Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (8)

O primeiro paso

"O noso lema", dime, "é que as mulleres necesitamos a literatura como un dereito". María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 12:00 03/03/2008
Tags:

Ao rematar o día de traballo teño unha xuntanza agardada. Antes de vir comecei a buscar información sobre escritoras etíopes. Como para moitas outras cousas non resulta fácil obter certo tipo de información sobre Etiopía, forma parte da pobreza este non ser visible nin ter voz. Neste caso, por moito que o ahmárico, a lingua oficial (hai moitas outras que tamén teñen este estatus en diferentes estados federais) teña unha historia escrita que se remonta moitos séculos, a tradución de textos de Etiopía ás linguas occidentais resulta case inexistente.

O meu interese supera a mera curiosidade e o meu afán por intentar entender as sociedades coas que convivo, en realidade nace dunha expectativa maior, forxada pola maneira que temos en Implicadas no Desenvolvemento de entender o noso traballo como organización de cooperación ao desenvolvemento. Unha parte moi importante deste traballo consiste en por unha banda implicar á cultura galega de diferentes formas na creación dunha masa crítica na nosa sociedade con respecto á explotación das sociedades do sur e pola outra en visibilizar as culturas e a diversidade dos países onde traballamos.

Haberá libro de poetas galegas e etíopes
O ano pasado combinamos estes dous enfoques coa publicación do libro Vanakkam-Benvidas, unha compilación de poetas galegas e tamiles que resultou unha experiencia enriquecedora que esperamos que continúe este ano coa visita das autoras tamiles a Galicia a finais de ano. O libro abre unha maneira diferente de entender a situación das mulleres noutros países, a posibilidade de que teñan voz e rachen con tantos estereotipos nocivos. Todo isto para explicar por que hoxe a xuntanza era agardada. A compaña, Yemowdish Bekele, escritora e presidenta da Asociación Etíope de Mulleres Escritoras. Entre nós xa a complicidade previa do amor polas letras, do entendemento da literatura como unha ferramenta de cambio social. "O noso lema", dime, "é que as mulleres necesitamos a literatura como un dereito. Para falar do que nos pasa, para cambiar o que nos rodea”. A conclusión da conversa: haberá libro de poetas galegas e etíopes. O primeiro paso está dado.


2/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: