Xosé Manuel Taboa Couso, en nome das veciñas e veciños afectados pola contaminación electromagnética de As Barxas (MOAÑA) entregou 832 asinaturas no rexistro xeral do Concello de Moaña, contra o conglomerado de contaminación electromagnética desta zona residencial en expansión; composta polas antenas base de telefonía móbil (recentemente ampliadas) da torreta do edificio de Telefónica e dun transformador ambas as dúas na Rúa Barxas, o que se suma as lindeiras liñas de media tensión.
Con esta petición veciñal ademais de solicitar a confirmación da existencia das súas Licenzas Municipais preceptivas (incluída a Licenza de Actividade Clasificada por estar afectada polo "Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas") e do cumprimento xeral das normas urbanísticas, pídese o traslado das antenas de telefonía base e do transformador a un lugar fóra das zonas residenciais (compatibilizando deste xeito as novas tecnoloxías e a saúde) e un estudo periódico, independente e público sobre a afectación da contaminación electromagnética mentres execútase dito traslado.
Ao mesmo tempo solicítase unha reunión co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Rodas, que xa manifestou ao colectivo de veciños a súa disposición a tratar de inmediato con eles a problemática legal e sanitaria presentada, reunión que por outra banda contará coa presenza do coordinador da "campaña polo uso racional da telefonía móbil" da Asociación pola Defensa Da Ría (APDR).