Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Voluntariado en acción

A creación dun voluntariado activo, prioridade para o Goberno

O III Congreso de Voluntariado reuniu en Compostela a máis de 1.300 persoas para debater sobre a solidariedade e cooperación.

Redacción - 19:30 10/04/2008

Máis de 1.300 persoas relacionadas co mundo da solidariedade reuníronse este xoves en Compostela no marco do III Congreso de Voluntariado, un espazo no que dar cabida aos diferentes temas relacionados coa acción voluntaria na sociedade actual en áreas como a cooperación, a infancia, a inclusión social ou o medio ambiente entre outros. Organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, durante o congreso tamén se falou sobre a futura Lei Galega de Acción Voluntaria como "peza estratéxica" para o desenvolvemento do voluntariado para os vindeiros anos.

A creación no noso país dun novo movemento de voluntariado, é, segundo o vicepresidente da Xunta de Galiza, unha prioridade para o Goberno galego. Anxo Quintana reivindicou tamén un voluntariado de acción social que funcione como corrente solidaria, "unha forma comprometida coas dinámicas de cambio social e creadora de benestar, igualdade de oportunidades e cohesión no país".

Baixo o lema Voluntariado en Acción, o congreso reuníu en Compostela a preto de 1.300 persoas, ademais de 60 stands de entidades, asociacións, concellos e ONGs, que darán a coñecer as súas iniciativas e mais o seu traballo diario.

Lei Galega de Acción Voluntaria

A política levada a cabo por Vicepresidencia está baseada en tres eixos: a disposición dun marco integral de planificación como é o Plan Galego de Voluntariado 2006-2010; a rede de programas e iniciativas para dinamizar o movemento solidario que promove o Goberno galego; e un renovado marco normativo, a Lei Galega de Acción Voluntaria. Segundo Quintana, esta Lei é unha "peza estratéxica" para o desenvolvemento destas actividades nos vindeiros anos.

No eido da formación tamén haberá avances. A través do Programa de Formación Voluntariado 2008 impartiranse 31 cursos de formación básica e especializada dirixidos tanto ás entidades como aos voluntarios, técnicos dos concellos e estudantes universitarios. Tamén se creará a Escola Galega de Acción Voluntaria como espazo de capacitación integral ao servizo dos voluntarios.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: