Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A 140 días para a vendima

Viño de paixón, cariño e esforzo

Paisaxe e viticultura debuxan na Ribeira Sacra un futuro cheo de potencialidades para un espazo con crecente interese nas guías turísticas do país.

Texto e vídeo: Roberto Noguerol / Montaxe: Lucía Iglesias - 11:25 27/04/2008




A aparición hai apenas unhas semanas de dous viños nados na Ribeira Sacra na prestixiosa revista especializada The Wine Advocate, promovida polo crítico Robert Parker, é exemplo da velocidade coa que os tintos que agroman nesta terra gañan importancia nos últimos tempos. Os crianzas elaborados por El Pecado e Algueira recibiron nesa lista a avaliación respectiva de "extraordinario" e "excelente", colocando aos viños da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra nunha plataforma de referencia e prestixio onde a bo seguro veremos outros caldos a curto prazo. Outros certames de cata a nivel galego e internacional xa recoñeceron tamén nos últimos anos a crecente calidade e profesionalización cara á que camiñan os adegueiros da zona.

Nacen ademais de viñas cultivadas en esgrevias pendentes e non por casualidade, a paixón que mestura esforzo e agarimos cunhas cepas tan complicadas de traballar deu en recibir o cualificativo de "viticultura heroica". Trátase dun heroísmo que ofrece impagábeis estampas para a vista, e que a nivel de Europa comparten apenas uns poucos recantos privilexiados. Os tres milleiros de hectáreas vitivinícolas que se cultivan na Ribeira Sacra son arredor do 10% do total de superficie de viñedo denominado "en forte pendente" a nivel da Unión Europea. Hai un mes, expertos de todo o mundo déronse cita no Congreso Internacional sobre Viticultura de Montaña e en Forte Pendente, promovido polo Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña, CERVIM, en colaboración coa Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia e baixo o patrocinio da Organización Internacional da Viña e o Viño, OIV.

Especialistas de Europa, Estados Unidos ou mesmo Suráfrica, analizaron e compartiron experiencias sobre a evolución e retos deste tipo de áreas de produción. Entre outros, falaron de como poñer en valor este tipo de zonas vitícolas, reparando nas posibilidades de interrelación histórico-cultural, técnica, paisaxística e económica. Unha idea que subliña por exemplo Xosé Manuel Santos, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, quen fala de paisaxes que aínda sendo universais "son únicas" e "merecen ser atendidas cara ao futuro para tirar delas o proveito que merecen". A xeito máis pragmático, Antonio Oca, director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, fala da necesidade de axudarlle a estes viticultores "namorados da súa paisaxe e do seu viño" a que a viticultura aínda sendo "heroica", o sexa "menos".

Un desafío, para o que Fernando González, a quen o nome "Algueira" de seu viño lle rouba por veces o apelido, propón avanzar nun "concepto novo de turismo de calidade, o enoturismo". A idea e destacada tamén por Xosé Manuel Rodríguez, actual presidente do Consello Regulador, quen recoñece que o viño se erixiu nesta zona "como nexo de unión de outras cousas". Manuel Gago, xornalista e blogastrónomo mantedor de Capítulo Cero, considera que a Ribeira Sacra como referente é un dos que Galiza pode presumir a nivel de proxección exterior e entende ademais que os viños teñen un extraordinario potencial que cada vez máis comeza a agromar. Jorge Guitián, blogastrónomo tamén asistente a esta xuntanza na Ribeira Sacra, considera que as condicións naturais e as de crecemento para o espazo "están dadas", polo que prognostica un futuro optimista desde o punto de vista do turismo e a gastronomía, para a Ribeira Sacra. Xa desde o punto de vista estritamente vitivinícola, o enólogo Roberto Regal, entende que a situación actual é un interesante "punto de inflexión" e é tamén optimista cara ao futuro.

Máis na web RibeiraSacra.org.


4.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: