Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CLIENTELISMO POLÍTICO?

E despois da resaca electoral...chega Isabel Pantoja

O alcalde de Catoira aproveita un multitudinario xantar con emigrantes en Arxentina para pedirlles que comuniquen calquera cambio no censo.

Redacción - 13:00 02/04/2008

Dende hai anos, as andanzas dos políticos galegos pola diáspora erguen polémica. Antes e depois de cada cita electoral é habitual que alcaldes de moitos concellos do país acudan en viaxes oficiais até Sudamérica ou Suíza, por exemplo, para encontrarse cos emigrantes. Agora, o youtube dá algunhas pistas de como son este tipo de encontros.

Hai poucos días, un internauta pendurou na rede un vídeo do encontro do alcalde de Catoira, Alberto García (PSdeG), con emigrantes en Bos Aires. O acto tivo lugar unha semana despois das últimas eleccións xerais. Nos máis de 9 minutos que dura a gravación pódese ver un multitudinario xantar, unha actuación con “cancións lixeiras españolas” e un fragmento da intervención do rexedor, acompañado por un empresario do municipio. O máximo mandatario de Catoira aproveita a ocasión para pedir que “se hai algunha alta no censo, comunicádenola para que eu poida seguir dirixíndome a vós e vós a min”.



Uns votos decisivos
Nos comicios locais do pasado mes de maio, o alcalde logrou a maioría absoluta despois de conseguir 1.265 sufraxios (6 concelleiros); o BNG foi a segunda forza, con 4 edís (1.043 votos); e o PPdeG obtivo un representante. Porén, o voto da diáspora foi decisivo para a maioría absoluta. Dos 140 votos válidos chegados dende a diáspora, 136 foron parar á lista que encabezaba o rexedor.

Hai quince días, o BNG de Catoira denunciaba a viaxe. Segundo o líder local dos nacionalistas, Nando Casal, o rexedor nunca aproveita os periplos para resolver problemas dos emigrantes: “vai agradecer con outro xantar o apoio ao seu partido”. En declaracións aos medios locais, Casal denunciaba que estas “visitas oficiais” sempre coinciden con períodos electorais e sufráganse con fondos públicos (máis de 6.000 euros por viaxe). Os nacionalistas chegaban a dicir que cada verán o alcalde convida a Catoira a determinados catoirensen que viven na Arxentina e que actúan como “axentes electorais”.


4.73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: