| ADEGA denuncia novas agresións ao LIC Brañas do Xestoso que, xunto coas recentes obras dun parque eólico, significan a prática desaparición dos valores naturais deste espazo. Desecación da Lagoa Sacra de Olives, recheos das brañas, lumes provocados... É así como se xestiona un espazo que até o de agora acollía hábitats prioritarios para a UE, raras aves coma a avetarda (a meirande de Galiza) ou o sisón, en perigo de extinción?. A protección do noso patrimonio natural é cada vez máis virtual mentres se consuman todo tipo de agresións. De seguirmos así, só poderemos contemplar cómo era nosa natureza na web da consellería de Medio Ambiente. |
As Brañas de Xestoso, único espazo da dorsal galega até hai pouco libre de muíños, constitían a mellor representación das turbeiras ácidas de esfagnum, un hábitat moi raro e fráxil do que Galiza conta co 85% do identificado para toda a franxa atlántica penínsular. Nas brañas, están presentes hábitats protexidos pola Directiva 92/43 CE de Hábitats, como (o asterisco * sinala os prioritarios): 4020* Uceiras húmidas atlánticas meridionais de Erica cillaris e Erica tetralix; 4030 Uceiras secas (todos os sub-tipos), 4090 Uceiras oromediterráneas endémicas, 7110* Turbeiras altas activas, 7140 'Mires' de transición, 7150 Depresións sobre substratos turbeiros (Rhynchosporion), 8230 Pasteiros pioneiros en superficies rochosas, 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.
No contorno, estaban tamén presentas especies protexidas polas Diretivas 79/409 CE (de Aves) e 92/43/CEE (de Hábitats) como a gatafornela (Circus cyaneus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), o sisón (Tetrax tetrax) en perigo de extinción, a avetarda (Otis tarda) a noiteira (Caprimulgus europaeus), a cotovía pequena (Lullula arborea), o pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe), entre outras; así como diversas especies de morcegos tamén protexidos como Myotis myotis, Rhinolophus hipposideros e Rhinolophus ferrum-equinum.
As infraestruturas asociadas aos muíños como pistas, desmontes, parques de maquinaria, gavias e foxos, etc. provocaron a fragmentación dun ecosistema moi fráxil, a modificación da dinámica hídrica local e o drenaxe das zonas encharcadas, un dos principais valores das Brañas de Xestoso, polo que ADEGA cursou unha denuncia á Comisión Europea.
Agora, a estes impactos hai que engadir novas e recentes desfeitas: o centro da braña, ocupada no inverno pola Lagoa Sacra de Olives, e a única zona libre de pasteiros até hoxe, foi queimada a semana pasada. Había días que polo contorno pululaban ducias de veículos pesados, excavadoras e desbrozadoras, que aínda hoxe seguen aplanando brañas e vertendo toneladas de entullo e excrementos de granxas avícolas. E onde non poden chegar as máquinas, chega o lume preparando o sustrato para posterior a transformación en pasteiros. Colocáronse tamén quilómetros de arame de espiño e valados de cemento.
Deste xeito, a situación é práticamente irreversível e podemos falar da prática destrucción dos valores ecolóxicos dun espazo da Rede Natura 2000. Ante a pasividade da Xunta, ADEGA xa denunciara perante a UE as obras do parque eólico, e agora ampliaremos a nosa denuncia a estas actividades, para que a UE coñeza usos que a Xunta fai dos fondos europeos de conservación e como mira polos nosos espazos protexidos. A recente redución da superficie da ZEPA da Limia nun 73% con respeito ao fixado pola sentenza do tribunal de Xustiza da UE, é outra mostra do feble compromiso da administración autónoma coa conservación do noso patrimonio natural.