Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Control público" e "participación privada"

O Goberno separará no Gaiás o proxecto cultural da xestión e financiamento

O presidente da Xunta e a conselleira de Cultura presentan este xoves o modelo de xestión para a Cidade da Cultura.

Europa Press - 09:00 10/07/2008

Está previsto que a actual Fundación da Cidade da Cultura siga á fronte do proxecto cultural e arquitectónico e como xestora da propiedade do complexo e das obras de construción. Por outra parte, baixo a dirección dun empresario próximo ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, outra fundación asumiría a xestión e o financiamento privado.

En concreto, as competencias da segunda fundación estarían relacionadas coa xestión de actividades de patrocinio, xestión da marca Cidade da Cultura, captación e fidelización de públicos entre empresas e entidades, xestión de espazos (áreas comercial e de restauración, parking, aluguer de espazos), e de servizos comúns (seguridade, mantemento e subministracións), entre outros.

Para este mesmo xoves espérase que o presidente da Xunta e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presenten polo miúdo o modelo xestión da Cidade da Cultura. Como avance, explican que se rexerá baixo os principios de "control público" e implicación do sector privado.

A mediados do pasado mes de abril, o propio Touriño avanzou nun acto en Madrid que a Xunta poría á fronte do proxecto do Gaiás a "un empresario e home da cultura", se ben dende entón dende a administración preferiu traballar en silencio para pechar o modelo de xestión que se porá en marcha. En calquera caso, segundo a información recollida por Europa Press nos últimos meses en distintas fontes da Xunta, o modelo que se presentará mañá responde ao interese por "garantir o control público" das instalacións e proxectos, "facilitar unha xestión áxil, flexíbel e eficiente", asegurar un presuposto "viábel" e "incentivar o financiamento e a participación de entidades privadas".


5/5 (2 votos)


Comentarios (2)

Xabi1 #1 10/Xullo/2008 Xabi1

Cada tres meses complica-se un chisco máis a situación da Cidade da Cultura. Cada pouco tempo aparecen novas ideas, novos tinglados relacionados co que significará un oco sen fondo de recursos monetarios galegos.
Esta nova ten miga. Un empresario vencellado ao tinglado cultural galego e amigo de Touriño rexerá parte da xestión da Cidade da Cultura. En principio non semella que haxa que ter moitos méritos para dirixir tan tremendo complexo porque, poñamos por caso, estar vencellado á Editorial Galaxia e ser asesor de Touriño non son abondo méritos para dirixir parte do complexo.
Non quero lembrar qué raio se dixo desde a oposición, especialmente desde o BNG, sobre a Cidade da Cultura e comparar co que se fai agora. Pero sí expresar que me sinto enganado polos políticos que dixeron unha cousa antes e outra despois de sentar-se na Consellería, e tamén o que dixo un partido antes e como se comporta agora.
A Cidade da Cultura é un enorme oco negro que chupa recursos públicos sen parar, recursos económicos que non temos.
E como vivimos unha etapa de delirio, o Concello de Santiago de Compostela proxecta construir dous teleféricos para carretar xente á Cidade da Cultura desde a futura estación do AVE (neste senso podemos estar tranquis, o AVE vai tardar bastente tempo en chegar a Galiza) e desde o Parque de Bonaval.
Se o Concello de Santiago de Compostela vivira neste bendito mundo, adicaría os seus esforzos en mellorar a rede de transporte público pra a veciñanza compostelá, en limpar o río Sar, poñamos por caso.
A este tipo de cousas refiro-me cando falo de despilfarro de recursos públicos.
Chama bastante a atención o feito de andar a pedir financiamento privado. A letura que fago é esta: o goberno galego adxudicará por módicos prezos, espazos da Cidade da Cultura á empresas privadas, especialmente ás empresas vencelladas ao sector audiovisual, co noso Antón Reixa en cabeza, para crear, a base de subvencións, un inexistente sector audiovisual galego que, coa honrosa excepción dos debuxos animados, ten un futuro realmente estremecedor.
Qué outros espazos van seren entregados ás empresas privados, entenda-se bancos?
Qué maís fica por alugar ou "externalizar"?
Quizais os terreos que arrodean á Cidade da Cultura, unha vez realizadas as acometidas de auga, luz, electricidade, gas, etc., por parte das institucións públicas, sexan declarados edificabeis en beneficio das camadas populares galegas e da conta de resultados dun caixa de aforros galega?
Se a Cidade da Cultura é produto da mala medicación que tomaba Manolo Fraga para o rego cerebral, hai que recoñecer que o goberno impulsor da continuidade de tamaño disparate ten tamén algo de culpa na desfeita e un partido político en concreto, o BNG, pretende vender a averiada moto de que a Cidade da Cultura vai ser un "referente", un "espello da cultura galega" no universo mundo e demáis sandeces que non as cren nen as bases máis sectarias do BNG.

condedecotobade #2 10/Xullo/2008 condedecotobade

Pois eu aínda agradecía que lle vendesen a cidade da cultura á banca ou a quen estea disposto a mercala para esquecer para sempre ese pesadelo.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: