Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Greenpeace pide sistemas de control

Vilagarcía é o segundo porto de Europa en tráfico de madeira ilegal

Esquerda Unida leva a denuncia ao Parlamento Europeo en demanda de medidas urxentes contra estas prácticas.

Redacción - 14:45 23/04/2008

Só a través de Amsterdam se estaría introducindo máis madeira ilegal en Europa ca a través dos peiraos galegos, onde Vilagarcía aparece como o segundo porto onde máis se detectou este tipo de tráfico. Greenpeace puxo a atención sobre seis empresas madeireiras que operan na Amazonía irregularmente e que xa teñen sido obxecto de diversas sancións por incumprimento de leis, falsificación de documentos e branqueo, roubo de terras, tala en zonas de propiedade pública e outros. Algunha delas mesmo está implicada en casos de violencia e intimidación.

Os ecoloxistas detectaron nos últimos tempos como o porto de Ferrol, e especialmente o de Vilagarcía de Arousa, están sendo utilizados por estas empresas para desembarcar madeira tropical procedente de talas ilegais. Sinalan ademais a varias empresas galegas como compradoras desta madeira. "A demanda de madeira tropical como Jatobá, Ipé, Sucupira ou Massaranduba está alimentando a destrución da Amazonía e contribuíndo á perda de biodiversidade e ao cambio climático", denunciaba hai poucos Miguel Ángel Soto, coordinador da Campaña de Bosques de Greenpeace, coincidindo co Día Forestal Mundial.

O caso chega ao Parlamento Europeo
O tráfico de mercadorías ilegais no porto vilagarcián foi tema esta semana da denuncia do grupo municipal de Esquerda Unida. A formación anunciou ademais que esta mesma semana a súa representación no Parlamento Europeo levou o asunto á cámara, cunha pregunta ao respecto onde se insta ás autoridades europeas a facer un seguimento destas prácticas e poñer en marcha as medidas necesarias para frealas.

Segundo explicou para Vieiros o responsábel de Medio Ambiente de Esquerda Unida, Mariano Ibáñez, a propia autoridade portuaria arousá debera tomar a iniciativa no control das mercadorías irregulares que pasan por Vilagarcía. No caso arousán, a especie principal que chega a través deste porto é o Jatobá. Así e todo, Ibáñez sinala a importancia de que a EU estimule os mecanismos dos que xa dispón para garantir que toda a madeira que entra no mercado europeo estea correctamente certificada e non proceda das especies consideradas "en perigo" e "vulnerábeis". Na súa opinión, é tamén importante que os cidadáns tomen consciencia deste comercio irregular e que se fagan públicas estas prácticas para que poidan asumir "a súa responsabilidade como consumidores".


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: