Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
4,2 MILLÓNS DE INVESTIMENTO

Xuventude destina 10.000 prazas a actividades de verán para a mocidade

Entre xuño e setembro desenvolveranse campamentos e campos de traballo tanto en Galiza como no estranxeiro.

Redacción - 09:00 26/03/2008
Quintana e Cela, no acto de presentación

Quintana e Cela, no acto de presentación

A Dirección Xeral de Xuventude convoca 10.000 prazas de actividades de verán de tipo cultural, ambiental, recreativo e deportivo para a mocidade de entre 9 e 35 anos. A campaña desenvolverase entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.

O programa Acción de Verán 2008, que presentaron o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, terá un investimento de 4,2 millóns de euros, un 32% máis ca no 2005. Haberá campamentos e campos de traballo en Galiza, intercambios con outras comunidades autónomas e actividades no estranxeiro. A oferta será variada, para se axustar ás distintas necesidades e preferencias dos seus destinatarios.

As actividades terán o dobre obxectivo de entreter e divertir e mais de transmitir coñecementos e valores. Na campaña deste ano participarán mil profesionais do lecer. Ademais, neste exercicio vaise poñer en marcha a Escola Pública de Xuventude e Voluntariado, segundo anunciou Quintana.

Oferta

Durante este verán desenvolveranse 39 campamentos de verán en 19 instalacións xuvenís de todo o país. Incluirán obradoiros de actividades no mar, de bicicleta, deportes náuticos, teatro, contos e lendas, aventuras na natureza, baile, fútbol e natureza mariña, entre outros. A eles súmanse 11 campos de traballo de temática arqueolóxica, ambiental e etnográfica, con 420 prazas.

No exterior haberá 17 campamentos de multiaventura, náutica, montaña, natureza e mar en sete comunidades autónomas, máis outras 200 prazas en campos de traballo do Estado Español e 54 no estranxeiro. 518 das 10.000 prazas ofertadas en total reservaranse a persoas con discapacidade, en desvantaxe social ou con dificultades de inclusión.

A inscrición pódese facer dende este martes até o 11 de abril por escrito ou a través da internet. Máis información en Xuventude.net.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: