Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os EUA baixan outra vez o prezo dos cartos

Gobernos en garda mentres as bolsas brincan arriba e abaixo

A Comisión Europea manexa o agoiro da recesión estadounidense, pero considera que a macroeconomía da UE resistirá o golpe.

Redacción - 14:30 19/03/2008

A percepción negativa ao respecto da evolución da economía estadounidense aparecía reflectida esta semana nunha enquisa onde tres de cada catro cidadáns se referían xa á situación de desaceleración económica como "recesión".

Os cambaleos no ámbito financeiro, a ameaza da inflación a crise inmobiliaria... Diante da situación, a poderosa Reserva Federal dos Estados Unidos, a Fed, decidía este martes realizar o terceiro recorte dos tipos de xuro no que vai de ano, deixando o prezo do diñeiro nun 2,25%. Máis aínda, o comunicado oficial de explicación asinado polo presidente da institución, Ben Bernanke, é toda unha chamada á cautela, non pouco pesimista, onde se advirte da crecente debilidade da actividade económica dos EUA. A Fed teme especialmente dun forte impacto negativo debido á contracción do mercado inmobiliario, que lastraría os números macroeconómicos durante varios trimestres.

Nese escenario, a bolsa de Nova York chimpaba este martes até un 3,5%, empurrada pola iniciativa da Fed. Mentres, no contorno europeo, rexistrábanse tamén incrementos medios do 3%, malia as significativas caídas dalgúns índices, como o Dax alemán, -1,01%, ou o Cac francés, -0,95%. A nivel estatal, o Ibex abría forte e subindo este mércores, malia caer de xeito importante posteriormente, nunha xornada incerta.

A UE traballa co agoiro de que os EUA van cara á "recesión"
"A economía estadounidense estáse ralentizando dunha forma clara, e se cadra incluso entrando xa en recesión", agoirou esta semana Joaquín Almunia, comisario de Asuntos Económicos da UE.

Durante unha intervención na súa asistencia á xuntanza da Organización para a Cooperación Económica e o Desenvolvemento, OECD, Almunia contrapuxo o escenario dos EUA fronte ao europeo, asegurando que a economía do continente navega cómoda e con marxe fronte ás ameazas que chegan da outra beira do Atlántico. "Non gozamos do excelente clima económico que tiñamos hai un par de anos", dixo Almunia, "pero incluso aínda cando algúns estados da UE enfrontan desequilibrios macroeconómicos importantes, é xusto dicir que a economía europea respondeu ben a estas condicións volátiles".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: