Con motivo da celebración do seu 800 aniversario, a cidade herculina celebra esta fin de semana rutas que levarán aos cidadáns polos lugares máis emblemáticos.
A cidade da Coruña organiza esta fin de semana diversos roteiros en bicicleta e teatralizados para celebrar o seu 800 aniversario. A primeira das citas será o sábado no centro cívico dos Mallos, de onde partirá unha nova ruta do "800 anos, 800 lugares. A Coruña en bicicleta. Ruta histórica". As actividades continuarán na tarde do sábado e do domingo con dúas rutas teatralizadas nas que se guiará os coruñeses e visitantes polos lugares emblemáticos da historia da cidade.
O percorrido en bici, de dúas horas e media de duración, fará paradas nos lugares máis emblemáticos: a praza de María Pita, a Cidade Vella e o Castelo de Santo Antón. No Paseo Marítimo percorrerase pola Torre de Hércules, o Acuario, a Domus, até chegar á praza de Pontevedra, Praza de Lugo, os Cantóns, a avenida da Mariña e a Porta Real.
Roteiro teatralizado
Os roteiros teatralizados, que se realizarán até o 15 de xuño, levarán os participantes, guiados por un "sereno" e un "artesán medieval", a diversas zonas de relevancia histórica. Parten da praza de María Pita e percorrerán o casco histórico con oito paradas: Igrexa de Santiago, praza da Constitución, Casa de Rosalía de Castro, xardín de San Carlos, praza das Bárbaras, igrexa de Santa María, Casa Cornide e zona Porta de Aires.