O borrador ten un apartado sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, no que se contempla que os carteis informativos e a sinalización dos estebelecementos deberán estar na nosa lingua.
No seu capítulo III, baixo o epígrafe Da actividade comercial, o anteproxecto da Lei de Ordenación do Comercio Interior (elaborada pola Consellaría de Innovación e Industria), que se aprobará neste primeiro trimestre do ano, fala dos dereitos lingüísticos dos consumidores.
No texto garántese, en primeiro lugar, o respecto aos dereitos lingüísticos dos consumidores, que deberán ser atendidos correctamente sen ser discriminados pola lingua "oficial" que empreguen. De ser preciso, a nova lei recolle que o Goberno vai amparar aos consumidores e garantir o exercicio libre destes dereitos.
Por outro lado tamén se garante que a sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos deben estar, polo menos, en galego. Esta norma aplicarase en todos os estabelecementos comerciais, agás nos nomes comerciais ou nos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.
"Ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada."
A sensu contrario, poderán ser discriminados os que empreguen linguas non oficiais!
Cabe notar que implicitamente o texto recoñece un (INEXISTENTE!) dereito a escoller lingua de entre as oficiais, equiparando lingua propia a unha das linguas alleas polo feito de ser tamén oficial.
Ós redactores do anteproxecto vénlles ben botar unha ollada ás seguintes consideracións xurídicas:
1ª) Desafortunadamente para as comunidades lingüísticas españolas distintas da castelá , e para os seus membros, existe a crenza xeralizada, desgrazadamente tamén entre xuristas (xudicatura, avogacía, procuradoría,...), de que do réxime de cooficialidade ligüística vixente nos territorios propios das linguas españolas distintas do castelán se deriva o “dereito” a usar indistintamente calquera das linguas oficiais en calquera acto de comunicación lingüística; mais, esta crenza é manifestamente contraria á lóxica propia da regulación normativa vixente e aplicábel en materia de linguas e dereitos lingüísticos.
En efecto, xa hai máis de vinte anos que o TC tivo que manexar o concepto de oficialidade aplicado ás linguas españolas, e dixo (STC 82/86, fx 2º):"Aunque la Constitución no define, sino que da por supuesto lo que sea una lengua oficial, la regulación que hace de la materia permite afirmar que es oficial una lengua, independientemente de su realidad y peso como fenómeno social, cuando es reconocida por los poderes públicos como medio normal de comunicación en y entre ellos y en su relación con los sujetos privados, con plena validez y efectos jurídicos (sin perjuicio de que en ámbitos específicos, como el procesal, y a efectos concretos, como evitar la indefensión, las Leyes y los tratados internacionales permitan también la utilización de lenguas no oficiales por los que desconozcan las oficiales)".
Daquela, nada impide que calquera poder público recoñeza ou declare como oficial calquera lingua allea (ou a propia, claro!), vg. o concello de Burela o portugués; mais, como se pode tirar doadamente, dese concepto constitucional de lingua oficial DE NINGUNHA MANEIRA SE TIRAN DEREITOS DE USO POR PARTE DOS PARTICULARES, nin en concreto o DEREITO a usaren unha ou outra linguas oficiais os empregados públicos.
Dese concepto constitucional de lingua oficial só se pode derivar a obriga dos poderes públicos de COÑECEREN, na persoa dos seus empregados e autoridades obviamemte!, e eventualmente USAREN, tamén a través dos seus empregados e autoridades, a ou as linguas declaradas oficiais.
Ven isto a conto porque os galegoexterminadores obxectivos, conscientemente ou non, os defensores da progresiva extinción do galego por medio da indebida merma dos seus usuarios, afirman teimuda e temerariamente que da oficialidade do castelán e do galego na Galiza se pode deducir o (INEXISTENTE!) dereito a escolleren de entre as oficiais a lingua de uso en calquera actividade ou circunstancia de comunicación lingüística.
Sendo, por outra banda, certo, moi certo!, que existe o dereito constitucionalmente recoñecido (art. 3 CE) a usar o castelán na Galiza ( e o polaco, e o chinés, e calquera das outras seis mil, disque, linguas que hai no mundo ex art. 27 PIDCP!), e sendo igualmente certo, moi certo tamén!, que existe o dereito constitucional (14 CE) e estatutariamente (5 EAG) recoñecido a usar o galego na Galiza; non é menos certo que eses dereitos nin son absolutos nin se poden exercitar de xeito abusivo: hai circunstancias nas que un deles ten que ceder fronte ó outro.
Como o dereito de uso non se limita á facultade de expresarse, senón que integra as facultades de expresarse e mais de informarse (uso activo e pasivo, oral e escrito), cando dous interlocutores pretenden exercitar o dereito de uso de linguas distintas, expresándose en cadansúa lingua, a comunicación resulta imposíbel (agás que se coñeza a lingua do outro!, que será en todo caso algo alleo ó dereito de uso), e o exercitamento do dereito tamén!
Nesta circunstancia o dereito dun deles NECESARIAMENTE ten que quedar suspenso para que o outro poda exercitar o seu. Nesta situación preséntase o problema de discernir cal dos dereitos entra en suspensión e cal deles se exercita. E, a solución, para o caso da Galiza é a seguinte: a) Se os interlocutores coñecen ou deben coñecer o galego (14 CE) usarán o galego (3.3 CE); e, b) Se algún dos interlocutores, ou ambos!, sendo españois ambos, descoñece LEXITIMAMENTE o galeo (porque razoabelmente non puido aínda aprendelo) usaran o castelán ou outra lingua que coñezan (14 CE). A solución non é, como algúns pretenden, que cada un se EXPRESE no que lle pete, con tal de que se entendan; pois, o DEREITO non é unha liberdade, é un poder que o titular ten sobre alguén, o dereito ó uso dunha lingua non é viábel sen coñecela e significa esencialmente dispor, coa intermediación do Estado de ser o caso, de interlocutores nesa lingua (uso pasivo); ten unha finalidade social (comunicación) e non só unha satisfacción individual (emitir sons, lingüísticos ou non!, por propio pracer ou interese).
Por outra banda, a CE esixe un especial respecto e protección das modalidades lingüísticas de España (3.3 CE) e, daquela, a fortiori, con moita máis razón!, das linguas españolas (calquera que sexa o significado que lle queiramos dar a "modalidade lingüística"). Así, se existira o dereito a ESCOLLER lingua de entre as oficiais na Galiza e todos escolleramos o castelán (de tal “dereito” seríamos titulares todos os españois na Galiza, obviamente!), é máis que obvio que o galego NON recibiría absolutamente NINGÚN tipo de protección nin respecto (que como mínimo esixen que se conserve como lingua viva, que non morra, se extinga ou vire en lingua morta!), infrinxíndose manifestamente o art. 3.3 CE. De aí que esta redución ó absurdo nos leva a concluir con clareza que ese dereito de escolla é INEXISTENTE.
Á mesma conclusión se chega se todos escolleran o galego porque; en primeiro lugar, quen non o sabe non o pode escoller (e hai españois que non o saben, non o dubidemos!), non podería razoabelmente ser titular dun dereito que non pode exercitar e, caso de que o escolla sen ser capaz de usalo, a súa escolla sería gora, inútil, non desempeñaría ningunha función social, sería antixurídica e irracional, algo NUNCA buscado polo dereito nin por ningunha norma xurídica.
Así as cousas, xuridicamente, en dereito é IMPOSÍBEL a existencia do por algúns pretendido “dereito” de OPCIÓN ou escolla de lingua oficial na Galiza ou, analogamente, en calquera outro territorio español con lingua propia oficial distinta do castelán (como é sabido, o caso do uso do castelán no seu territorio propio e do uso de linguas alleas no seu territorio non experimenta ex constitutione ningún cambio verbo da situación preconstitucional).
2ª) Non sendo admisíbel en dereito a pretensión da existencia do “dereito” de opción ou escolla de lingua oficial nos territorios españois con réxime de cooficialidade lingüística procede determinar cando se poden exercitar os dereitos de uso do galego ou do castelán na Galiza, cando hai obriga, no seu caso, de usar un ou o outro e cales son as cargas, prexuízos ou sancións que conleva o incumprimento desas obrigas lingüísticas. Vexámolo!
Como é ben sabido, xa no seu preámbulo a Constitución Española de 1978 constata que a Nación española (os pobos de España) proclama a súa vontade de, entre outros poucos obxectivos xerais, o de “protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos DEREITOS HUMANOS (v.g. art. 27 PIDCP da ONU), das súas CULTURAS, das súas LINGUAS e istitucións”. E, presidindo a relación dos máis valiosos dereitos e liberdades da persoa humana, indica (art. 14 CE) que “os españois son iguais perante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha..... por calquera condición ou circunstancia persoal ou social” (cfr. co tamén art. 14 CEDH, vía art. 10 CE). Impoñéndolles asemade ós poderes públicos a obriga de “promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e mais dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, removendo os atrancos que impidan ou estorben a súa plenitude..” (art. 9 CE).
Esta prohibición constitucional de discriminación lingüística, xunto co valor superior do ordenamento xurídico (1.1 CE), principio xeral do dereito e dereito fundamental á igualdade (14 CE) esixen, por unha banda, TRATAR IGUAL OS IGUAIS (as linguas propias entre si e as linguas alleas entre si; isto é, tratar igual os usuarios dunha lingua española no seu territorio propio que os de calquera outra no seu, e tratar igual os usuarios dunha lingua allea que os de outra tamén allea no territorio propio doutra terceira) e, por outra, TRATAR DIFERENTE OS DIFERENTES (a lingua propia e a lingua allea; isto e, tratar diferente os usuarios da lingua propia no seu territorio verbo dos usuarios de lingua allea no territorio propio doutra).
Mais, ese TRATAR DIFERENTE OS DIFERENTES por motivos lingüísticos non pode ignorar que “a Constitución fundaméntase na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas” (art. 2); que “os españois teñen dereito a elixiren libremente a súa residencia e a circularen por todo o territorio nacional (art. 19.I CE), e que, “todos os españois teñen os mesmos dereitos e obrigas en calquera parte do territorio do Estado (art. 136.1CE).
Por iso xa o constituínte estableceu unha lingua (o castelán, que aínda que no momento de aprobación da Constitución puido ser unha opción herdeira do autarquismo franquista e, daquela, pouco internacionalista, hoxe debería ser substituído como lingua común ou universal por outra que permitira unha comunicación lingüística directa entre membros dun maior número de comunidades lingüísticas do mundo, sen prexuízo da conveniencia de coñecermos os membros de cada comunidade lingüística española a lingua ou linguas das comunidades lingüísticas veciñas) como lingua común ou universal no pequecho universo das linguas españolas impondo a súa oficialidade (deber de coñecemento e eventual uso por parte dos poderes públicos a través dos seus empregados) e mais o deber xeral de coñecela PARA, EVENTUALMENTE, USÁRMOLA tamén os particulares con quen lexitimamente aínda descoñeza a lingua propia do territorio (art. 3.1 e 2 CE).
Esta estrutura complexa do Estado español, tanto desde o enfoque da distribución territorial do poder político-administrativo coma da realidade plurilingüística determinan un réxime de usos lingüísticos no que a lingua propia do territorio sexa a lingua de uso xeral, normal ou habitual no seu territorio propio respectivo, como condición necesaria para o seu respecto e protección constitucionalmente esixidos ex art. 3.3 CE e garantía do preceptuado no art. 14 CE; e a lingua común, interlingua, lingua de integración ou antidiscriminatoria (o castelán fóra do seu territorio propio) a lingua que permita a comunicación lingüística directa entre españois membros de distintas comunidades lingüísticas españolas e mais a integración dos españois dunha comunidade lingüística española noutra. De aí a regra-resumo en materia de dereitos lingüísticos na Galiza: NA GALIZA NA SÚA LINGUA TERRITORIAL PROPIA COMA EN “CASTELA” NA SÚA, SEN PREXUÍZO DE USARMOS LINGUAS ALLEAS, NOMEADAMENTE O CASTELÁN COS OUTROS ESPAÑOIS, CON QUEN LEXITIMAMENTE AÍNDA DESCOÑEZA A LINGUA PROPIA DA GALIZA.
Así todo, como xa se adiantou, o que existe é a obriga de usar a correspondente lingua territorial no seu territorio propio respectivo con carácter xeral ou habitual, e isto sen prexuízo de usar linguas alleas con quen lexitimamente (por falta de arraigamento v.g.) descoñeza a lingua propia do territorio, nomeadamente o castelán cos españois doutras comunidades lingüísticas españolas que descoñezan a nosa, e todo isto sen prexuízo asemade doutros usos de linguas alleas iocandi causa, docendi causa ou por outras causas debidamente xustificadas.
Réxime lingüísico que, completado co art. 27 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos da ONU, tamén permite que ENTRE ELES usen a súa lingua persoal os membros de calquera comunidade lingüística distinta da propia do territorio; mais, coa obriga (ex arts. 3.3 e 14 CE) de se integraren na respectiva comunidade lingüística española de cada territorio.
Así o entendeu xa tamén o propio Tribunal Constitucional na referida sentenza 82/86 (fx. 3º), ó dicir que “a posibilidade de usar só unha delas (das linguas oficiais) en vez de ambas á vez, e a de usalas indistintamente, aparece CONDICIONADA, nas relacións cos particulares, polos DEREITOS que a Constitución e os estatutos lles (ós particulares) atribúen....sendo o dereito das persoas (naturais) ó uso dunha lingua oficial un dereito fundado na Constitución e mais no respectivo estatuto de autonomía”.
Tamén o ven entendendo así o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza na súas sentenzas da Sala do Contencioso-Administrativo nº 573/95 do 14.09.95, e nº 739 do 16.11.95; cando di que “é oportuno lembrar que o problema suscitado non é o da validez ou carácter oficial do galego ou do castelán, senón o do dereito do cidadán a que se utilice unha ou outra lingua nas súas relacións coa Administración, e a conseguinte obriga desta última a posibilitar o exercicio de tal dereito.
Daquela, se a posibilidade de usarse unha ou outra lingua vén condicionada tanto por dereitos subxectivos (non discriminación e igualdade) coma por obxectivos colectivos (respecto e protección do patrimonio cultural da humanidade), tamén está sometido a eses condicionamentos o uso das linguas por parte dos órganos dos poderes e administracións públicas.
Por outro lado, segue plenamente vixente o art. 6.3 do código civil establecendo a nulidade de pleno dereito dos actos contrarios ás normas imperativas e ás prohibitivas (“ Los actos contrarios a las normas imperativas y a las prohibitivas son nulos de pleno derecho, salvo que en ellas se establezca un efecto distinto para el caso de contravención”).
Daquela, sendo imperativas ou prohibitivas tanto as normas constitucionais aludidas coma as estatutarias e legais en materia de dereitos e usos lingüísticos, resulta inexorábel a nulidade dos actos que non se acomoden ó por elas prescrito.
E, amais, ex art. 53.1 CE, corresponde ex officio A TODOS OS PODERES PÚBLICOS impedir calquera violación do dereito fundamental á igualdade e á non discriminación TAMÉN!! por mor ou causa de lingua (NA GALIZA NA SÚA LINGUA TERRITORIAL PROPIA COMA EN CASTELA NA SÚA, sen prexuízo...) e, daquela, aprezar a nulidade e ausencia de todo efecto das condutas lingüísticas infractoras do ordenamento imperativo ou prohibitivo.
3ª) En boa lóxica xurídica, falar de obrigas lingüísticas ou de dereitos lingüísticos é falar da mesma relación xurídica aínda que vista, respectivamente, desde a posición xurídica do obrigado ou do que ten o poder, coa intermediación do Estado de ser o caso, de obrigalo.
LOIS_DE_SILAN,
abraiado fico coa túa documentación, moi ampla e interesante.
Cando teña un anaco de tempo, remato de lela.
a medida moi boa pero esa outra noticoa de lois de silan non hai quen alea sen qedar cego......hahahhahah
Tamén van regular as rebaixas e moitas máis cousas. Pero o que me parece inconcebible é que traguen moitas das reivindicacións dese gremio retrógrado e reaccionario. Queren as rebaixas en febreiro (en Madrid comezan o 2 de xaneiro) queren regular as ofertas para suprimir os descontos...etc. Eu digo: se teño un comercio e me dá a gana de regalar os meus productos quen mo vai impedir (non hai liberdade de prezos e de mercado??). Estes capitalistas practicantes se queren liberalismo e capitalismo que sexa para as boas e para as malas. Queren seguir roubando á xente como facían antes de chegar as grandes cadeas e supermercados. E tratábante como o lixo, tentando venderche calquera cousa e a prezos de ouro; iso por non falar do trato que che daban por falar galego. Evidentemente parecía que che estaban facendo un favor cando che vendían algo. Eles votan masivamente ao PP pero o PP dálles o que realmente pensa: máis liberalismo; están a favor da liberdade de horarios. Aquí en Galiza acóllense á máis restritiva posible (consellería de Industria do BNG)para favorecer un grupo do que non recibe nin mil votos. Hai que ser tonto. Repito: se queren capitalismo que teñan capitalismo pero para o bo e para o malo. Non só no para o que os beneficia.
Isto pode ser un gran avanze na normalización da lingua. A ver se sae adiante.
A actual etiquetaxe en castelán e unha fonte importantísima de castelanización da lingua galega, e tamén o é de perda de falantes, que consicente ou incoscientemente ven que o seu idioma non é o idioma de referencia neste importante eido.