Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
REDUCE ATA DEZ VECES O CONSUMO DA BATERÍA

Un microchip que aforra enerxía

Na procura de dispositivos que minimicen o consumo de enerxía, un equipo de enxeñeiros dos Estados Unidos deseñou un microchip que é dez veces máis eficiente que a tecnoloxía actual

Redacción - 12:43 07/02/2008

Nun mundo onde mandan as tecnoloxías da información, un gran desafío para os enxeñeiros é diminuír o consumo de enerxía das computadoras, os teléfonos celulares e outros aparellos portátiles de alta tecnoloxía. Con ese obxectivo en mente, un equipo de científicos dos Estados Unidos deseñou un microchip que logra reducir o consumo de batería ata dez veces.

Os investigadores, do Massachussets Institute of Technology (MIT, polas súas siglas en inglés) e da compañía pioneira en deseño de chips Texas Instruments, presentaron o novo deseño o martes 5 de febreiro nunha conferencia internacional sobre chips en San Francisco, California.

Os microchips son pequenas placas fabricadas con material semellante ao silicio, que están compostas por diminutos circuítos electrónicos integrados. Sen eles, non existirían as computadoras, os teléfonos nin moitas outras máquinas do mundo dixital.

Segundo explicou Anantha Chandrakasan, do MIT, a clave foi achar xeitos para facer funcionar os circuítos do chip a unha voltaxe máis baixa que o usual. A voltaxe é a presión producida por unha fonte de enerxía eléctrica sobre os electróns que hai nun circuíto eléctrico pechado: é o que fai circular os electróns a través dun elemento condutor, como un cable. Mentres que a maioría dos chips funcionan a máis de 1 voltio, o novo deseño do MIT opera a 0,3 voltios.

Os investigadores tamén consideran que estes dispositivos poderían autoabastecerse coa enerxía ambiental, como a calor do corpo humano. Dese xeito, poderían facer funcionar por máis tempo os aparellos inalámbricos que utilizan baterías.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: