Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Posicionamento de ADEGA diante da Orde de axudas para paliar os danos do lobo durante o 2008

Demandamos maior compromiso das institucións e a sociedade coa conservación do lobo en Galiza

 ADEGA valora positivamente o incremento das contías e o feito de que que as novas  indemnizacións para paliar os danos producidos polo lobo inclúan tamén ao gando extensivo, xa que este tipo de gandería é vital para a supervivencia do lobo no noso territorio. No entanto, ADEGA entende que o actual sistema de compensacións e axudas podería mellorarse procurando un consenso cos interesados, establecendo liñas de axuda ou novas baremacións para as zonas lobeiras e incrementando a eficiencia na atención aos damnificados e á poboación destas zonas.

ADEGA - 19:36 08/02/2008
Tags:

Entendemos que sería un paso importante na xestión da especie que se realizaran consultas cos sindicatos e asociacións de produtores antes de establecer os criterios e o importe das axudas. Son eles os que coñecen directamente as diferentes casuísticas e custos das perdas directas ou indirectas nas súas explotacións. É sabido que calisquer política conservacionista ten que contar necesariamente coa aceptación por parte da cidadanía directamente afectada. Consideramos que chegar a consensos ou, cando menos, achegar posturas cos sector máis directamente implicados redundará sempre na boa marcha da xestión para a conservación da especie.

No mesmo senso, coidamos que sería preciso abrir unha liña de axudas para compensar aos gandeiros que tiveran as súas explotacións en zonas con presenza de lobo. Estas axudas servirían para equilibrar as diferenzas e inconvenientes que hoxe se producen entre os gandeiros que teñen lobo na súa zona e os que non o teñen. Deste xeito, ademais de compensar os perxuizos que ocasiona a presencia do cánido, axudarían a incentivar a outros gandeiros de zonas onde xa non existe lobo a conservar mellor o medio e evitar prácticas de exterminio nada aconsellábeis.

Polo mesmo, calquera subvención relacionada coa promoción de actividades sustentábeis no medio natural debería contemplar ventaxas para as explotacións en zonas lobeiras, tanto nos baremos de puntuación como nas prioridades, sexa cal for o organismo da administración convocante da subvención.

Entendemos tamén necesario que a Consellería de Medio Ambiente conte co persoal necesario para, en caso de ataques, atender aos damnificados no tempo máis breve posíbel, tanto no que fai aos traballos de investigación como ás compensacións económicas polas perdas. Tamén, ante situacións de alarma social polo avistamento reiterado de lobos, é fundamental dispoñer dun servizo especializado que acuda á zona, estudie o caso e busque as solucións máis acaídas (informar aos veciños, control sobre exemplares especialmente anómalos, etc). E inadmisíbel un sector da poboación poida sufrir situacións de angustia ou temor, por causas posibelmente inxustificadas, e que non se tomen medidas ao respecto.

Os medios de comunicación están a contribuir tamén á “mala prensa” que ten o lobo e a criar unha situación de alarma social e hostilidade inxustificada. As reiteradas noticias sobre os ataques e as perdas na cabana gandeira están cheas de expresións como “ataques con saña” “masacres” ou “exemplares de grandes dentes” que crian alarma social e non contribúen precisamente a enfocar correctamente o problema da xestión desta especie, xoia do noso patrimonio natural, que cómpre conservar. ADEGA coida que os medios, alén de informar sobre estes sucesos deberían tamén fomentar actitudes positivas e promover a reflexión serena sobre a problemática do lobo para mudar a inxustificada imaxe de “alimaña” que aínda ten esta especie, en lugar de fomentala.


2,78/5 (9 votos)


Comentarios (3)

verdecanal #1 8/Febreiro/2008 verdecanal
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tremenda proposta dun grupo ecoloxista. E dicir hai que negociar cun colectivos que en ningún momento quere negociar nada, salvo cando os deixarán exterminar coa especie.

Os grupos ecoloxistas non entran na proposta

Por outro lado, e coma ven sendo habitual en Galiza, seguimos fomentando o vivir das rentas (a picaresca para conseguir estes cartos xa son moitas e xa se están a dar).

estou a favor de pagar os danos do lobo (e soo do lobo), máis so se deben dar despois dun estudo completo, certificar que foron lobos, e que o animal foi atacado, e non abandonado enfermos para que sexa atacado e cobrar. Así non hai que pagar para que te quiten un cadáver da corte.

ADEGA #2 8/Febreiro/2008 ADEGA
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Antes de botar a lingua a pacer, e arriscarse a que lla trabe o lobo da demagoxia, cómpre ter traballado o tema a pé de monte para decatarse de que, se aínda temos lobo en Galiza é, entre outras cousas grazas ao gando ceibo no monte. Quedarse na anécdota da "picaresca" e limitarse a artellar só medidas represivas ou de control á marxe da poboación local e os gandeiros que comparten o hábitat co lobo é un enfoque que ADEGA non partilla.
E sobre a postura dos grupos ecoloxistas, que na cuestión da xestión do lobo é moi clara, recomendamos consultar as seguintes ligazóns:

http://www.adega.info/index...
http://www.adega.info/index...
http://www.adega.info/index...
http://www.adega.info/index...
http://www.adega.info/index...
http://www.adega.info/index...
http://www.adega.info/index...

Troita_de_pe #3 9/Febreiro/2008 Troita_de_pe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A postura de Adega, por suposto que non é clara por moita ligazón que poñan. Mais ben é errática e a remolque do que din outros colectivos e persoas. Hai que indennizar, lóxicamente, pero na mesa da negociación debe haber non só gandeiros (empresarios, en definitiva). Ao respecto hai que lembrar que o gando equino non está crotalizado maioritariamente, e de xeito case unánime, pertece en realidade á economía sumerxida; polo tanto hai que resolver previamente moitas outras cuestións que fan que as actuais medidas da Xunta, que Adega aplaude,podan quedar en boa medida en nada.
Tamén é unha peza chave quén fai as peritacións dos "ataques" de lobo: veterinarios e a garda civil, en moitas ocasións que é como se enviamos a un cardiólogo a construír pontes ou a un inxeñeiro a facer poesía (con total respecto para os colectivos citados).

En definitiva, hai que supoñer que todo son boas intencións (tardías por parte da Xunta, insólitas por parte de Adega) pero a conservación da especie non pasa só por boas intencións.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: