Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ATLAS DA FENDA DIXITAL

Galiza, un país de creadores na rede

Un estudo amosa que a poboación internauta do país compensa a escasa difusión da internet no noso territorio cun alto volume de participación e creación de contidos.

M. del Río - 11:05 27/01/2008

O enxeñeiro de montes Jorge del Río é o autor do Atlas da Fenda Dixital no Estado Español 2007. O documento, que aínda se atopa en fase beta, analiza non só a penetración da internet nas diferentes comunidades autónomas, senón tamén o uso que fan os internautas desas conexións. Deses datos pódese tirar, como conclusión, que Galiza, aínda que está entre os últimos territorios en porcentaxe de accesos á rede, conta cunha comunidade bastante activa.

Así, tendo en conta a terminoloxía que emprega o autor, o noso país, xunto co terzo noroeste da Península, forma parte da zona onde predomina a poboación "prosumer", é dicir, creadora de contidos. En contraste, no sur prevalece a cidadanía que fai un uso da rede como un medio de comunicación máis, mentres que o nordeste só destaca pola alta porcentaxe de persoas que acceden á rede habitualmente.

O autor emprega os datos do Instituto Español de Estatística (INE) para dividir a poboación total entre a non conectada e a conectada, que é a que nos últimos meses estivo a acceder á rede, cando menos, unha vez por semana. Á súa vez, dentro dos conectados diferencia entre a poboación que "vive dixitalmente" e emprega a internet como un medio de comunicación activo, e a que só "accede". Os habitantes dixitais poden ser, á súa vez, poboación "prosumer", a que crea contidos, ou poboación que só participa. Finalmente, dentro dos "prosumer", distingue entre "nativos dixitais", persoas creadoras de contidos de entre 16 e 44 anos, e "inmigrantes dixitais", os maiores dos 44.

No caso de Galiza, contabiliza 2.728.772 habitantes, dos que 717.217 están conectados. Deles, 438.050 viven dixitalmente, dos que 143.623 son "prosumer". Finalmente, 55.556 desas parsoas son "inmigrantes dixitais". En relación co total do Estado, no noso país só están o 4,78% das persoas conectadas, pero as porcentaxes medran a medida que analizamos o uso activo da rede. Así, temos o 4,83% das persoas que viven dixitalmente, o 4,93% dos "prosumers" e o 5,54% dos nativos dixitais. No outro estremo está unha comunidade con alta porcentaxe de internautas como Cataluña, onde as proporcións se inverten, pasando do 18,24% de conectados a só o 16,12 de "nativos".


Ligazóns

4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: