Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xa só mantén un 3,5%

Caixa Galicia desfaise doutro anaco de Fenosa

Continúa a caída da cota galega dentro da eléctrica. A entidade financeira mantiña hai poucos meses un 10% no capital da empresa.

Redacción - 13:15 19/03/2008

O rexistro da Comisión do Mercado de Valores, CNMV, indica que hai poucos días Caixa Galicia realizou unha nova venda de valores. A reducción da participación en Unión Fenosa deixa á entidade financeira galega con só o 3,5% do total da empresa, por baixo do 5% no que quedara o pasado mes de xaneiro.

No contexto de desaceleración económica e coa maioría de entidades esforzándose en gañar liquidez e manter os números ben saneados, Caixa Galicia ingresa deste xeito unha cantidade aproximada de 200 millóns de euros, segundo o valor de mercado, e mantén aínda un investimento en Fenosa de arredor de 460 millóns.

Caixa Galicia xa reducira do 10 ao 5% a súa participación na eléctrica, un desinvestimento realizado ao longo de 2007 pero do que se coñecían detalles o pasado mes de xaneiro, con ingresos de até 682 millóns de euros. De xeito paralelo, a cota galega no grupo eléctrico tamén sufría da saída do Banco Pastor, que facía caixa hai pouco coa venda dun 1,14%, mantendo agora mesmo un 1,86%.

No entanto, Caixanova queda no accionariado aínda cun 5,02%, tendo realizado incluso nas últimas semanas pequenas compras de accións de Fenosa por valor conxunto de arredor de 12 millóns de euros.


5/5 (2 votos)


Comentarios (6)

Chousa #1 19/Marzo/2008 Chousa

Cando mercan anuncian con bombo e tamboril; cando venden case non rozan o arco na corda...Daralles vergoña dicir que lles fan falla os cartos?

BonKarallan #2 19/Marzo/2008 BonKarallan

O outro día vin ao Sr.Méndez pedindo na porta dunha igrexa...

mceleiro #3 20/Marzo/2008 mceleiro

Fenosa? Isso que é? Um condado?

Carballo #4 20/Marzo/2008 Carballo

Non che preocupes BonKarallan porque con Reganosa o Méndez vai reflotar a economía de Caixa Galicia e tamén a dos ferrolterrans.

teixugo #5 20/Marzo/2008 teixugo

Esses estão mpnhados até as celhas e sobraecelhas...

O tijolo

baltar69 #6 25/Marzo/2008 baltar69

parece que xa vai quedando menos daquel intento de devolver ó olimpo empresarial galego a unha das súas máis emblemáticas relíquias. será que os nosos capitalistas non teñen conciencia de outra cousa máis que dos cartos e queda para os pobres a verbena nacionalista e as orxías electorais?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: