Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Só tres senadores repiten na Cámara alta

Amador Vázquez e Xosé Manuel Cores Tourís (PPdeG), polas provincias de Ourense e de Pontevedra, Luis Ángel Lago Lage (PSdeG), pola de Lugo.

Europa Press - 11:00 10/03/2008
Tags:

PPdeG logrou 12, mentres que o PSdeG conseguiu os 4 restantes. Nesta lexislatura só repetirán os populares Amador Vázquez e Xosé Manuel Cores Tourís, polas provincias de Ourense e de Pontevedra, respectivamente, así como o socialista Luis Ángel Lago Lage, pola de Lugo.

Os senadores electos do PP por Galiza son:



A CORUÑA

PP:

Xosé Luis Torres Colomer (Ribeira, 1942) é alcalde de Ribeira dende 1991. Capitán da Mariña Mercante, foi director xeral de Pesca entre 1982 e 1985, deputado autonómico entre 1982 e 1991 e vicepresidente da Deputación da Coruña, institución que presidiu entre 1999 e 2003. Dende 1991 a 1995 ocupou a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias.



Xoán Juncal (Ferrol, 1958) é licenciado en Ciencias Económicas. Alcalde de Ferrol entre 2003 e 2007, foi deputado no Parlamento de Galicia durante dúas lexislaturas. É ademais presidente provincial do PP na Coruña dende decembro de 2004, e membro do Comité de Dirección desta formación política.



María Xesús Sainz (Santander, 1949) xa foi senadora, aínda que nas últimas catro lexislaturas ocupou un escano no Congreso. Inspectora de Educación, foi a primeira muller directora xeral na Xunta e a primeira muller conselleira de Educación a finais de 1986, cando Mariano Rajoy era vicepresidente da Xunta.



PSOE:

Xavier Losada (A Coruña, 1955) é alcalde da Coruña dende marzo de 2006, aínda que forma parte da corporación municipal dende 1983. Médico especialista en anestesioloxía e reanimación no hospital coruñés, pertence ao comité federal do PSOE e foi deputado no Parlamento galego na V lexislatura.



LUGO

PP:

Xosé Manuel Barreiro (Lugo, 1957) é catedrático da Universidade de Santiago e foi adxunto á dirección xeral do Grupo Televés de Santiago entre 1983 e 1991. Foi concelleiro de Economía, primeiro tenente de alcalde e voceiro do PP no Concello de Lugo. Na política autonómica dende 1997, foi conselleiro de Medio e vicepresidente segundo da Xunta. Na actualidade, preside o PP de Lugo e é o voceiro popular o a Deputación provincial.



Carmen Gueimunde (Viveiro, 1968) é concelleira no Concello de Viveiro dende as municipais de 2007, coas que se estreou en política, aínda que militaba no PP dende había varios anos. Profesora de debuxo, actualmente imparte clases no instituto Vilar Ponte de Viveiro.



Armando Castosa (Cospeito, 1963) é alcalde de Cospeito, cargo que ostenta dende hai cinco eleccións municipais. Funcionario da administración local, está casado e é pai dun fillo.



PSOE:

Luis Ángel Lago Lage (Rábade, 1957) é licenciado en Xeografía e Historia e profesor de Educación Secundaria Obrigatoria. Xa foi senador por Lugo nas dúas últimas lexislaturas e con anterioridade foi concelleiro en Cervo e deputado provincial.



OURENSE

PP: Amador Vázquez (Vilamarín, 1947) é alcalde de Vilamarín dende 1983 e senador dende o ano 2000. Enxeñeiro Técnico Industrial e Graduado Social, foi deputado provincial e delegado provincial de Obras Públicas e Vivenda en Ourense. Tamén é membro do Consello de Goberno da Universidade de Vigo.



Miguel Pérez de Juan (Ourense, 1958) é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente exerce como xefe de servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Ourensano (CHOU). Preside Cáritas Diocesanas.



Carmen Leyte (Cartelle, 1954) é alcaldesa de Cartelle dende 1991, data dende a que revalidou cinco maiorías absolutas. Médico de Atención Primaria, casada e con dous fillos, substitúe o seu marido Armando González, senador na pasada lexislatura.



PSOE:

Miguel Fidalgo (Ribadavia, 1956) é mestre en excedencia. Foi alcalde da súa localidade natal en dúas ocasións e tamén foi deputado no Parlamento. É ademais responsable de organización do PSOE en Ourense.



PONTEVEDRA



PP:

Corina Porro (Ferrol, 1953) é voceiro do PP no Concello de Vigo e vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra. Candidata á Alcaldía viguesa en 2003, tomou posesión do cargo de rexedora en decembro dese mesmo ano, tras unha moción de censura. Diplomada en Enfermaría, foi deputada no Parlamento e conselleira de Servizos Sociais entre 2002 e 2003. Senadora por designación autonómica en 2004, renunciou ao cargo en 2006 para ceder o escano na Cámara alta a Manuel Fraga, tras a súa derrota electoral.



Dolores Pan (A Coruña, 1957) foi deputada no Congreso na pasada lexislatura. Licenciada en Medicina e Cirurxía, foi delegada provincial da Consellería de Sanidad en Pontevedra e asumiu a dirección do Sergas nesta mesma provincia. Casada e con tres fillas, dirixiu o gabinete de prensa da ex ministra de Sanidade, Ana Pastor.



Xosé Manuel Cores Tourís (Cambados, 1958) é alcalde de Cambados dende 1999. Casado e con dous fillos, esta será a súa terceira lexislatura como senador.



PSOE:

Carmela Silva (Vigo, 1960) é concelleira de urbanismo no Concello de Vigo, como edila non electa, xa que non foi nas listas. Licenciada en Dereito e ex deputada no Congreso, tamén foi asesora da ministra de Agricultura e Pesca, Elena Espinosa. Ten un fillo de 18 anos que xoga ao fútbol no Barça B.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: