Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Desproporcionada reacción aos incidentes de Económicas

Os incidentes acontecidos esta semana na USC poden ser discutíbeis dende moitos puntos de vista e incluso censurábeis. No seu proceder e nas súas afirmacións públicas, o respecto á vida e á seguridade das persoas son criterios de comportamento que hai que esixirlle a calquera cidadán. Sexa un político veterano ou sexa un mozo que acaba de chegar á universidade.

Redacción - 17:30 15/02/2008
Tags:

Así e todo, moitas outras veces houbo forcexos e barafundas a pé dunha institución universitaria, froito da vehemencia e a paixón tan inevitábel como imprescindíbel da mocidade que aquí e en todo o mundo sabe que desde ese contorno sempre se ofreceron voces alternativas fronte ao poder estabelecido. Agora e hai corenta anos. Porque o espazo universitario debe ser un espazo de liberdade e esa liberdade demóstrase especialmente concedendo tamén tolerancia e respecto cara ás ideas e as posicións tradicionalmente minorizadas.

E tal e como non é a primeira vez que hai protestas estudantís nunha facultade, si é inédito que se reaccione con tal belixerancia, tratando neste caso non só de expulsar aos mozos participantes nas protestas senón mesmo teimando en levalos ao cárcere. As detencións ou a petición de expulsión de alumnos semella unha reacción desproporcionada e inxusta, dificilmente explicábel e inédita na historia recente do país.

Máis aínda, de momento, as ilegalidades das que habería probas non foron protagonizadas polos rapaces aos que se insiste en acusar. Moi ao contrario, a introdución de armas en recinto universitario que fixeron os gardacostas de San Gil, e a presenza non autorizada de policías de paisano, son irregularidades das que si deben responder as autoridades correspondentes. Por riba, o arresto dun mozo no canto de simplemente citalo como implicado, no caso de que se considerase oportuno, é outro exceso reprochábel.

Por estes motivos, os mozos desprezados en tantas tribunas mediáticas por iren atrás dun cartaz a adicarlle apupos a María San Gil, son neste caso as vítimas dunha hostilidade desproporcionada e de intereses electoralistas promovidos polos que non teñen mellor argumento que a confusión e a manipulación interesada.


4,91/5 (101 votos)


Comentarios (19)

ecoe #1 15/Febreiro/2008 ecoe

Coido que as maiores responsabilidades, incluso de xulgado de garda -se houbera democracia e dereitos cidadáns, recaerían nun tal Ameixeiras e na decana Cancelo, entrambos liadores e malfeitores de esta GRANDE MENTIRA MONTADA, utilizada para afogar a inconsistencia da SGil -sin ouvintes nin suceso, sin razóns `para a sua presenza-, e a intereseira criminalización de ese tal representante do €$tado €$pañol e do aspirante ZP, a presidente de tal €stado -tan lamentable-.

Sen dúbida deberan pagar co peso de unha lei inexistente, e en BOA XUSTIZA, -xustiza, non lei-, a que tan lonxe se atopa, e hoxe e cada día máis, dos xulgados do €$tado €$pañol, estes manipuladores de semellante desfachatez CON TODO TIPO DE ABUSO DE PODERES PÚBLICOS, estes son, dos cidadáns, non privadsos dos intereses de estes suxeitos.

Unha vez máis amósase o rosto auténtico da estreitísima "democracia" -ata as minúsculas semellan grandes de máis para o que abranguen- vaciada de democracia e de dereitos, e a mismísima falacia do VOTO, toda vez que constituen un Réxime con absoluta falta de libertades cívicas e políticas.

petopitopato #2 16/Febreiro/2008 petopitopato

Noraboa a Vieiros por falar alto e claro. Menos mal que ainda queda algo de sentido común e ponderación...

lourentia #3 16/Febreiro/2008 lourentia

Teño que dicir que me sorprendeu a madurez de Vieiros á hora de dar conta do sucedido. A práctica totalidade dos medios caeron no maquineismo de mostrar heroes e viláns. Non se pode ameazar a unha persoa (por moi lonxe que esteamos dos seus postulados políticos) mais tamén é unha loucura desmedida o proceso inquisitorial que se deu contra os alumnos (criminalizando unhas ideas), impropio das máis elemental democracia.

lute #4 16/Febreiro/2008 lute

Aínda que nom comparta a oportunidade do sucedido, quero amossar a minha solidariedade cos universitários vítimas do atropelo mediático e parapolicial. Acho que é gravíssimo a utilizaçóm dos poderes do Estado e dos meios de comunicaçóm públicos e privados para criminalizar e arrestar a pressuntos inocentes ao estilo Guantánamo, mentres todos os meses se sucedem escándalos de todo tipo e actuaçons ilegais de trascendéncia pública que o fiscal ignora e tolera.

Obrigados a Vieiros por falar claro e alto quando toca:

bertus #5 16/Febreiro/2008 bertus

En youtube, nos videos colgados cos títulos "llegada de maría san gil" e "maría san gil abandona el edificio" pódese ver con claridade, sobre todo no primeiro, como varios policías ou gardas van a por un só estudante -que o único que facía era berrar a varios metros de María San Gil e seu corpo de seguridade- ao que agreden. Pódese ver, asi mesmo, coma o séquito de María San Gil e ela mesma desvían a súa traxectoría para encarar aos estudantes.

imosalo #6 16/Febreiro/2008 imosalo

Moi boa observación "bertus". Eu coñezo ben a faculatade de económicas (fun alumno) e paréceme incríbel que o séquito da fascista non encarase as primeiras escaleiras que levan á pequena sala de conferencias. Pola contra, obtaron por encararse aos alumnos coa intención de subir, supoño, por outras escaleiras, que dan a un corredor estreito superior.
Se quixeran evitar as rapazas e rapaces que berraban, nada máis entrar poderían dirixirse á dereita cara ao despacho da decana e dende alí, atravesando unha porta, entrar nesa sala de conferencias. Foi un erro de seguridade ou a súa intención era provocar e zoupar nos e nas manifestantes? Se temos en conta que en vez de subir polas primeiras escaleiras dirixíronse ás outras, encarándose @s alumn@s(segundo erro de seguridade), a min dáme nos fuciños que foi unha estratexia da comitiva San Gil para lle sacar beneficios eleitorais. Non facía falla máis que ver as portadas dos xornais coa foto da tipa ríndose. Primeira páxina en "El Mundo", a cousa cheira mal.
Polo do si os manifestantes non foron politicamente correctos por berrar, e insultar?, teño que dicir que moi correctos non foron, non, porque parece que algún levou unha boa malleira. Aínda por riba, quérenos expulsar da universidade e levalos ao cárcere. Enriba de mel, filloas. Sobre este asunto é bastante clarificador o artigo de Xavier Cordal.

harizti #7 16/Febreiro/2008 harizti

Seica poden acabar xulgados como terroristas de baixa intensidade, non esquezamos que son independentistas e estamos en campaña eleitoral. E logo que pensa a xente que é isto?

maleiro #8 16/Febreiro/2008 maleiro

1º Noraboa a Vieiros por manterse a flote niste caldo putrefacto de medios lambecús e mentireiros.
2º Oín nalgunha emisora de radio (non lembro cal) que "si esto pasara en el país vasco, sería asumible, pero ¡en Santiago de Compostela! increible!
Coma os galegos sempre estivemos cañladiños...ós meus 52 anos sólo podo darlle o meu total apoio ós mozo/as de económicas e fago meus os seus berros ¡FORA DA GALIZA!
3º Xa me deu moi mala espiña oir ó Conde Pumpido nunhas declaración dicir "esto es intolerable".
Pois coido que tiña razón: É intolerable o queren facer cos rapaces que non fixeron senón amosar a súa disconformidade cos Saa Gil.
Deeixemos de calar e castiguemos os medios (e os que lle dan cartos públicos)que non lle importa nada a nosa terra nin a nosa xente.

Celso #9 16/Febreiro/2008 Celso

Bem dito, Vieiros.

kurumin #10 16/Febreiro/2008 kurumin

Opa Vieiros !!!!!!!

ramix #11 16/Febreiro/2008 ramix

Parabéns a Vieiros e apoio incondicional aos estudantes detidos!!!

Fascistas fóra da Galiza!!!

Fer #12 16/Febreiro/2008 Fer

Um 10 para Vieiros!

Carlinhos #13 16/Febreiro/2008 Carlinhos

Solidariedade cos processados e parabéns a Vieiros.

ecoe #14 16/Febreiro/2008 ecoe

Os estudantes en todo tempo teñen berrado correcta e incorrectamente ás autoridades e profesorado (mesmo rectorado): non á criminalización, solidariedade e libertade total para os mesmos.

Parabéns pola xusteza informativa de esta análise de Vieiros.

As explicacións dos compañeiros comentaristas tamén son ben axeitadas e ponderadas. Parabéns tamén.

Quenes cometeron VARIOS DELITOS non eran do lado do estudantado, que tan só exerceron o seu dereito á libre expresión e manifestación do mesmmo (si non se manifesta non é dereito).

Os delitos, en parte denunciados polos propios represariados, foron cometidos por parte da Universidade, por incorporar un acto electoral no que non pinta nin xoga nada (polo menos malversación de fundos e uso indebido, ou non?); a policia por actuar, e camuflada, dentro da Facultade (e alguén os ten mandado alí); e a seguranza privada, pola sua actuación. Nomeadamente tamén semella que a SanGil dirixira o cotarro (tal como se explica máis arriba como probable).

Todo vale se a auga vai ó proprio muíño: ese é o resume de un feito cotidiano e sen interese, mais tirado das suas casullas para ser magnificado (non sei mesmo se as declaracións do fiscal á prensa deberan constituir algún delito, xa que larga innecesariamente do sumario e actuación, e criminaliza como o que máis)

ghalisia #15 16/Febreiro/2008 ghalisia

Menos mal que existe Vieiros.

Trovador #16 16/Febreiro/2008 Trovador

Parabéns para Vieiros !

É surpreendente como se criminalizou aos estudantes que participarom no boicote universitário ao acto político do PP e que mesmo acabarom por ser agredidos.

Eu tampouco quero a policia na Universidade nem fascistas em Galiza !

Que democracia temos neste Estado ?

FROUXEIRA #17 16/Febreiro/2008 FROUXEIRA

É ben certo que a manipulación levada a extremos enchen xornais e páxinas electrónicas, non é de recibo que nunha Universidade Pública = pagada cos cartos de todos nos, seña a primeira en imcumprir as regras democráticas.Un espazo libre como a USC debe tomar nota e aplicar a xustiza en toda regra poñendo a cadaquén no seu sitio: así pois a quen primeiro hai que tomar declaracións independentemente do acontecido é a quen Rexe e permite que entren nas instalacións xente armada.
A partires de agora hai que supoñer que se poden volver a dar casos semellantes ao acontecido e polo tanto a USC debe estar cuestionada sempre.
Claro que tampouco é de estrañar dado os tempos de falla de liberdade que estamos a sofrir.
Coido que o estudantado debe estar atento a istes movementos e denunciar cando estime que a democrácia falla nun lugar de liberdade como debe ser A Universidade.

fandinho #18 16/Febreiro/2008 fandinho

Sr. Director:

Considero que nun estado de dereito debe prevalecer a verdade por enriba de todo, e os medios de comunicación ser un reflexo da verdade como pilares fundamentais da democracia.
Hai uns días aparecía en todos os medios a noticia de un altercado na visita de María San Gil a un facultade de Santiago para dar unha conferencia.
Ás poucas horas do sucedido chegáronme noticias de os acontecementos distaban moito de ser tal como se relataban nos medios e tiven a oportunidade de coñecer a versión dos feitos da parte, digamos, supostamente agresora.
Eu son da opinión que para facer un xuízo xusto e dar unha condena xusta hai que escoitar ás dúas partes implicadas.
Logo vin os vídeos que hai en youtube e puden comprobar que, efectivamente, a versión dada polos medios non se axustaba moito ao que realmente sucedeu.
María San Gil entra na facultade, os estudiantes están no hall con pancartas. Para ir ao lugar onde vai dala conferencia debe continuar recto e subir unhas escaleiras, non obstante, inexplicablemente torce hacia a esquerda onde están os estudiantes e os seus gardaespaldas comezan a golpealos. Inmediatamente ela da a volta e encamiñase ás escaleiras antes mencionadas.
Evidentemente os agresores son os escoltas e non os estudiantes como relatan os medios. Incluso á saída, novamente os escoltas sen motivo chegan a agredir a rapazas golpeándoas ou colléndoas polo pescozo e tirándoas ao chan.
A vista de esto teño que pensar que se trata de unha estratexia premeditada, ao saber con antelación da presencia dos estudiantes, para provocar un altercado e logo cos expertos intoxicadores de medios de que dispoñen no partido, poder ofrecer unha versión victimista con vistas a tirar uns réditos políticos de esa situación. Primeiro crear un estado de opinión favorable para si e condenatorio para os estudiantes, que favoreza actuacións policiais, xudiciais e universitarias posteriores. Segundo criminalizar a quen se atreve a desprestixiar o acto electoral en que pretendían converter dita conferencia. Terceiro rentabilizar electoralmente o acontecido.
Se apartamos a palla que hai no programa electoral do PP, estilo plantar 500 millóns de arbores, quédanos que durante anos a súa oferta política sustentase basicamente en espremer ao máximo a existencia do fenómeno de ETA ou calquera outra manifestación de violencia. Polo tanto vénlle de marabilla “euskaldunizar” calquera cousa con tal de pescar votos.
Hai precedentes de que o PP non ten escrúpulos á hora de mentir ou tentar manipular a opinión pública como aconteceu nos tristemente coñecidos atentados de Atocha con 200 mortos. Incluso chegaron a fustigar a representantes de víctimas que non compartían a súa teoría da conspiración. Tamén tentaron intoxicar en todo o posible o xuízo aos culpables de aquela salvaxada.
Tamén hai precedentes de que o PP ten para si unha dobre moral. Non recordo que fixeran ningunha condena cando uns simpatizantes seus agrediron a Bono ou case agreden e chaman asasino a Carrillo á saída dun acto universitario.
Estase a xogar co a respectabilidade das persoas. Trasladase á opinión publica a sensación de que determinados estudiantes son como unha subespecie do xénero humano, dos que non hai que doerse, moi ao estilo da opinión xenófoba que había ou hai nos estados sureños de USA con respecto aos negros e, a partires de ai, calquera cousa que se faga con eles é válida.
Evidentemente esto está moi na liña do PP que quere “domesticar” aos inmigrantes ou meter no cárcere a nenos de 12 anos.

KikodasLeiras #19 17/Febreiro/2008 KikodasLeiras

A resistencia pacífica e cívil é a nosa melhor arma!

Resistide galegos e galegas!

Grazas Vieiros!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: