Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Posible pau ao goberno español

A UE ve irregularidades na concesión de explotacións no Courel

A autorización das canteiras fíxose en precario.


FEG, fonte El progreso - 20:57 11/05/2008
Tags:

Segundo un informe emitido pola Comisión da Comunidades Europeas (publicado polo xornal El Progreso), alertou da existencia de catro concesións de explotación de lousa no Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ancares-Courel, incluído na Rede Natura 2000, que incumpren varios artigos da normativa sobre a protección do medio ambiente que ten que acatar de forma obrigatoria todos os estados membros. Trátase dunha canteira situada no Courel e doutras tres situadas no municipio de Quiroga.

En todos os casos, segundo un informe elaborado e emitido antonte pola Comisión das Comunidades Europeas —e do que se fai eco El Progreso na súa edición impresa deste 10 de maio—, a autorización das canteiras fíxose en precario, pois, recolle o documento, os informes de impacto ambiental non recollían medidas correctoras para salvagardar o interese ecolóxico da zona e noutros casos tomouse como bo o realizado pola empresa solicitante. Investigación. A investigación deste órgano da Unión Europea sobre os prexuízos que as louseiras da comarca quiroguesa causan á flora e a fauna dunha zona protexida iniciouse no 2005 por mor dunha queixa que en tal sentido recibiu este organismo.

Tres anos despois, e tras un extenso informe, a Comisión sinala que se incorreu no incumprimento de varios artigos de ata tres directrices comunitarias —as 85/337/CEE, 92/43/CEE e 97/11/CEE— que protexen os espazos de especial valor ambiental dentro do territorio europeo.

A UE viu irregularidades na autorización en 2004 da explotación denominada Ampliación da Campa no Courel—, lindeira co LIC. A comisión da UE que investigou o caso sinala que "as propias autoridades (pola Confederación Hidrográfica do Norte) recoñecen que os vertedoiros invadiron a canle do río Redomás, afluente do Lor, e xerado unha gran contaminación", engadindo que ten "incidencias significativas na rede fluvial e hidrolóxica deste LIC", así como sobre especies protexidas.

En canto á explotación La Ilusión, no estudo indícase que "dito proxecto, pola súa amplitude e características, representa unha ameaza para o interese ecolóxico e os valores naturais dos hábitats e especies protexidas".

Polo que respecta ás outras dúas canteiras incluídas no informe —denominadas Cupa II sección 2 e Cupa II sección 3—, situadas parcialmente dentro dos límites do LIC Ancares-Courel e autorizadas en 2005, a Comisión das Comunidades Europeas ditaminou que houbo un procedemento incompleto de avaliación das posibles incidencias sobre o medio natural.

Toque de atención
Deste xeito, esta institución europea dá un toque de atención ás administracións españolas por non seguir a machada a normativa que regula a autorización dunha actividade extractiva como son as canteiras de lousa ao descuberto, tan agresivas co medio ambiente, e por non adoptar solucións para compensar a súa incidencia sobre a contorna.

Así, non dubida en dicir que "o Reino de España incumpriu as obrigacións que lle incumben", á vez que invita ao Goberno central, "de conformidade co artigo 266 do tratado constitutivo da Comunidade Europea, a remitir as súas observacións nun prazo de dous meses" sobre o asunto. Unha vez recibidas e analizadas as achegas emitirase un ditame definitivo.

Alerta ecoloxista
A asociación ecoloxista SOS Courel entregou no mes de setembro do pasado ano nas dependencias do Rexistro Xeral da Xunta 21.000 firmas para reclamar a declaración do Courel como parque natural e "protexer o espazo con maior biodiversidade de Galicia de actividades prexudiciais", citando de forma explícita as canteiras de lousa ao descuberto.

As rúbricas tiñan como obxectivo que o Goberno galego dese marcha atrás e rectificase o proxecto de lei aprobado o 21 de xuño de 2007 para a ordenación mineira de Galicia que declaraba ao Courel como municipio mineiro. Desta forma, a actividade extractora, segundo o presidente da asociación ecoloxista, "tería prioridade sobre o parque natural", á vez que se lexitima a contaminación da zona con máis biodiversidade de Galicia", alertara o colectivo.

As continuas queixas de SOS Courel sobre a suposta ilegalidade da canteira da Campa propiciaron que os responsables desta empresa denunciase a dous membros da asociación por inxurias e calumnias. A firma, Cupire Padesa, chegou a utilizar como probas correos electrónicos que o grupo ecoloxista enviou a modo de spam para pedir apoio á súa causa.


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: