Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Entre as porcentaxes máis baixas do Estado

A audiencia da TDT medra en Galiza até o 6,1%

En xaneiro notouse un incremento de case medio punto con respecto ao mes anterior.

Redacción - 14:30 08/02/2008

A audiencia da televisión dixital terrestre (TDT) acadou no mes de xaneiro o 6,1 por cento da porcentaxe total da televisión, o que supón un aumento case medio punto porcentual na cota de pantalla con respecto ao mes anterior, no que se situaba no 5,5 por cento, segundo indican os datos de Sofres publicados polo Observatorio de Impulsa TDT.

A pesar disto, Galiza é unha das zonas do Estado coa cota máis baixa, xa que a media sitúase no 10,5 por cento. Así, por debaixo do noso país tan só se atopan Asturias co 5,7 por cento e Castela a Mancha con tan só o 4,7 por cento. Baleares acada a mesma porcentaxe da cota de pantalla total, tamén co 6,1 por cento.

O aumento xeral é consecuencia directa da aceleración dos procesos de adaptación de antenas e dun maior equipamento TDT nos fogares nos últimos meses de 2007, favorecido polo Nadal e as rebaixas. Como consecuencia disto, a recepción de televisión analóxica descendeu considerabelmente, situándose en xaneiro no mínomo histórico do 70,9 por cento da audiencia total do Estado, un punto menos que en decembro e oito puntos menos que no ano anterior.

Tamén medra o contacto medio diario

O indicador de contacto medio diario tamén se incrementou en xaneiro de forma significativa. A evolución mensual mostra que no Estado pasouse dos 4,6 millóns de individuos en decembro de 2007 aos 5,2 millóns en xaneiro de 2008. É a primeira vez que se supera a barreira dos 5 millóns, segundo o criterio de audiencia acumulada diaria. En Galiza, este indicador, tamén se incrementou, pasando dos 175.000 individuos aos 201.000 en xaneiro.

A intensidade de uso da TDT subiu no último mes, alcanzando os 91 minutos medios por persoa e día, dende os 86 minutos diarios de decembro de 2008, supoñendo isto un incremento de 5 minutos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: