzale queremos evitar que se volva repetir un certo mimetismo da fraude histórica que se puxo en marcha hai trinta anos en canto ao déficit de recoñecemento das nacións históricas. Esforzarémonos para poñer os cimentos dun novo ciclo democrático en Euskal Herria.

Citaba antes o caso de Irlanda. Alec Reid, mediador clave aló e tamén coñecedor e colaborador do proceso vasco, cualificouno a vostede coma o "Gerry Adams vasco", polo seu protagonismo como interlocutor e pola súa capacidade de introducir de certas sensibilidade no ámbito da esquerda abertzale...
Hai que dicir que en todo caso as referencias coma esa de Alec Reid non teñen parangón na nosa realidade, Son mimetismos que mesmo chegan a ser contraproducentes cando se presentan da mesma maneira, tanto en relación á miña persoa como á doutras persoas da esquerda abertzale.

Nese escenario, a súa impresión medio prazo cal é? Imos ver un escenario máis favorábel á recuperación do proceso despois da fin do último cesamento de fogo?
Facer neste momento un discurso optimista sería vender fume, porque todos os indicadores sinalan en dirección contraria. Pero estou convencido de que o conflito en Euskal Herria non ten solución desde os parámetros nos que se presenta neste momento. O que vemos agora non axuda a escenario converxente de diálogo e solucións. As eleccións no Estado español están xerando un grao de crispación que o contamina todo. Con certa perspectiva temos que traballar para que esa lea política existente neste momento vaia desaparecendo e na posición de LAB cremos que este país terá capacidade para soprar fóra esa néboa de dificultades e situarnos nun contexto onde poidamos construír a solución definitiva a este conflito que é o que arela a maioría da sociedade.


Ligazóns

4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: