Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Candidatos ocultos, carteis en Arxentina e Guerra

A tres días da apertura oficial de campaña, os líderes das formacións políticas quítanlle aínda espazo aos candidatos reais a sentaren nos asentos do Congreso.

Redacción / Europa Press - 09:00 20/02/2008

O que fora vicepresidente do goberno español na primeira etapa do PSOE de Felipe González, o tamén andaluz Alfonso Guerra, acaparou o protagonismo socialista este martes no acto de precampaña celebrado en Narón. Un milleiro de persoas acudiron a escoitar o discurso de Guerra arengando a frear "a dereita máis cavernícola e reaccionaria" e evitar que goberno "a maior extrema dereita de Europa".

Falou Guerra de que os dereitos e avances en diversos ámbitos "logrados polo goberno de Rodríguez Zapatero" poderían ser suprimidos "se chega o tío este", en referencia ao líder do PP, Mariano Rajoy. Volveríase referir aínda máis adiante a Rajoy como "hipócrita", "mentireiro" ou "falsario" e tamén coma "o tío da barba" explicando que o facía así "para non o nomear, porque ten gafe". O histórico político socialista defendeu o apoio ao PSOE fronte a "todo dogmatismo" e a unha Igrexa que trata de prohibir por lei "xa que non lles fan caso doutro modo". Así mesmo, censurou a política de emigración proposta polo PP: "a inmigración aquí non é un problema é unha solución dos problemas", contrapuxo.

PPdeG: a preocupación ourensá
O presidente provincial do PP en Ourense, Xosé Luis Baltar, asegurou este martes que a pegada de carteis que os populares realizarán en Bos Aires servirá para "contrarrestar" a "propaganda do PSOE" que "ten empapelado aquilo" e "andou con avionetas repartindo propaganda dende hai moito tempo nas praias".

Nunha entrevista na Cadena Cope, recollida por Europa Press, Baltar indicou que esta pegada simbólica contará coa presenza en Arxentina da número tres da candidatura popular pola provincia de Ourense e ex alcaldesa do Concello de Bande, Ana Belén Vázquez. Ao respecto, explicou que desprazarán a unha candidata ao Congreso porque "se se lle dá importancia ao voto emigrante non só hai que aproveitarse dos votos senón que sintan perto a presenza dos deputados".

Xunto á pegada de carteis en Arxentina, os populares ourensáns organizarán a súa tradicional pegada de carteis no Parque de San Lázaro da capital ourensá que este ano contará coa presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo. Por iso, Baltar destacou que para o PPdeG este ano "a referencia da pegada de carteis en Galiza será Ourense". O líder do PP provincial tamén destacou as sucesivas visitas que durante a campaña farán Ourense tanto Mariano Rajoy coma o ex ministro do Interior, Jaime Mayor Oreja; o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga; ou o ex ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos.

Crítica á "ocultación" dos candidatos
O coordinador executivo do BNG e cabeza de lista da formación ao Congreso pola Coruña, Francisco Jorquera, asegurou este martes que PP e PSOE "fan ocultación consciente e voluntaria dos seus candidatos" en Galiza porque "queren facerlle crer á sociedade que estamos ante unhas eleccións presidenciais".

Na presentación da web renovada do BNG, Jorquera indicou que as dúas grandes formacións estatais "ignoran a Galiza" e puxo como proba as pancartas publicitarias que instalaron nas rúas, que "ignoran os seus candidatos" e onde "os protagonistas son persoas que non poden votar os galegos".

Así, concluíu que existen só dúas campañas electorais: a do BNG, "centrada en Galiza", fronte á que levan a cabo PP e PSOE, que teñen como obxectivo chegar á Moncloa e que enfocan as eleccións como unhas presidenciais. "Por iso ocultan aos candidatos", sentenciou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: