Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA - un rural vivo e sostible (II)

Carmen Freire, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego

Carmen Freire é a persoa que dirixe o Sindicato Labrego Galego ao resultar elixida para suceder a Lidia Senra á fronte da Secretaría Xeral desta organización para a que xa traballaba dende hai moitos anos. Se ademais temos en conta que se trata dunha enxeñeira agraria e forestal e que tamén traballa na súa explotación no concello de Rois parece que este posto estaba feito para ela. Por se fosen poucas ocupacións, está esperando o seu segundo fillo. Isto foi o que nos dixo sobre a situación actual do rural galego.

Aldegunde Quiñones - 17:21 18/01/2008

Primeiro Lidia Senra e agora ti á fronte do Sindicato Labrego Galego. Xa hai moitos anos que as mulleres rompestes o “teito de cristal” no teu sindicato.

Aparentemente si, pero o feito de que a anterior secretaria xeral, Lidia Senra, fose unha muller e agora saíse adiante a miña candidatura non significa que lográsemos a igualdade real. Aínda non hai unha implicación da gran maioría das mulleres que vivimos do rural e que poderiamos ter tarefas públicas.

Pero que unha muller ocupe o cargo de maior responsabilidade supón un gran avance.

É certo que avanzamos moito, sobre todo desde que creamos a Secretaria das Mulleres, que xurdiu a partir dunha reflexión de Lidia, xa que vía que ela tiña unha función de representación do Sindicato cara ao exterior, pero non se deran os cambios reais e profundos que fixesen posible que o resto de mulleres tivésemos presenza cos nosos dereitos e os nosos deberes. Por iso precisabamos desta ferramenta propia de participación e autoorganización que foi a Secretaría das Mulleres. E aínda así segue habendo moitas dificultades, porque somos nós as que seguimos levando o peso de atención á familia (nenos, maiores, a casa, a comida...). Como colectivo, na medida en que imos traballando para cambiar a sociedade, os gobernos e as leis, vemos como aparecen moitas pexas para acadarmos a igualdade real. Cada vez que avanzamos en dereitos hai moitos homes –na sociedade, no poder...- que entenden que perden terreo.

A COTITULARIDADE DOS DEREITOS DE PRODUCIÓN

Isto ten algunha tradución concreta nas explotacións agrícolas?

Pois moi clara, xa que nos está custando un mundo lograr a cotitularidade desas explotacións. As leis, os que lexislan, gobernan e teñen o poder de cambiar a situación, cando propoñemos que se recoñeza legalmente que tamén somos titulares dunha explotación, a todo lle ven dificultades. As leis están profundamente pensadas para manter a discriminación.

E onde está a dificultade?

Ser cotitular significa que a cota de produción tería que repartirse ao 50% e resulta que tanto o Estado, a Consellería o Dereito Civil e todos os lexisladores –e digo “os”- atópanlle a isto problemas sen fin. Claro que aquí tócase un privilexio que os homes tiveron de sempre, porque recoñer isto outorga ás mulleres unha forza moi importante. Implica, por exemplo, que se esa parella se rompe a muller podería montar unha explotación con eses dereitos, ou continuar con esa parte na mesma explotación. Ata agora o home quedaba con todo.

É dicir, sería coma unha separación de bens referida aos dereitos de produción.

Exactamente, pero a separación de bens, que está regulada polo Dereito Civil, non inclúe os dereitos das explotacións. E para que unha muller labrega estea en pé de igualdade nesa explotación ten que ter recoñecidos non só os seus dereitos sobre o patrimonio, as terras que comprasen ou os aforros que conseguisen senón tamén o dereito a producir, porque tamén ten recoñecidos os seus deberes: no caso de débedas ou préstamos ela non pode irse e dicir que os pague o que ten os dereitos. É dicir, que ata o momento a muller ten as obrigas pero non ten os dereitos. Todo isto crea un debate, mesmo dentro da organización e unha concienciación por parte das mulleres de que é algo que nos pertence. E depois, o máis difícil, por raro que pareza, sería conseguir que as adminsitracións o recoñezan nunha lei, xa que aínda que hoxe un matrimonio quixese facelo, non podería.

UN PROXECTO CONTINUÍSTA

A túa candidatura á Secretaría Xeral presentábase como “continuísta”. Iso soa algo raro ante unha elección, non si?

Pois mira, fun eu quen a presentou como continuísta, con todo o orgullo que iso significa, porque esta organización ten logrado avances moi importantes no agro galego e iso é algo co que creo que non debemos romper nin menosprezar. O SLG ten hoxe recoñecido o respecto de moitos labregos e labregas e tamén a nivel político e social, algo do que estamos orgullosos. E nese recoñecemento tivo moito que ver a figura de Lidia como persoa firme, que di o que o Sindicato cre que ten que dicir, aínda que ás veces vaia contra corrente, ou non guste ou haxa que facelo de xeito contundente. Iso foi así, cos seus acertos e os seus erros, e en grande parte porque creo que Lidia é así.

Como se ve o SLG fóra de Galicia?

Pois tamén gañamos recoñecemento fóra, xa que formamos parte da Coordinadora Labrega Europea e da Liga Campesiña o noso sindicato marca camiños, e no eido das mulleres clarisimamente. Isto tamén nos fortalece sentíndonos persoas organizadas que facemos propostas para un mundo mellores que a alianza coa sociedade e importantísima neste momento que estamos vivindo e por iso formamos parte deses foros internacionais antiglobalización como Vía Campesiña ou movementos sociais como agora en Galiza non se vende ou no seu momento en Nunca Máis. Esa alianza coa cidadanía no que respecta á alimentación, aos dereitos das persoas, a soberanía dos pobos fortalécenos como organización. E por iso veuse apostando no Sindicato nestes últimos anos, á parte, claro, das cuestións de política agraria para este país. Non recoñecermos isto sería un erro. Por isto, como che dicía antes, é un labor continuísta no que se refire ás propostas que presentamos no congreso do SLG e que saíron adiante co apoio dunha ampla maioría.

Nese Congreso no que saíches elixida falouse de purgas stalinistas e comparáronte con Putin. Como é o SLG por dentro?

Pois presentáronse dúas candidaturas, dúas formas distintas de entender a forma de traballar. E houbo un debate forte tanto a nivel organizativo coma no que se refire ás apostas sindicais. Pode haber quen crea que o debate se debe obviar e hai xente que cremos que o que fan os debates é fortaleceren as organizacións. O que se dixo é que o equipo polo que eu optei na miña candidatura é monocolor, como efectivamente así é, pero é un equipo de traballo para levar a cabo as propostas logo dos debates nos organismos de dirección. O organismo de dirección entre congresos é a Dirección Nacional, na que están representadas as dúas sensibilidades que presentabamos candidatura. Logo tamén están as direccións comarcais e as sectoriais (viño, pataca, carne, leite e a de horta, flor e froita). Nas direccións é onde se poden propoñer as liñas de traballo, sempre respectando o que no Congreso de definiu. No día a día o que fai este equipo é levar adiante aquilo que se decidiu.

NAS MANS DAS MULTINACIONAIS

Cres que ás administracións se lles foi a man fomentando o abandono das explotacións?


Totalmente, pero creo que iso estaba pensado, organizado e efectivizado con medidas concretas dende a Unión Europea que logo no Estado e na administración Fraga se aplicaron con fe cega. Isto agravouse nos últimos anos, dende que a Organización Mundial do Comercio tomou as rendas da política agraria da Unión Europea. As decisións que se toman en Bruxelas xa non dependen só dos políticos que alí nos debían representar senón que tamén se toman en función dos grupos de presión que as grandes multinacionais teñen na OMC (Organización Mundial de Comercio) e no Goberno da Unión Europea.

En que sentido inflúen na Politica Agraria Común?


En que xa non é só que as multinacionais nos surtan de insumos (agroquímicos, alimentación, enerxía, etc.) senón que ademais están ditando as leis e as normas para que as explotacións sigan desaparecendo e para que elas queden co comercio de alimentos no mundo. En cousas tan básicas coma as sementes, que son necesarias para producir cereais, legumes, hortalizas, etc. a OMC conseguiu,a través das leis europeas,que puidesen ser patentadas. Para iso tiñan que ser modificadas -“melloradas” segundo eles- nos seus laboratorios, e con iso xa podían obter a patente e ademais impedíanlles aos agricultores e agricultoras poderen reproducir as nosas sementes para o cultivo de alimentos. Isto é o que está pasando cos tranxénicos, que non é so un problema de saúde -xa que teñen modificada a súa cadea xenética- senón que xera unha absoluta dependencia nas sementes e polo tanto na produción de alimentos desas empresas.

O millo é un caso claro, non ?


Si pero coma o millo podiamos dicir a soia, os tomates, todo. É mundialmente coñecido o caso dun labrego de Canadá que perdeu un xuízo contra a empresa Monsanto por cultivar un millo que el nin sequera sabía que era tranxénico que lle contaminara a propia empresa. Cando detectaron que tiña millo da súa patente levárono a xuízo e foi condenado a unha forte multa por cultivar millo sen pagar os dereitos desa patente. Hoxe desapareceu practicamente a posibilidade de cultivar millo que non sexa dunha desas empresas. Por exemplo, millo do país. Ti quérolo cultivar e onde atopas a semente? Conseguiron que teñamos que comprarlles as sementes, os fertilizantes e os sulfatos. É imposible saír dese círculo. Nestes últimos trinta anos fixéronnos crer que a modernidade consistía en depender deste tipo de insumos, que a nosa herba non alimentaba ben o gando, e outros disparates polo estilo cometidos a partir de parámetros que obedecían aos requirimentos destas empresas.

Os agricultores galegos están ao tanto desta forma de actuar?


No Sindicato isto poñémolo enriba da mesa en cursos de formación, en charlas e en debates pero hai que ter en conta que as redes de información e propaganda das multinacionais son moi poderosas xa non só a nivel de medios de comunicación senón tamén en canto a técnicos propios e outros dentro das nosas administracións que responden aos criterios e intereses desas empresas. Así, dinlle aos produtores: se queres ter unha explotación moderna e viable, se queres ter futuro tes que facer isto. E “isto” sempre é dependencia. Conseguiron introducir esa publicidade máis efectiva que é o boca a boca de tal xeito que che din: mira que ben me vai este produto que me recomendou o técnico de de tal sitio. Ou o caso no que literalmente lle din aos gandeiros e gandeiras que teñen que gadañar a súa herba e tirar con ela porque non ten valor alimenticio para o gando e que comprasen soia e millo.

E iso calou entre a xente do agro.


Claro, e loitar contra isto é lento e difícil, pero é o único que nos queda. Este foi un dos principais debates no último congreso: a agroecoloxía, que definimos como a non dependencia dese tipo de produtos (cousa distinta da agricultura ecolóxica). Así que temos que facer que os gobernos muden esas políticas que nos manteñen dentro dese círculo de dependencia. O saber da xente foise perdendo e substituíndo polo que eles queren e venden.

Cando no SLG falades de soberanía alimentaria referídesvos a estas cuestións ou a algunha máis?


Si, a isto e máis a o outro chanzo, os consumidores e consumidoras que temos que alimentarnos todos os días, que tampouco a sociedade dependa da alimentación que nos venden esas multinacionais. E aínda queda unha terceira pata: que como pobo teñamos a capacidade de decidir se queremos comprar alimentos que produzan os nosos labregos ou os das multinacionais. É dicir, soberanía alimentaria é poder decidir aquí, en Galicia, como pobo, que producimos, como o producimos e como nos alimentamos.

AGRICULTURA ECOLÓXICA E AGRICULTURA LABREGA

Á marxe do uso comercial ou legal do termo, a agricultura galega é ecolóxica?


Mira, agricultura ecolóxica é unha etiqueta que significa que non se fai uso de fertilizantes químicos nin praguicidas. Pero nós cremos que iso non é abondo. Nós prefirimos falar de agricultura labrega, que ademais, debería ter en conta que haxa xente vivindo da produción de alimentos (ofrecendo produtos frescos e transformados e en condicións sociais dignas, e dicir, ademais de non explotar a terra, tampouco non explotar as persoas) e de distribución, que a cadea entre quen produce e quen come sexa unha cadea humana e na que se elimine todo o posible algo hoxe tan cuestionado como o transporte de alimentos.

Por que se cuestiona o transporte?


Pois mira, porque nós producimos aquí o leite para que o transforme, por exemplo a Nestlé en Suíza ou onde sexa e logo volva aos nosos supermercados despois dun gasto de enerxía inútil que ademais contribúe a iso que preocupa tanto que é o quecemento global da terra.

Daquela, os nosos labregos e labregas de hoxe son ecolóxicos ou non?


Hai xente que hoxe en Galicia cultiva alimentos libres deses produtos, pero hai unha gran maioría que se viu abocada por esas políticas agrarias e información tendenciosa a empregar agroquímicos e alimentos que non eran da propia explotación. Chegouse ata o absurdo de producir sen terra, e non falo xa de porcos, polos e coellos, senón ata explotacións de leite: tráenlles o alimento por unha porta e sacan o leite pola outra.

E isto ten algunha saída?


Hai saída na medida en que todos os labregos e labregas teñamos claras estas cousas que nos están pasando e que sociedade en xeral se decate de como isto inflúe na súa vida diaria, nos alimentos que comemos, e nos aliemos e loitemos conxuntamente contra esta xeito de facer as cousas. Agora precisamente está habendo unha folga de fame de compañeiros da Confederación Labrega Francesa contra a autorización de sementar millo transxénico alí, que está sendo un referente mundial. Aquí quizais aínda non avanzamos ata ao punto de plantarnos e dicir que tampouco estamos dispostos, porque o debate na sociedade aínda non chegou aí. Pero teremos que chegar. E a saída pasará por organizármonos ante esas agresións.

Padecemos, xa que logo, unha alienación alimentaria.

Xusto, porque o acto de comer é un acto político. E xa hai cooperativas e iniciativas de xente que se está organizando no concreto entre produtores e consumidores para conseguirmos outro xeito de comermos e de relacionármonos. Un estudo indica que toda a produción diaria de Feiraco non podería abastecer toda a comarca de Santiago. Que hai roto logo aí? A cadea entre produción e consumo. Canda día ábrense grandes superficies comerciais e desaparecen pequenos comercios. Pero esas áreas comerciais teñen todo o poder e se deixan de vender o leite de Feiraco, por exemplo, a que tenda vas compralo? Se esas estruturas de distribución non son nosas como podemos comprar libremente? E despois, aínda falan de libre comercio. Pois imaxinemos os “feiracos” que podía haber en toda Galicia.

Cando o SLG di que a PAC (Política Agraria Común) debe estar feita á medida das explotacións que queredes dicir?


Non só á medida das explotacións senón tamén da sociedade. Como dicimos desde a Confederación Labrega Europea, a agricultura ten que volver a ser considerada coma un ben social. Xa non é so coidar do que comemos, senón da conservación de persoas no rural, o respeto polo medio e conservación de saberes. Deben estar baseadas na sostibilidade e na soliedariedade, para que o primeiro mundo poderoso non siga explotando os países subdesenvolvidos nos que estas políticas aínda se manifestan de forma máis grave.


4,4/5 (15 votos)