Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Loita polas siglas despois da escisión

Agrava a fenda en Esquerda Nacionalista cunha dobre convocatoria de Asemblea

A actual dirección celebra asemblea nacional este domingo. O grupo que asina como "Mesa Nacional de EN", anuncia idéntica convocatoria para o mes de maio.

Redacción - 10:00 30/03/2008

Debater un novo proxecto programático e impulsar "a unificación de todos os socialistas demócratas que viven dentro e fóra do BNG no Proxecto Común dos Socialistas Galegos", era o obxectivo declarado da VI Asemblea Nacional de Esquerda Nacionalista, convocada e publicamente anunciada hai xa máis dunha semana e fixada para este mesmo domingo 30 de marzo en Compostela. O colectivo anunciaba ademais daquela que o actual secretario nacional do partido, o lugués Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, non presentaría a súa candidatura para a reelección, e anunciaba un escenario de relanzamento con "novas ideas e propostas estratéxicas e grande creatividade interna".

Paradoxalmente, outro sector de Esquerda Nacionalista, asinando como "Mesa Nacional", informa este sábado da súa propia convocatoria de asemblea, neste caso para o vindeiro maio. A última hora do sábado aínda non lle fora posíbel a Vieiros contactar con representantes da "Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista" para recabar a súa posición sobre a situación. Con todo, en comunicado oficial difundido durante a tarde do mesmo día, o grupo evita referirse directamente á convocatoria anterior para este domingo e anuncian a súa propia convocatoria para o próximo 10 de maio. Para daquela, e co lema "Espazo aberto: socialista e galego", anuncian que o colectivo celebrará a súa VI Asemblea Nacional e aseguran que a cita implicará unha "renovación" de compromisos, obrigas e "dos principios políticos" que sustentan a formación política. Ao respecto, indican que con ese proceso asemblear pretenden "expresar democraticamente" a vontade de "reformular o proxecto do socialismo galego dentro do nacionalismo, e sempre consolidando o BNG forte e participado que defendemos".

Unha escisión sen volta atrás
Desde o primeiro dos sectores convocante, César Pazos, voceiro comarcal de EN en Vigo, explicaba este sábado que o comunicado enviado aos medios este sábado polo grupo de membros da dirección "formalmente escindidos desde hai pouco máis dun mes", ten o obxectivo de "crear confusión" e "sabotar a asemblea deste domingo". Pazos non cre que vaia haber batalla polas siglas e atribúe a situación a un momento de marcar posicións e medir forzas entre cada sector.

César Pazos, un dos nomes que xunto con Xavier Freire ou Xaquín Dacosta, entre outros, está soando como posíbel substituto de Rodríguez Feixoo á fronte de Esquerda Nacionalista, atribúelle ao grupo rival unha posición "acrítica" e estritamente vencellada ao actual voceiro nacional do BNG. Ao fío, atribúenlle á actual dirección do Bloque prácticas de "mobbing político", "vetos" e "desprezos" e din apostar por unha proposta "aberta" e "participativa" que sexa capaz de tender pontes e colaborar con outros ámbitos do nacionalismo. Ao respecto, advirten, a medio prazo, esa proposta podería ter que avanzar "fóra do BNG" se segue sufrindo da "belixerancia" da que acusan á actual dirección.


3.18/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: