Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (11)

Perden de aprender tanto...

"Danme pena esas persoas que corren cos seus formularios enchendo recadros sen mirarlle á xente aos ollos". María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 12:00 06/03/2008
Tags:

Cando volva da montaña...
Este domingo, como indican as miñas referencias varias a “cando volva da montaña” marcho a Mersa, no corazón da montaña etíope, onde temos o noso outro proxecto. Estarei alá case dúas semanas, nun lugar incomunicado e perdido do mundo... alá mesmo onde da última vez me deu un cólico nefrítico e non puiden acceder a tratamento (ou sexa, analxésico inxectable, antibióticos para a infección urinaria) en doce agoniantes horas... e dous días máis para chegar a unha ecografía en Addis. Como son optimista non podo evitar pensar que se xa tiven alá o cólico unha vez malo será repetir, e ademais a experiencia fai a unha precavida, así que levo as agullas hipodérmicas e o analxésico no botiquín.

Ao regreso non sei como serei capaz de dar cabida á miña vida social, tendo en conta que se todo vai segundo o previsto non terei máis que catro días en Addis, un deles para impartir un curso a OPRIFS e WSA sobre o enfoque de xénero e a fin de semana para ver a Meseret, Mesfin, Yikunnoamlak, Zinash, o dr. Mulugeta, Marta e as nenas (que exceso para alguén que leva a vida da toupa normalmente no que ao contacto social se refire!)... Mais iso será cando volva da montaña...

Cabe isto no formulario?
Despois de presentarlle a avaliación do proxecto de OPRIFS a Zinash, a directora da organización, convídoa a comer como despedida ata dentro de dúas semanas. Estes momentos creo que son tamén importantes, como di ela, para establecer os vínculos humanos. É algo que me amola especialmente da cooperación tan oficial e profesionalizada no mal sentido da palabra.

Hai xente neste campo que pensa que ser profesional é pasarlles por enriba ás persoas que traballan nos países, ignorar as súas contribucións e os seus problemas, como se o único papel que unha puidese ter neste proceso é o de policía. Detesto ese tipo de persoas dunha maneira visceral. Esas que corren cos seus formularios enchendo recadros sen mirarlle á xente aos ollos. En realidade danme pena. Porque perden de aprender tanto.

Zinash e mais eu falamos diso, do amolada que está coa rixidez de quen financia, dos malditos formularios (que me vai contar!). E falamos tamén dela, que foi enfermeira durante moito tempo, do traballo nos hospitais do goberno, das súas pelexas constantes por atender ás persoas por enriba doutras consideracións. Tamén me fala de como a meteron no cárcere máis tarde, xa no mundo da cooperación, cando descubriu que no proxecto onde traballaba había xente que roubaba as medicinas e as vendía. Despois de tentar deter a corrupción por vías propias (amoestando aos traballadores implicados) e ver que non funcionaba decidiu poñelo en coñecemento da dirección da organización para a que traballaba e das autoridades. Ese día foi detida pola policía e metérona na cadea. Por sorte a cousa non foi a máis, tivo que enfrontarse a un xuízo pero soltárona.

Non sei como se pode meter esta experiencia nun formulario, pero Zinash ten que tratar seguido con persoas que a miran por riba do ombreiro pensando que porque fixeron un master ou porque traballan para a UE, a axencia de cooperación ao desenvolvemento do estado español ou da Xunta saben máis do mundo ca ela. Supostamente os formularios que tanto me irritan se fan para “unificar” certos criterios, o cal é un eufemismo para dicir: facilitar o traballo de funcionariado e consultorías. E mentres facilitamos o traballo de quen xa o ten fácil e ben pago, as persoas que teñen que entrar polo aro do formulario para poder financiar as súas iniciativas poden en moitos países do mundo acabar simplemente na cadea por tentar facer un traballo digno e con honestidade, xa non digamos falar abertamente de certas cousas. Quen debería facilitar o traballo a quen é a pregunta definitiva.


2,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: