Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (5)

Gastos inmanexables

Yahourchi únese coas súas compañeiras do grupo de aforro e todas xuntas aprenden unha cousa que para nós é ben simple: que as mulleres teñen dereitos. Unha crónica de María Reimóndez.

María Reimóndez - 18:38 18/02/2008
Tags:

A semana comeza coas mañás frías que van dando paso logo á calor na cidade. A familiaridade das rúas estreitas, cheas de pedras, entre as choupanas de lata lévame ata a primeira beneficiaria do programa.

Yahourchi vive nun pequeno cadrado con 8 persoas máis, catro nenas e tres nenos, propios e orfos do seu irmán, a súa irmá enferma e o seu home. Como a maioría das mulleres que viven nos suburbios de Addis ten que pagar un prezo exorbitado pola "casa" na que viven, no seu caso uns 14 euros ao mes, cifra que para alguén que consegue facer 70 céntimos cada día con moitas dificultades é un gasto comparable ás nosas hipotecas.

Yahourchi é unha das moitas mulleres que asumen sobre os seus ombreiros os efectos da SIDA, facéndose cargo das e dos orfos da familia. A súa maior preocupación, a sobrecarga laboral (ten que vender carbón e vexetais para poder facer algo de cartos, o cal implica ir ao mercado e logo andar polas rúas vendendo) provocada tamén polo feito de que o seu home non contribúe en absoluto á casa, nin con ingresos nin con traballo no fogar. Está soa cunha familia enorme. Un caso demasiado frecuente.

Esforzos para o futuro
A cara de Yahourchi cambia cando se une ás súas compañeiras do grupo de aforro na xuntanza semanal. Reúnense na casa doutra integrante do grupo e na parede teñen unha cartolina cos datos do grupo: número de integrantes, o seu aforro, o crédito que foron xa distribuíndo, os ingresos por outras actividades... Falamos do que fan no grupo, do que significa para elas e das dificultades que tiveron para poñelo en marcha.

Algunhas persoas pensan que para as mulleres moi pobres resulta imposible aforrar pero as mulleres de Selamlegna que carecían de ingresos propios explican como o fixeron: "quitando un pouco de fariña de aquí e un pouco de aceite de alá". Para familias que carecen xa de alimento suficiente é este un sacrificio que amosa unha confianza conmovedora no futuro e na mellora que significa formar parte dun grupo de aforro. Todas sorrín porque compensou. O esforzo feito procuroulles agora cartos para poder poñer en marcha un pequeno negocio co que xeran cartos cos que comer mellor.

Primeira vez
A semana pasada organizamos o primeiro curso de formación sobre xénero para as mulleres dos grupos e todas continúan comentando o aprendido no grupo. Nunca antes oíran que tiñan dereitos. Tan simple coma isto. As cousas que damos por sentado que todo o mundo sabe son cuestións que non é xa que as mulleres non experimentemos con demasiada frecuencia senón que para millóns de nós son totalmente descoñecidas. Porque esa frase aparentemente tan básica e que pode parecer mesmo carente de contido engloba o traballo das mulleres en todo o mundo, a nosa loita por sermos recoñecidas como suxeitos, os nosos logros para que os dereitos humanos deixasen de ser dereitos do home, a nosa forza no local e no mundial.

As integrantes dos grupos entran por primeira vez en contacto con esa herdanza que custa aínda tanto traballo visibilizar. E esa mera frase provoca, por exemplo, comezar a comer. Antes só se preocupaban de que o marido comese, ou as nenas e nenos.

Cando Yahourchi chegou á casa despois do curso cos materiais o seu home riuse dela coa seguinte frase: "E daquela pensas que a estas alturas vas aprender algo novo?". Noutro momento tería calado, pero como aínda lle ecoaba na cabeza o aprendido contestoulle: "Non só vou aprender, vou ensinar ao resto da veciñanza". E así entrou a formar parte desa historia común pola cal buscamos unha vida mellor e máis xusta.


3,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: