Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PP, PSOE e BNG repártense os tres representantes

Fraga amarra ao Senado e condena o PPdeG a patexar a prol doutro asento

Os populares insisten en que a repartición de senadores por designación autonómica lles dea dous escanos.

Redacción - 09:00 17/03/2008

Os complicados equilibrios internos dun PPdeG en horas baixas baten estes días cun dos últimos refachos da herdanza de Manuel Fraga no partido. En 2006, e na procura dunha saída para Fraga do PP galego que evitase calquera ameaza de sombra da súa figura ao seu relevo á fronte da formación, os populares acordaron arranxarlle un asento no Senado. Daquela, unha das representacións por designación autonómica coas que contaba o PP era a da ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro. Así, Porro renunciou ao seu escano en favor de Manuel Fraga.

Agora, e na altura dos 85 anos, Manuel Fraga insiste en seguir ocupando ese asento en Madrid e chegar como senador perto dos noventa anos de idade. A teima converteuse en problema para o PPdeG que contaba con esa praza para agasallar algún outro pé do partido. Xa que logo, o PPdeG insistía este domingo en que dos tres senadores de "designación autonómica" que escollerá o Parlamento, dous sexan para o PP. Segundo o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, isto sería posíbel se se aplica a lei D'Hont. Segundo os populares, asignar un por cada grupo parlamentario "constitúe un atentado contra os principios e a tradición democrática do Parlamento". O PPdeG mesmo ameaza con dividir o seu grupo parlamentario en dous buscando un atallo legal co que poder apañar un senador extra.


Ao respecto, o v voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, acusou este domingo ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de "inventar unha polémica absurda" e "estéril" sobre a repartición de senadores en Galiza para "non render contas diante dos dirixentes do seu partido do fracaso que obtivo nas eleccións xerais". Rego acusou a Núñez Feijoo de "mentir" e "intentar manipular" ao asegurar que se cambiaron os criterios para a designación de senadores. "Só dende un auténtico desespero político se pode entender a posta en cuestión dos informes xurídicos da Cámara", criticou Ismael Rego.


4.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: