Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En directo na rede o 6 de xuño

Setenta escolas de todo o mundo unidas nunha Ponte nas Ondas

A emisión televisiva en tempo real a través de internet é unha das novidades este ano, co fondo da nova oportunidade para a candidatura do patrimonio.

Redacción - 11:15 26/05/2008

Centros escolares de Brasil, Arxentina, Chile, Colombia e Cuba, únense este ano aos colexios de Galiza e Portugal que constrúen a programación da XIV xornada de Ponte nas Ondas. A cita nas ondas será o próximo venres 6 de xuño. Polo escenario das emisións, o Auditorio da Facultade de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, e o Auditorio do Verbum, en Vigo, pasarán diversos convidados "portadores e portadoras do patrimonio inmaterial", haberá actuacións musicais e entrevistas en directo, entre outros contidos. Alén das conexións coa Radio Galega, tamén haberá un seguimento especial da xornada en Vieiros.

Ademais, a xornada incluirá a VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, un festival ao aire libre a pé do Verbum, onde actuará Luar na Lubre ( Galiza ), Vozes da Rádio ( Portugal ), Socorro Lira ( Brasil ) e o narrador oral Avelino González. O espectáculo, de acceso libre e gratuíto, será gravado e emitido pola TVG.

Novos vimbios para unha experiencia máis ambiciosa cada ano
A propia emisión en liña deste ano é exemplo de novos carreiros para Ponte nas Ondas que, unha vez consolidado o proxecto, gaña en ambición ano a ano. Na presentación o pasado venres no Verbum vigués, o director xeral de Comunicación da Xunta, Manuel José Fernández, destacou a evolución conseguida pola iniciativa de radio interescolar, e abriu a porta a novas formas de colaboración para o próximo curso escolar. Tamén asistiu Xosé Manuel Rosales, coordinador do ProxectoTerra, quen destacou as actividades que se están a realizar nas aulas cos materiais do ProxectoTerra e as visitas ao territorio da Eurorrexión que están a realizar os centros participantes.

Pola Universidade de Vigo, Anxo Ocampo salientou a importancia que para a institución ten a experiencia de Ponte nas ondas como proxección social. A Universidade é a encargada de organizar a retransmisión a través de Uvigo-Tv. André Martíns, da Asociación Transfronteiriza A Morraceira, fixo balance dos traballos presentados ao certame audiovisual Conta onde vives, convocado por primeira vez. Parte dos traballos presentados serán emitidos na programación do 6 de xuño. Todos eles serán exhibidos no Festival de Cinema Galego-Portugués Filminho que se celebrará no mes de xullo en Tomiño e Cerveira.

Nova oportunidade para o patrimonio
Lourdes Carita, vicepresidenta de Ponte...nas ondas! lembrou os traballos que se realizaron para a reformulación da candidatura de Patrimonio Inmaterial e fixo unha chamada aos poderes políticos para que non deixen perder esta nova oportunidade para inscribir o patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa que a Unesco fará pública en 2009. O manifestado polo Director Xeral de Unesco ao presidente Touriño reafirma a posición manifestada por Ponte...nas ondas! que está á espera de sendas entrevistas en Lisboa e Santiago .

Por último, o presidente da Asociación, Santiago Veloso, destacou a nova aposta que se fai na XIV edición de Ponte...nas ondas! por integrar o audiovisual na experiencia de comunicación engadíndolle o traballo co patrimonio cultural inmaterial.


4.89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: