Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (9)

Estou segura de que algo bo sairá de aquí

"Eu sento e observo como falan, contenta do meu pequeno papel catalizador". María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 12:00 04/03/2008
Tags:

De novo con Adugna
A cara de Meseret saúdame preto do Merkato, onde ten o seu local de ensaios o grupo de danza Adugna. Cando chegamos só hai dous compoñentes de Adugna Potentials, o grupo de danza de persoas con discapacidade. O resto marcharon impartir a súa propia clase e volverán nun anaco. Hai xa uns días que preguntaron a Meseret cando ía facerlles unha visita, a última vez tivemos ocasión de falar un anaco e aínda me emociona a súa paixón pola danza, a definición da súa identidade en torno a ela. Cando regresan o resto de integrantes do grupo comeza o ensaio, desta vez dunha peza conxunta entre Adugna e Adugna Potentials.

A súa enerxía é contaxiosa, a súa capacidade de transmitir emocións provócame. O único que me pesa é non poder levar a todo o grupo completo a Galicia para xuño. Os cartos mandan, por desgraza. Só poderán vir Meseret e unha compañeira e compañeiro. Meseret explícame que quere que vaia un bailarín porque quere contar o desinterese dos homes polo doméstico na súa peza sobre a auga. Fálolles de Compostela, das pedras e das fontes e as ideas sáenlles polos ollos, as mans e as palabras. Meseret quere poder ensinarme algo da peza cando regrese da montaña, dentro de dez días. Tárdame xa.

Papel catalizador
Cando remata o ensaio comemos xuntas e Meseret e mais eu marchamos a OPRIFS. Esta semana estívenlle falando a Zinash, a directora da organización, sobre Adugna. A conexión é inmediata. Zinash conta como moitas das nenas que estiveron no refuxio e que agora viven de forma independente grazas aos seus pequenos negocios teñen vergoña de falar do seu pasado como nenas da rúa. Hai uns días tiveron unha xuntanza e Zinash insistiulles na necesidade de falar á sociedade da súa experiencia para cambiar todos os prexuízos que existen ao redor das nenas da rúa (que se son persoas pouco fiables, que non valen para traballar... en fin, tantas cousas).

Meseret fala tranquilamente sobre a súa vida na rúa ata os trece anos. Zinash quere que Meseret traballe coas nenas do refuxio a través da danza, ela que comprende perfectamente as súas circunstancias e que foi capaz de superalas. Eu sento e observo como falan, contenta do meu pequeno papel catalizador que en realidade é adoito o único que me corresponde en todo este asunto. Estou segura de que algo bo sairá de aquí, coñecendo as dúas partes.


2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: