Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
EXTRAPOLACIÓN

O actual sistema electoral beneficia os dous grandes partidos no Congreso

Segundo varios estudos na rede, un reparto proporcional de escanos ou unha circunscrición única beneficiarían maiormente a IU. O BNG subiría un escano cos datos do 2004.

Redacción - 13:15 03/03/2008
Resultados segundo o estudo de M. Fontenla

Resultados segundo o estudo de M. Fontenla

Dende algunhas formacións políticas tense afirmado que modificar a lei electoral española e substituíla por un sistema proporcional reduciría a influencia dos partidos nacionalistas. Porén, segundo o estudo de Manuel Fontenla, a meirande parte das formacións nacionalistas mellorarían os seus resultados con este cambio, que prexudicaría principalmente os dous "grandes", o PP e o PSOE e favorecería espectacularmente a IU.

A extrapolación dos datos das pasadas eleccións xerais, tendo en conta os resultados dos partidos con presenza no Congreso, deixaría o PSOE e o PP con sete e nove escanos menos, respectivamente. IU sería a segunda forza, con 18, trece máis ca os que ten na actualidade. Tamén aumentarían a súa representación CiU (dous máis, até 12), ERC (un máis, con 9) e o BNG, que pasaría a ter tres representantes na cámara baixa española.

Só sairía perdendo o PNV, que quedaría con seis escanos. Tanto Coalición Canaria, como a Chunta Aragonesista, Eusko Alkartasuna e Nafarroa Bai ficarían como están.

Crear unha circunscrición única para todo o Estado Español daría uns resultados moi semellantes, como se reflicte no blog de Pingarates.


5/5 (5 votos)


Comentarios (11)

condedecotobade #1 3/Marzo/2008 condedecotobade

O sistema que hai agora xa é proporcional, o que sucede é que a circunscrición eleitoral é a provincia. O problema de IU é que non é representativo en case que ningunha provincia, por iso vai acumulando en cada lugar uns cantos votos que non serven para obter deputado. O mesmo pasa co Bloque, no que 80 mil votos de Ourense e Lugo quedan sen representación. O que propón o tipo do estudo é un sistema de circunscrición única, tipo nas eleccións á UE. Todos os sistemas son válidos e todos teñen defectos, o que non se pode facer é protestar as regras do xogo unha vez tes os resultados.

xaviersouto #2 3/Marzo/2008 xaviersouto

Existe em Alemanha um sistema de restos que compensa ao minoritários.

sozinho #3 3/Marzo/2008 sozinho

Mantendo o límite do 3%, algo que ninguén falou de suprimir, pero este estudo suprime, saen uns resultados de:
PSOE: 169
PP: 146
IU: 21
CiU: 14, e para de contar. Todo o resto está por baixo do 3%.
Se a circunscrición fose por Comunidade Autónoma e mantendo o 3%, sairíanme en Galicia: PP: 11, PSdG: 10 e BNG, 3 (EU necesitaría pouco máis do dobre do que conseguiu). Naturalmente en Asturias, Cantabria, Murcia, etc. non habería diferenzas.
O do Senado xa é para nota, ghe, ghe.
Persoalmente prefiro, por moitos motivos, a circunscrición por Comunidades Autónomas. Un deles é a volatilidade e a complexidade dos cálculos electorais nunha circunscrición estatal.
Por certo, a expresión "circunscrición única" é relativa a un territorio (provincia, comunidade autónoma, estado...) e non ten un valor absoluto. Eu normalmente oíno aplicado a Galicia, que é a demanda inmediata, exceptuando Ibarradas, que ademais propuña subi-lo limiar para obter representación a un 5 %.
En definitiva, estamos ou non de acordo en uni-las circunscricións das catro (e non de todo o Estado) nunha soa?

sozinho #4 3/Marzo/2008 sozinho

En canto a IU, sospeito que no sistema rexional gañaría pero pouco, e só nas de sempre. Sen embargo estaría ás portas na Mancha e outras.

xaviersouto #5 3/Marzo/2008 xaviersouto

É preciso percebermos que a lei eleitoral afecta a IU/EU, e a outros minoritários, num sentido duplo. Primeiro porque a prejudica directamente, depois porque muitos sentem-se desalentados pelo chamado voto útil, rachando deste jeito qualquer possibilidade de se firmar como partido alternativo com poder de condicionar a vida pública do nosso país, com o poder que deviam ter as muitas pessoas dessas ideias de esquerda.

sozinho #6 4/Marzo/2008 sozinho

Hai que ter en conta que tamén hai moito voto completamente inútil, e refírome a que xuntando partidos totalmente descoñecidos pola maioría sumaríamos un 3 % para obter representación. Para quen lle guste curiosear polas matemáticas electorais, no diario El Mundo aparecen os datos das eleccións pasadas con todo luxo de detalles, entre outras fontes.
En canto aos minoritarios, evitémo-la candidez de dicir que están prexudicados pola lei d'Hondt e polo 3 %. Estes son sistemas que consolidan maiorías, dan estabilidade aos gobernos -que non tiñan na 2ª República, por ex.- e prexudican un mínimo a nacionalistas, como demostra o citado blog. Sen embargo o asunto é que o sistema provincial prexudica, e moito, a partidos con disperso apoio por todo o Estado. A solución? Un sistema rexional co 3%, que beneficia relativamente a partidos nacionalistas (non maioritarios na autonomía) e moito ao 3º estatal sen deixar de incha-los votos dos máis apoiados, estabilidde necesaria ata que se demostre o contrario. Sen embargo, sempre podemos saltarnos catro pasos e laiarnos por non lograr domina-lo estado dende unha minoría local (??!). Primeiro hai que gañarse aos concellos, despois as provincias e autonomías e por último facer un partido ou coalición estatal para ter influencia, e non comezar pola influencia para rematar a nivel local. Iso chámase democracia e é algo que IU, Galeuscat e demais van conquistando, pero coas cartas marcadas.

Roi_Batti #7 4/Marzo/2008 Roi_Batti

Xa que falas de Galeuscat,
IU, PNV e CiU pactaron onte. Entrará IU en Galeuscat? facemos unha enquisa?

sozinho #8 4/Marzo/2008 sozinho

Non a admitirían. A representación de IU é de Cataluña, Madrid e Euskadi, fundamentalmente. Asturias, Andalucía, A Mancha, etc. podemos discutir teñan importancia, pero... son de Gal-Eus-Cat? Habería que cambia-lo nome e incluso a ideoloxía, pois IU é irreconciliable co centro-dereita, algo que non demostra o BNG e crea confusións surrealistas.

sozinho #9 4/Marzo/2008 sozinho

A miña pregunta para unha futura enquisa sería: Aceptaría o electorado unha coalición para as xerais de federalistas de esquerdas? -aceptando a federación coma un obxectivo común para nacionalistas e independentistas-:
ERC-IU-ICV-BNG-EU-EB-CHA-NaBai-etc.
Sería posible suma-los votos e repartilos ao estilo das europeas?
Estimo uns dez representantes extra coa axuda de EU en Galicia, CHA en Aragón, etc. Agora mesmo esas forzas suman 19 escanos e doadamente se situarían nos 25 con esa alianza. O que non sei é se o sistema electoral español o permite.
É iso o que nos está negando Galeuscat?
Non imaxino a un PSOE negando avances cara á federación con esta presión unánime. Iso si, cando enxendros como Batasuna, ANV e EHAK desaparezan do panorama político.

ecoe #10 4/Marzo/2008 ecoe

O sistema "erectoral" está amañado de raíz para impedir ningunha presencia non controlada, de ahí a lei d´Hont (desfacedora de diversidade política).

Mais ó sistema non lle é suficiente, e tivo que cooptar os medios de comunicación (tamén procurando non diversificar máis que no aparente, unidos de fondo pola causa, como pesoe-pepe)

E como ainda así non lle foi suficiente, renovaron o "Tribunal de Orden Público" franquista con man de pintura e un algo de cal, e presentaron a AN. Hoxe ata o propio Tribunal Supremo ("teóricamente" independente do executivo) e mesmo o Constitucional achican auga cando hai tronada tempestuosa.

Así se CONTROLA o sistema electoral para que non votemos o que non debemos, porque nos trabucamos (pasóulle ós palestinianos, tamén).

E aínda así a opción política MÁIS VOTADA en porcentaxe, maior que ningún partido, é a ABSTENCIÓN, que debera ter REPRESENTACIÓN parlamentar en forma de ocos vacíos, mais CONTANTES nas horas das decisións.

Sin esgotar outras moitas posibilidades, habería moita máis democracia e outro galo cantaría.

sozinho #11 4/Marzo/2008 sozinho

Non por moito escribir en maiúsculas se ten máis razón. O PSOE superou os 10 millóns de votos, o PP, os 9, mentres que IU superou o millón de votos. Sen embargo, as abstencións (o non-voto) superaron só os 7 millóns e medio. Inda sumándolle os votos nulos e brancos (algo fóra de lugar, xa que teñen significados moi diferentes) non chegarían aos 9 millóns que obtén o PP, por exemplo.
A lei d'Hondt (con d) consolida maiorías sen necesidade de que cheguen ao 50 % dos votos (pero si que ronden o 45 %). O que realmente marxina aos partidos pequenos é o limiar do 3% e o sistema provincial. Podédelo consultar na ligazón do blog de Fontenla.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: