Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo acusación dos socialistas

O PPdeG "ocultou" que alcaldes do partido viaxaban en precampaña co convenio Xunta-Iberia

"Se Feijoo buscaba axentes electorais, aí os ten", ironizou o voceiro do PSdeG, Ismael Rego. O PPdeG retruca que ían alcaldes do PSOE nas mesmas viaxes.

Redacción - 18:30 04/04/2008

Na altura de 2003, o ex rexedor popular en Carballo, Manuel Varela, e o aínda alcalde en Boqueixón, Adolfo Gacio, realizaron viaxes a varios países a poucas semanas das eleccións locais e aproveitando o convenio entre o Goberno e a compañía aérea Iberia. O dato foi revelado este venres pola secretaría xeral de Emigración, en resposta ao propio grupo parlamentario do PP, ao tempo que achegaban o listado das máis de cen viaxes realizadas desde maio de 2002 a través do acordo Xunta-Iberia.

Trátase do mesmo convenio que usou a suposta axente electoral do PSOE en 2007, froito da polémica que levou á creación dunha comisión de investigación no Parlamento. En principio, o convenio está destinado unicamente a causas humanitarias ou casos de urxencia especial entre a poboación emigrante. Froito dese instrumento, o daquela alcalde en Carballo viaxou a Montevideo e Xenebra en febreiro de 2003, e o aínda na cadeira municipal de Boqueixón, Adolfo Gacio, trasladouse a Bos Aires.

Ao fío deses datos, o PSdeG aproveitou para denunciar que "os únicos que viaxan en campaña aproveitando o convenio da Xunta con Iberia son cargos públicos do PP". "Feijoo sábeo e ocultouno", dixo Ismael Rego, voceiro parlamentario do PSdeG, asegurando ademais que as viaxes tiveron que ser autorizadas polo daquela conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal.

O PP retruca que o alcalde socialista de Vedra ía na mesma viaxe que o de Boqueixón
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, respondía este venres ás acusacións dos socialistas, revelando que un dos rexedores citados, o popular Adolfo Gacio, foi "acompañado polo alcalde de Vedra, do PSOE, que fixo exactamente a mesma viaxe, nas mesmas datas, nos mesmos termos, e baixo o mesmo convenio".

Rueda opinou que o PSdeG "trata de desviar a atención sobre un caso de presunta malversación de fondos no seu goberno". Ao respecto sinalou tamén que non se debera "misturar" o que na súa opinión é por un lado "o pagamento con fondos públicos da viaxe dunha axente electoral" co que por outra banda cualificou de "viaxes de cargos institucionais".


4,2/5 (5 votos)


Comentarios (5)

Gaviotero #1 4/Abril/2008 Gaviotero

La táctica del ventilador...Pero nada, no hay problema, sólo es delito que viajen alcaldes del PP. Si lo hacen los del PSdeG, se cierra la investigación antes de empezarla y se sigue con la corrupción socialista habitual...

Albert #2 5/Abril/2008 Albert

Xa sabíamos todos o que é o sobre todo o que foi o Pp en Galiza, unha estrutura proto-mafiosa. Polo tanto esta nova pouco ten de sorprendente. Porén, paréceme insultante que o SOE faga o mesmo e saia de rosiñas. Pero bueno, un cando vota ó PP ou ó PSOE xa sabe a quen vota, neses partidos hai moita xente interesada no poder (de aí que se afilien ós maioritarios) e xa se sabe que esas cousas pasan. PP e PSOE de ter outra oportunidade para caciquear voltaran aproveitala. A poboación é a que ten que abrir os ollos e deixar de votar a eses mamalóns.

Carlinhos #3 5/Abril/2008 Carlinhos

Pois eu cuido que os dous tendes razom (ou, talvez ningum dos dous. O concepto "corrupción socialista" nom tem rigor; corrupçom constitucionalista espanhola, corrupçom burguesa ou corrupçom capitalista.
Albert, conheces algumha pessoa vinculada àlgumha organizaçom política que nom tenha interesse em exercer dalgum jeito do poder? Eu nom.

Albert #4 5/Abril/2008 Albert

Home Carlinhos, está claro que a case todos lles gusta acceder a postos de poder. Porén coñezo xente que afiliouse a Esquerda Unida en Vigo e... digamos que non ten moitas posibilidades de acceder a estes postos, se o seu obxectivo principal fora encher rápido a carteira afiliaríanse ó PP ou PSOE. E se o do poder é outro, alá van os carroñeiros, véxase o GIL en Marbella, aquí ninguén quere deixar escapar a tallada.

Carlinhos #5 5/Abril/2008 Carlinhos

Nom me referia a postos de poder, mais ao Poder; os Democratas, os que cremos na construçom dumha sociedade sem classes, queremos exercer o Poder Popular, incompatível coa sociedade capitalista na que se acham tam a vontade as formaçons políticas com representaçom institucional. Salut, Saúde.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: