Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SINALAN QUE NON É PRIORITARIO

Touriño e o goberno español rexeitan que Galiza entre no debate sobre financiamento autonómico

O presidente da Xunta coida que a revisión das relacións Xunta-Estado terá que facerse coa reforma do Estatuto

Redacción - 17:08 06/05/2008
Tags:

A ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, pecháronlle a porta a unha revisión da comisión Xunta-Estado, tal e como demandaba o vicepresidente galego, Anxo Quintana. Os nacionalistas pretendían que a comisión fose similiar á que ten a Generalitat de Cataluña co goberno español, tendo así capacidade en temas cruciais como o financiamento autonómico ou o seguimento e control de infraestruturas.

Touriño e Salgado deixaron clara a súa unión á hora de abortar a proposta de Quintana: “Imos desenvolver a axenda prevista e non imos introducir elementos que perturben o desenvolvemento positivo desa colaboración”, afirmou o presidente da Xunta. Touriño sinalou que para 2008 o obxectivo da comisión ten que ser o traspaso das nove competencias negociadas por Quintana e Zapatero en novembro. O presidente vinculou unha revisión das relacións Xunta-Estado á reforma do Estatuto.

Quintana anuncia que continuará a batalla no Parlamento

Dende Vicepresidencia defenden que o cambio no regulamento da Comisión Bilateral de Cooperación pode facerse cunha simple delegación de Galiza e do Estado na comisión, non sendo preciso ningún outro acordo institucional. Aínda que dende o departamento de Quintana valoran como “moi positiva” a disposición da ministra para completar este ano o traspaso das nove competencias comprometidas, consideran queos cambios regulamentarios na comisión non ten por que perturbar a axenda de traballo.

O vicepresidente considera que a pouca disposición da ministra para a reforma da Comisión Bilateral responde á “lóxica e tradicional actitude da Administración do Estado, que sempre é celosa das súas competencias”. Quintana sinala que vai trasladar a intención de modificar o regulamento da Comisión Bilateral ao Parlamento“en espera de que a unidade política e a vontade de autogoberno de Galiza sirvan para modificar democraticamente as posicións de Madrid”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: