Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (7)

Rematar co agravio

"Hai un feito que sempre me deixa perplexa: a descendencia non precisa de dúas partes?", pregúntase María Reimóndez nesta nova crónica.

Maria Reimóndez - 09:00 21/02/2008
Tags:

No grupo ao que pertence Negatwa todas están preocupadas por unha compañeira dende o curso de xénero. Antes nin sequera se pararan a poñer en dúbida os seus actos ou o que acontecera. Pero agora é diferente. A filla desta compañeira foi violada e deu a luz a un meniño, a mai non se deu conta do embarazo ata que chegou a termo e a rapaza non era capaz de falar do ocorrido. A reacción da mai seguiu os patróns sociais habituais: enviar á rapaza lonxe, á aldea, como castigo polo seu "crime". Pero no curso de xénero as cousas cambiaron porque a monitora falou da violación, de que era un crime castigado pola lei e que non debía aceptarse socialmente e moito menos botarlle terra por riba. Tamén falou da necesidade de apoiar á vítimas.

A mai foi falar coa monitora en privado do seu caso, comprendeu que o que fixera non estaba ben. Agora o resto de compañeiras fan seguimento do acontecido, queren que volva traer a rapaza e o meniño para a casa e que se aclare o acontecido.

Nun país onde o 25% das mulleres son violadas (UNHA DE CADA CATRO) necesítase un cambio nas medidas punitivas e na atención ás vítimas pero sobre todo na percepción dos homes de que as mulleres existimos para o seu disfrute. Os grupos poden incidir nos dous primeiros puntos, no terceiro empezaremos a traballar a partir do ano que vén, entendo que os procesos precisan o seu tempo pero cada minuto que pasa significa un minuto máis de inseguridade para a nosa integridade física e psicolóxica, para a nosa dignidade.

Ausentes
A semana vai chegando á súa fin e decátome de que en todo o tempo que pasei nos suburbios non é que non falase, é que non vin case ningún home. Estar ausentes é moi cómodo. Non podo evitar pensar nas diferencias que existen entre a realidade á que me enfronto aquí nese sentido e á que estou afeita na India.

Ao inicio dos proxectos na India é habitual que as mulleres dependan totalmente dos homes nun sentido psicolóxico, mesmo se teñen os seus propios ingresos. Asúmese normal que unha muller non poida saír da casa sen o seu permiso e outras lindezas semellantes. Pero aquí a situación é diferente, aínda que as consecuencias ao final redundan no mesmo, a explotación das mulleres. Neste caso os homes simplemente non están, elas fano todo. E a sociedade acepta (nisto existe unha proximidade impresionante coa nosa situación, só que a nosa vida doméstica está facilitada pola auga corrente, ter que comer habitualmente, etc) que os homes eludan as súas responsabilidades.

Pero os proxectos de cooperación buscan cambiar a realidade, e neste caso non hai máis que seguir as indicacións das mulleres: os homes deben facerse presentes, deben facerse conscientes da súa identidade de xénero e das consecuencias que ten no outro 50% da sociedade. Nesas andamos, deseñando as campañas e estratexias que nos permitan facelos presentes.

Unha sombra...
A dicir verdade, a ausencia dos homes é sempre como unha sombra. Non están pero seguen dominando o horizonte. Están aí para protestar, para opoñerse a que as mulleres estean nos grupos, para rirse delas cando aprenden algo novo. Co cal xa non é só que as mulleres carguen con todo senón que se lles presentan obstáculos engadidos nas condutas das persoas que son os pais dos seus fillos, ou os seus irmáns, pais ou coñecidos. Canto me soa este cantar. E ao final aínda hai quen pregunta por que tantas mulleres preferimos estar soas... é realmente unha elección? Preguntas que unha fai ás sombras e rara vez son contestadas con sinceridade (ah, con insultos moitas veces, iso si).

Maternidade ou gabar a escrava?

Non podo evitar continuar co contraste permanente das miñas experiencias no meu outro país, a India. Aquí a pregunta non é se estou casada (de feito a estas alturas xa a xente desistiu porque para a sociedade tamil vou vellísima de máis para calquera asunto dese tipo) é se teño fillas ou fillos. A miña cara é a mesma para as dúas preguntas: non, nin ganas.

Sinceramente chámame máis a atención o asunto da maternidade có do matrimonio, sobre todo porque neste momento ando ás voltas con varios libros de feminismos e estudos de xénero africanos que tocan ese tema. Seguramente tamén porque a maternidade forma moito máis parte da definición que o patriarcado fai das mulleres e porque é algo que sempre me intrigou, ese afán de ter fillas e fillos que respecto nas e nos demais pero que eu nunca sentín (e, por favor, a estas alturas xa non vale o odioso: muller, xa cambiarás). Dáme moito que pensar o orgullo que vexo aquí nas mulleres pola súa "produción", o cal por unha parte está ben, ao considerar o feito de procrear unha contribución á sociedade (e vou aforrar comentarios sarcásticos sobre se algunhas persoas que por aí pululan contribúen moito á sociedade).

Pero a fin de contas hai un feito que sempre me deixa perplexa: a descendencia non precisa de dúas partes? De acordo que a xestación e o parto acontecen no noso corpo e polo tanto temos dereito a decidir sobre calquera aspecto que toque este punto (eu tamén me inculpo por abortar, quede dito de paso). Pero iso só dura como moito nove meses... ou? Daquela por que só unha se fai cargo da "creación"? Unha cousa é que algunhas mulleres decidan ter fillas/os en soidade e outra moi diferente é que os homes eludan a súa responsabilidade.

Este enxalzamento da maternidade como un estatus social (que pasa coas mulleres que non poden ou non queren ter fillas/os? Ostracismo? Infelices para sempre?) recórdame a aquelo de gabar a escrava para que non se rebele. E, sinceramente, non o vexo unha cousa tan africana como pretenden algunhas teóricas pois en "occidente" (salvando obviamente as distancias) a cousa non é tan diferente en canto a asumir a maternidade como unha definición das mulleres e en canto a gabar a escrava... ou non queda pouco xa para o día da mai?


3,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: