Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (4)

Unha normalidade tan escasa

Cómpre que protestemos noutros lugares, onde podemos, onde realmente se pode facer algo para rematar con esta situación insoportábel para o pobo etíope. María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 09:00 15/02/2008
Tags:

Meseret
Meseret non é moi faladora pero cóntame mentres tomamos algo na zona da Piassa, no centro de Addis, as últimas actividades de Adugna, o grupo de danza que formou con outras 12 mozas e mozos hai xa anos. A súa historia non deixa de abraiarme, nin tampouco a súa paixón pola danza, polo cambio social a través dela, pola súa iniciativa incansable. Na súa casa conviven dez persoas. Ela é a única que traballa. Nesa situación estaba aos 13 anos cando foi seleccionada para participar nunha representación teatral organizada por unha compañía británica con outras nenas e nenos desfavorecidos. As súas aptitudes levárona a ser seleccionada para recibir formación en danza e aí comezou Adugna, o grupo co que xa percorreu diferentes lugares de Etiopía e tamén visitou Bruxelas e Londres. A súa próxima parada, Galicia.

Onte falamos dos detalles da súa visita nas últimas semanas de maio para participar na nosa actividade O Camiño da Auga. Ademais de actuacións en diferentes lugares das que daremos conta cando acontezan, Meseret busca o intercambio e con esforzo fomos capaces de buscar apoios, sobre todo grazas aos compañeiros de Nova Galega de Danza, con quen poderán intercambiar experiencias durante a súa estadía. Todo o esforzo posto nisto terá sentido se cando estean entre nós hai alguén do outro lado para velas. Paga a pena, iso podo aseguralo.

Normalidade
O ambiente de domingo na casa é relaxado e divertido. Yohanna, Nefiat e Bereket xogan dentro e fóra, abráiame sempre a súa independencia. Malia á súa curta idade (Yohanna, a maior, ten sete anos, Nefiat cinco e Bereket tres) levan unha vida autónoma, xogando entre si, facendo cousas na casa, lavando o pelo soíñas. Seguramente sexa porque non andan todo o día chocando nelas e nel, que as deixan andar sucias mentres xogan, que teñen o hábito de facer cousas na casa... e non pasa nada. Ou máis ben si pasa, non hai perrenchas nin depresións nin angustias. O doutor Mulugeta mira coa súa última filla de só sete meses no ombreiro mentres Yohanna, Nefiat e mais eu xogamos co balón no prado que hai diante da casa. Seguramente no comportamento encantador destas nenas e neno teñan que ver precisamente eses xestos, esa forma de pasar a tarde xogando coa meniña. O feito de que a mai estea fóra e estar na casa ao coidado do pai é unha feliz normalidade para as nenas. Que mágoa que sexa polo xeral unha normalidade tan escasa.

Protestar onde cómpre
Para rematar a fin de semana quedo para cear co meu amigo Mesfin, a quen coñecín a través de Zufan. Mesfin traballa no Sheraton e é unha persoa curiosa, divertida, crítica e interesada co que pasa ao seu arredor. Botamos o tempo falando de Zufan, de política e por suposto gozando do excelente kwanta firfir do meu restaurante favorito en Addis. Mesfin fálame do milenio etíope, que se celebra precisamente este ano. Fala con ironía dos cartos que o goberno gastou nas celebracións, en construír un auditorio para que puidese actuar Beyoncé nel. Toda unha boa lavada de cara. El non pode negar que o pasou ben no concerto, malia estar traballando, dado que era o Sheraton o encargado de organizar todos os eventos. Pero nin Beyoncé lle quita o mal humor cando fala do goberno e como o controlan todo, como usan os cartos para cousas absurdas, como fan que suba o prezo do alugueiro (a terra pertence ao goberno, o cal provoca situacións máis que peculiares neste campo) en Addis ata o inalcanzable (por un piso de dous cuartos chéganse a pagar 400 euros, unha cifra que pode ser razoable para os soldos europeos pero nin de broma para un etíope).

Falamos tamén de como o goberno retirou do mercado as tarxetas sim para os teléfonos móbiles, agora para poder acceder á rede de telefonía móbil hai que rexistrarse e agardar a que o goberno dea permiso para usar o teléfono, o cal é simple e puramente unha medida de control que continúa a estratexia xa comezada en 2005 de retirar o servizo de mensaxería na rede etíope para evitar que a xente se organizase para manifestarse a través dos sms (chamar resulta moi caro).

Ás veces pregúntome se hai algunha carreira específica para aprender a controlar e manipular ás persoas ou se é algo que se reproduce en certas instancias de poder. Sexa como for, a situación segue estando complicada en Etiopía, a pesar dunha certa apertura e unha liberación parcial dalgúns líderes da oposición presos. Mais, como di Mesfin ao contarlle os nosos (de Implicadas) conflitos con certos poderes públicos, aquí directamente se protestas por algo vas ao cárcere. Por iso cómpre que protestemos noutros lugares, onde podemos, onde realmente se pode facer algo para rematar con esta situación insoportable para o pobo etíope.


2,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: