Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MARIANO ABALO, SECRETARIO XERAL DA FPG

"Non queremos guetos, hai que formalizar un movemento amplo de esquerdas"

Co gallo do vixésimo aniversario da organización independentista, falamos cun dos seus históricos dirixentes.

R.V. - 09:30 05/07/2008
Manifestación da FPG no Día da Patria de 2006

Manifestación da FPG no Día da Patria de 2006

A máis veterana das organizacións independentistas celebra este sábado en Cangas, na parroquia de Aldán, o seu vixésimo aniversario. Falamos con Mariano Abalo, un dos históricos dirixentes da Frente Popular Galega.

Vieiros: No mes de xuño fixéronse vinte anos da asemblea constituínte da FPG. Que balance fai de todo este tempo?
Mariano Abalo: Eu creo, para ser honestos, que hai que facer autocrítica. Dende a nosa perspectiva consideramos que, aínda que o esforzo foi enorme, os resultados non foron os agardados. De todos os xeitos, tiñamos que combater unha asimilación do nacionalismo como agora se está comprobando.

A FPG ten presenza na bisbarra Morrazo e no seu tempo tivo tamén representantes noutros municipios galegos. Porén, a implantación da súa organización no resto do territorio revelouse unha misión extraordinariamente difícil. Cales foron os atrancos?
Considero que a bonanza económica e a asimilación da política oficial de esquerdas dificultaba que poidese haber alternativas. Agora, coa crise, demándanse políticas diferentes e a existencia da FPG aínda ten máis razón de ser ca nunca. É certo que tivemos a nosa particular travesía no deserto.

Vostedes son moi críticos co nacionalismo maioritario. Afirman a miúdo que o BNG representa unha liña cada vez máis autonomista e alonxada da esquerda. Aínda así, o Bloque seguiu aglutinando a inmensa maioría da base social nacionalista, sen deixar practicamente espazo a ningunha outra forza...
En xeral, a xente apunta a cabalo gañador. Cando non se albiscan crises importantes a xente busca os postulados máis acomodaticios. Aínda así, creo que se non houbese unha organización como a FPG habería que creala.

Logo de 16 ano de gobernos Fraga, agora hai un bipartito. Que chatas lle apoñen e que aspectos positivos?
Nós consideramos que, aínda que hai que poñer moitas chatas, nunca tivemos unha posición sectaria contra o BNG (de feito, compartimos goberno en Cangas).Tratouse sempre de tender pontes. Pero, nomeadamente dende a UPG, sempre se tratou de que a esquerda non tivese cabida dentro do BNG. Sabemos que todos os que non abracen a liña oficial non teñen sitio. Con respecto ao Goberno, somos críticos porque ten unha liña moi continuista coa época do PP, sen medidas novidosas.

Cales son os atrancos para a unidade da esquerda independentista, supoño que irán máis alá dunha guerra de normativas lingüísticas da que falan algúns...
(Ri) Evidentemente, iso só é a punta do iceberg. Hai outras diferenzas. Hai outra configuración e unha dinámica política que nos separa. Non queremos güetos nin políticas marxinais, ou se formaliza un movemento amplo de esquerdas e combativo ou será un simple salto en falso.

Cal é o futuro da FPG. Como lle gustaría que fose este proxecto cando toque cumprir os 30 anos?
O noso obxectivo vai máis aló dunha política meramente partidista. Queremos un Goberno onde os traballadores galegos teñan un peso real. Queremos deixar de ser unha mera sucursal do goberno de España, que se fagan políticas a prol das maiorías sociais e non para o simple proveito do sistema. Para iso, hai que alentar unha liña política de esquerdas, que hoxe en día non existe nese país.


4.53/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: