Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entran en vigor as Normas do Hábitat

Mellorar a calidade das vivendas e rematar co "deixar facer": cal é o problema?

Construtores, arquitectos, PPdeG e alcaldes socialistas coordinan esforzos contra un proxecto "ambicioso e vangardista" destinado a aumentar a calidade de vida dos cidadáns.

Redacción - 17:00 17/04/2008

"Ambiciosa" e "vangardista" no seu deseño e "realista" na súa aplicación. Así o subliñaba a propia conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, durante a presentación das Normas do Hábitat Galego (.pdf). Táboas recordou a flexibilidade coa que xa nace o desenvolvemento da norma, en función dos diferentes ámbitos de planeamento e lembrou ademais que non será de aplicación nas obras que xa tiñan solicitada licenza antes da entrada en vigor, este xoves, do decreto.

Vivenda deseñou ademais un programa de convenios de colaboración cos Concellos, recoñecendo ao respecto que serán "os que teñen a última responsabilidade" na aplicación das normas a través da concesión das licenzas de obra e de primeira ocupación. A consellaría orzamentou 1 millóns de euros para este 2008 co obxectivo de dotarlles aos municipios de medios humanos e técnicos neste sentido. De xeito paralelo, créase o chamado Comité Asesor de Habitabilidade, un foro onde todos os axentes implicados, desde arquitectos até concelleiros, pasando por directores de obra ou proxectistas, terán oportunidade de intervir no proceso.

Socialistas e populares interpoñen contencioso administrativo contra a iniciativa
"É unha decisión colectiva para a protección dos nosos intereses como concellos", explicaba esta semana o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, e tamén alcalde de Ames, Carlos Fernández. O rexedor xustificaba así o recurso contencioso da Fegamp, laiándose de que a consellaría "non recibiu aínda nin aos alcaldes nin á Fegamp".

Por este motivo a actual dirección da Fegamp considera que as Normas do Hábitat Galego "volven afectar os planeamentos en redacción, o que, a priori, vai implicar o incremento nos seus prazos de aprobación, do que se deriva a paralización dos concellos neste ámbito". Ao fío, subliñan que a normativa entra en conflito coas competencias urbanísticas dos municipios e terá "efectos lesivos para a autonomía municipal" e cualifican o proxecto de "exceso de regulación".

Os arquitectos piden "aclaracións" pero recoñecen a necesidade de normas deste tipo
O Colexio de Arquitectos de Galicia, COAG, facía este mércores un chamamento a "recuperar a serenidade" advertindo de que "non é posíbel un diálogo sosegado sobre as normas neste clima de tensión". De xeito máis concreto, o COAG sinala que o decreto "necesita aclaracións e cuantificacións" e"criterios máis precisos". Así e todo, a entidade que agrupa os arquitectos do país recoñece que é necesario mellorar as condicións de vivenda. "Cambiaron o réxime familiar e os modos de vida, a lexislación e as circunstancias económicas, así como os requirimentos e posibilidades técnicas", indican.

Máis belixerante aparece a delegación viguesa do COAG, desde onde reclaman unha "moratoria completa" para a aplicación da normativa. De xeito específico, os arquitectos vigueses expresan o seu desacordo coa xunta de goberno do COAG ao respecto da solicitude de moratoria parcial e insisten en que se paralice por completo a norma até que non lles acheguen un texto que consideren "asumíbel".

O PP pide a "retirada" na norma
Mentres os arquitectos falan de "máis aclaracións" na lexislación sobre habitabilidade, desde o PPdeG consideran que os requisitos concretados no proxecto elaborado pola Consellaría de Vivenda son excesivos e critican por exemplo que quintuplica os que sobre o mesmo tema se estabeleceron en Cataluña.

Así, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, cualificaba de "intervencionista" a Norma do Hábitat e aseguraba que o Goberno pretende "prohibir cuestións subxectivas" e formula "cuestións discrecionais". Os populares consideran ademais que a norma "vai en contra da creatividade dos arquitectos galegos". "Os técnicos da Xunta non poden decidir o deseño de todas as vivendas de Galicia, fóra da Xunta tamén hai arquitectura intelixente", afirmou Núñez Feijoo.

Os construtores din que é "imposíbel" cumprila
A Federación Galega da Construción avaliaba esta semana que o decreto "non lle achega seguridade xurídica ao sector" e aseguraba que é "practicamente imposíbel" cumprir as normas do hábitat aprobadas pola Xunta "dentro do solo urbano consolidado no que as normas municipais prevén mazás". Din os construtores que as "limitacións" do texto legal "farán inviábel o aproveitamento estabelecido nos plans".


5/5 (5 votos)


Comentarios (11)

Sabrexo #1 17/Abril/2008 Sabrexo

Así que segundo o presidente da Fegamp a Consellaría "non recibiu os alcaldes". E eses alcaldes recibiron os veciños que queren meterse nunha vivenda, para explicarlles que deben seguir conformándose coa calidade pésima que veñen impoñendo os promotores?

deghres #2 17/Abril/2008 deghres

O presidente da FEGAMP acusa ao BNG de "quere meter sempre o fuciño no planeamento" mais, que eu saiba, o BNG nunca gobernou en materia de urbanismo, paisaxe, territorio.... e Galicia está feita un desastre. Eu prefiro que meta o fuciño a que poña o cazo.

edreira #3 17/Abril/2008 edreira

Pois nada señores da Fegamp, contrutores, socialistas e PP, imos seguir coa "norma do pendello".

JOSEGALAICO #4 17/Abril/2008 JOSEGALAICO

Agora veñen os promotores e varios alcaldes (xa se ve que só están de parte dos cidadáns 15 días antes das eleccións) chorando porque non van gañar tanto e que aumentará o paro.Claro terán que despedir os portugueses explotados 10 horas ó día por soldos baixos e non poderán mercar Mercedes de 60.000€.Cando unha norma beneficia os cidadáns deberíanse poñer todos de acordo como cando foi o do plus dos altos cargos.

kkruxo #5 17/Abril/2008 kkruxo

O problema non é que nestes pasados anos destruíramos boa parte do noso contorno coa "normativa do pendello", o problema é xa se enteiraron en moitas partes. E mentres se segue a gabar o harmónico do medio rural de León, boa parte de Castela, Santander, Andalucía, Euskadi... estase a correr a voz de que este país é un desastre (que si que o é).

Roquinho #6 17/Abril/2008 Roquinho

Bo é que dende a Xunta se poña un pouco de man neste tema, e que de verdade se esixa un mínimo de calidade nas vivendas.
O señor este da FEGAMP do que debería preocuparse é dos usuarios finais das vivendas e protestar se considera que a Norma en si é mala para estes usuarios e non preocuparse tanto pola súa autonomía para non facer nada e deixar que os promotores e construtores fagan o que queiran e campen as súas anchas.

mceleiro #7 17/Abril/2008 mceleiro

Caralho! Normal, não receber aos "alcaldes-promotores", queria dizer "alcaldes-arquitectos". A sua "criatividade" está bem a vista...

"Intervencionismo...", já sabemos, Albertinho, deixar fazer...

"Vai contra a criatividade dos arquitectos galegos". Impresionante. Os arquitectos galegos são mais criativos quando o promotor quere meter 3 quartos, cozinha, sala,... em 50 m2

"Os arquitectos da Junta não podem decidir o desenho das vivendas...." Ah, então a Junta desenha as vivendas?

Federación Galega da Construción avaliaba esta semana que o decreto "non lle achega seguridade xurídica ao sector" e aseguraba que é "practicamente imposíbel" cumprir as normas do hábitat aprobadas pola Xunta "dentro do solo urbano consolidado no que as normas municipais prevén mazás". Din os construtores que as "limitacións" do texto legal "farán inviábel o aproveitamento estabelecido nos plans"

E não será que muitos planos urbanísticos são IMPOSSÍVEIS, uma AUTÊNTICA MERDA, COCHAMBRADA, PORCALHADA, e que os que os "técnicos" que os assinaram deveriam de estar presos ou inabilitados?

O do COAG de Vigo já é escandaloso. FORA, FORA!!!!




Tal como está o panorama, vamos tardar em modificar a merda de Lei do Solo que temos. Ou tão sequera cumpri-la.

anxos #8 18/Abril/2008 anxos

¿porqué intentar tirar abaixo iniciativas como ista? non o entendo.

Xistral #9 18/Abril/2008 Xistral

Son os partidarios da república bananeira onde cada un fai o que queira.

Xistral #10 18/Abril/2008 Xistral

Os alcaldes do pp e do psoe:
"señor constructor: estes son os meus principios, se non lle gustan podo cambialos".
Aquí hay máis de 300 normas urbanísticas distintas. Dos máis dos 300 concellos máis de 200 están gobernados por analfabetos funcionais e ignorantes. Isto ocurrio no último século na maior parte de Galiza, co cal o desastre está servido, é o que vemos todos os días.
Por moito que lles fastidie é unha realidade: son analfabetos e ignorantes, ademais de non ter saído nunca da península, algún como moito á emigración o que fai evidente que el pasou por certo lugar, pero ese lugar e a súa cultura non pasou por el. Eu podo decir nomes e apelidos duns cantos (alcaldes e constructores).

felipin #11 20/Abril/2008 felipin

A verdade que o dos arquitectos xa é para nota.
¿En qué momento se lle viu o colexio de arquitectos queixarse por unha norma urbanística (e mira que entre as autonómicas e as estatáis levamos unhas sete ou oito, xa se perde a conta, leis xerais en 15 anos!!!! unha loucura) ¿e agora ben tirarse dos pelos porque se rebaixa a capacidade de explota-lo rendemento do chan por mor de facer vivendas de máis calidade?
Eiquí hai moito arquitecto de_peto_de_promotor ou seica andan querendo meterse en política.

O dos alcaldes e a autonomía municipal xa é de risa. ¿Dende cando non houbo inxerencias na autonomía municipal cada vez que alguén modificaba unha lei autonómica ou estatal? Pero se lles sacaron o IAE e nin chistar!!! É evidente que comezou a campaña das autonómicas e Touriño vai marcando o xogo que, polo visto, vai ser darlle na chepa o bloque.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: