Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (12)

Lingua e ensino, que familiar

Na actualidade as persoas con recursos mandan ás nenas e nenos a escolas en inglés, as escolas públicas que ensinan na lingua materna (ahmárico ou outra) son só para as e os pobres. María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 12:00 07/03/2008
Tags:

Peiteados
É sábado e na casa as nenas e o neno animan a mañá. Yohanna é a miña aliada máis próxima, ela é a que me ensina, me chama, me explica o que debo saber. Dende o primeiro día gañou o meu respecto coa súa atención abraiante ás necesidades dos demais membros da casa cos seus curtos sete anos. Fálame de animais, ensíname palabras en ahmárico, ás veces de forma inconsciente, porque non sabe a palabra en inglés, inventa historias, faime pensar e pasámolo ben xuntas. Podo afirmar entón que Yohanna é a miña amiga, non só unha nena coa que convivo.

Esta mañá, cando saio da latrina co pelo mollado, de seguida vén co peite e tenta facerme unha trenza como as que leva no pelo. O asunto remata coa súa mai facéndose cargo do meu pelo, Yohanna e Nefiat de perruqueiras asistentes e en media hora un abraiante peiteado etíope na miña cabeza. E mentres me dá o sol na aira e as oio falar ao redor da miña cabeza penso que estes momentos fan que unha se sinta parte das cousas. Que unha teña acceso a espazos reservados, a espazos onde só nosoutras temos algo que dicir. Eses espazos aos que non se lles dá valor social pero que son aqueles onde se tece unha forma diferente de estar en sociedade que paga a pena experimentar. Ai, se os políticos se peiteasen os uns aos outros o mundo sería moi diferente (vale, non sei como encaixar a alopecia)... iso e que as mulleres ocupemos os postos que nos corresponden, se non cambiou dende a última vez que contei, o 50%.

Lingua e ensino, que familiar
Semella que en Etiopía recupero unha vida social descoñecida para min cando estou nin na India nin en Galicia. Hoxe quedei comer co meu antigo profesor de ahmárico (desta vez non tiven tempo de poñer clases, mágoa, a verdade), Yikunnuamlak. Dende a última vez que nos vimos pasou de ser alumno a ser profesor e hoxe ten varias clases. Gústame falar con el da lingua, da literatura. É unha auténtica enciclopedia andante. A súa lingua materna é o tigriña pero é licenciado en estudos ahmáricos, experto no ahmárico antigo ou ge'ez e agora investiga a implantación da lingua materna no ensino. Este é un tema realmente moi interesante.

A súa hipótese é que na actualidade as persoas con recursos mandan ás nenas e nenos a escolas en inglés, as escolas públicas que ensinan na lingua materna (ahmárico ou outra) son só para as e os pobres. En consecuencia se o nivel de ingresos aumenta en maiores seccións da poboación (o cal sería desexable) existe o perigo do abandono da lingua materna. Yikunnuamlak defende que o ensino na lingua materna é un dereito da infancia e que polo tanto o goberno debe corrixir as súas políticas.

No noso caso non nos fai falta o inglés, xa temos un sistema educativo estupendo que erradica o idioma propio e aínda por riba hai que aturar buses de bilingüístas e ataques ás galescolas, o único intento de que un neno ou nena galegofalante poida exercer o seu dereito ao ensino na lingua materna (recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos da Infancia, se non recordo mal e supoño que non porque miña mai ma tiña pegada na porta do cuarto cando era pequena e lina moitas veces... así saín, claro)


2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: