Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUBVENCIÓNS PARA SERVIZOS SOCIAIS

A Xunta levará de novo ao goberno español perante o TC por invasión de competencias

Pérez Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais, adiantou que o Consello adoptará este xoves a decisión.

Redacción - 09:00 05/06/2008

A Xunta considera que orde estatal que regula as subvencións para servizos sociais invade as competencias propias da administración galega. Este é o sexto conflito competencial que o Tribunal Constitucional deberá resolver entre o bipartito e o Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, xa que a Xunta tamén levou ante o TC por invasión de competencias os parques eólicos mariños, a atribución do Estado dos recursos do IRPF destinados a fins de interese social e mantense sen resolver o dos fondos de formación continua, e tamén presentou un recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei do sector eléctrico.

Pola súa banda, o Executivo central ten recorrida a Lei de Dereito Civil de Galicia.O secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, atribuíu este grao de conflitividade entre administracións a que existe "unha tendencia recentralizadora" por parte do Goberno central, ao que acusou de "descoñecer a existencia do Estado das Autonomías e o marco competencial autonómico". Así mesmo, recordou que as competencias en materia social están atribuídas de forma exclusiva a Galicia polo Estatuto de 1981.

Pérez Lema adiantou que o Consello da Xunta aprobará este xoves na súa reunión semanal interpoñer este conflito positivo de competencias contra a orden aprobada o pasado mes de febreiro polo Goberno central, que estabelece as bases que regulan a concesión de subvencións pola Secretaría de Estado de Servizos Sociais. Vicepresidencia argumenta que a orde é tan xenérica que a través dela poderíanse subvencionar tanto programas estatais como de ámbito territorial non estatal. De feito, subliña que, das tres resolucións de convocatoria de axudas xa publicadas, só nunha de marzo esíxese a implantación estatal da entidade para poder ser beneficiario.

Para o departamento de Anxo Quintana, é "abusivo" invocar a necesidade de garantir a igualdade de todos os españois recollida na Constitución para atribuír en exclusiva ao Estado o procedemento para obter subvencións en materia social. Respecto diso, subliña que existen "varias sentenzas" do Constitucional que así o estipulan e descartan apelar ao interese xeral para atribuír competencias ao Estado.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: