Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Páxinas Centrais Nº 762

Galescolas. Entrevista a Lois Ferradás.

A Lois Ferradás a querencia pola educación infantil vénlle de hai máis de 30 anos, cando contribuiu a poñer en marcha e manter o programa Preescolar na Casa. Na actualidade, ademais de Vicepresidente de Irimia, é profesor de Didáctica da Educación Infantil na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, da que é decano. Asemade asesora o Consorcio responsable do tema das galescolas. Disto conversamos con el.

Manolo G.Turnes - 19:02 14/03/2008
Tags:

Por que o nome de galescola?

Porque son centros educativos, non só de coidado, e porque nelas se asegura a educación en galego e valorando a cultura do contorno. O concepto de gardería pertence ao pasado.


Son escolas?

 Son centros educativos, nos que se acolle, coida e estimula a nenas e nenos de menos de 3 anos. Hoxe non é segredo para ninguén que as capacidades de aprender, de establecer vínculos, de explorar o mundo que nos rodea, de comprender e expresar ideas e sentimentos, comezan a se desenvolver nos primeiros meses de vida. Pensar que estas criaturas só teñen que aprender a mamar e arrotar é anacronismo, ignorancia ou mala idea. Pero son escoliñas diferentes das de educación primaria, nos seus horarios, espazos, equipamentos e actividades, na formación do seu persoal e nos servizos que prestan. Con independencia da administración que se encargue delas, nunca deberán perder este carácter propio, que ten en conta as características e necesidades dos seus usuarios.


Por que se crean agora?

Galicia leva un retraso grande na oferta de prazas en centros públicos para menores de 3 anos. Para comprobalo abonda con observar as listas de agarda nos periodos de inscrición; son centos e centos de familias que buscan sen logralo un posto para a súa prole. Precisamos multiplicar por 10 o número de prazas para achegarnos ás medidas europeas. As galescolas, ao compartir coas familias o coidado e educación de nenos e nenas, posibilitan que os pais, especialmente as nais, poidan desenvolver unha actividade laboral. Se observamos a súa distribución no territorio de Galicia podemos comprobar que algunhas están situadas en áreas pouco poboadas do interior. É a súa contribución a manter un medio rural socialmente vivo e economicamente viable.

Como vai a implantación do proxecto?

É cedo para facer balance. Un dos logros máis importantes foi poñer este asunto na axenda dos políticos; hai quen discute detalles da forma de facelo, pero ninguén pon en dúbida a súa necesidade. En menos de 2 anos puxéronse en funcionamento 20 galescolas, que supoñen arredor de 1000 prazas para nenas e nenos e foron contratadas 38 mestras/es e 91 educadoras/es. Pero, tan importante é que neste tempo se creou un proxecto educativo, unhas normas de funcionamento, un procedemento para a selección do persoal, un plan para a súa formación, un modelo arquitectónico e de equipamento, un servizo de apoio e de coordinación pedagóxica, unha potente rede.


Que se quere dicir cando se fala de rede de galescolas?

Estar en rede significa estar conectado. As galescolas non están illadas; traballan en equipo, relacionándose e compartindo os recursos, medios e instrumentos para unha xestión áxil e moderna e para un apoio pedagóxico que fai posible unha educación de calidade. Isto faise visible nas actividades de formación compartidas, nas reunións de directoras/es, na comunicación a través do portal galescolas.net, no seu boletín... É un traballo en cooperación entre profesionais e coas familias e os concellos.


Como se concreta a relación coas familias?

As familias son benvidas nas galescolas. Comézase coa entrevista de inscrición e continúase nas distintas reunións e nos encontros ocasionais do día a día. En cada galescola establécese un consello de participación, do que un terzo son pais ou nais. En varias galescolas acaba de iniciarse, en colaboración con Preescolar na Casa, un programa piloto chamado Espazos das familias que consiste en equipar un espazo para que poida ser usado por estas e realizar con elas actividades formativas e promover a súa participación nas actividades das galescolas.


Hai quen ve isto como un exercicio de adoutrinamento dos pais.

Quen iso di non coñece aos pais e nais actuais, que non se deixan adoutrinar. Pola contra, están desexosos de expresar as súas preocupacións e puntos de vista e escoitar de igual a igual a outros pais/nais e deixarse asesorar por profesionais expertos. Non están dispostos a pagar peaxe por exercer os seus dereitos de cidadanía nin a deixarse cautivar ideoloxicamente. Convén non minusvalorar a intelixencia destes pais e nais que forman parte dunha xeración, seguramente a máis culta e máis libre da historia de Galicia.


Cal é o papel dos concellos?

Forman parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que é quen xestiona a rede de galescolas. Teñen participación nas comisións de selección do persoal. Teoricamente faranse cargo dunha terceira parte dos gastos (a Vicepresidencia doutro terzo e as familias do restante, segundo os seus ingresos económicos). Unha representación do concello tamén forma parte da comisión de participación de cada escoliña. Algúns concellos dubidan de integrarse no Consorcio porque ven ameazada a súa autonomía. Asegurada a súa capacidade de participar nas decisións de planificación, e confiando na capacidade profesional do persoal educativo das galescolas, na miña opinión, o papel dos concellos está sobre todo en axudar a cada galescola a converterse nun proxecto de toda a comunidade local, escola de cidadanía participativa, obradoiro da cultura local, resposta ás necesidades de nenos/as e familias.


Podes sinalar os puntos fortes e febles deste proxecto?

Na miña opinión, un dos puntos máis fortes é a mesma concepción en rede, que minimiza os riscos, protexe e axuda a afrontar os desafíos; outra realidade formidable son os equipos de profesionais, formados, con iniciativa, comprometidos e identificados co proxecto; isto permítenos esperar o mellor. Tamén existen puntos febles, como é que sexa obxecto de disputas dos partidos políticos, ou que aínda queden moitas localidades sen galescola, que falte previsión e se improvisen algúns procedementos da organización, a falta de experiencia de participación das familias... outras tantas oportunidades de poñer en marcha o máis ambicioso proxecto de educación da primeira infancia da historia de Galicia.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: