Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA DUNHA HISTORIA DE DESAVINZAS

Pero, houbo algunha vez unha 'man negra' no centro nacionalista?

En 1987 Coalición Galega sufría unha escisión que acabaría co soño de Franqueira, 21 anos despois estoura a crise en Terra Galega.

Ramón Vilar - 12:40 10/07/2008

Os amigos das cábalas políticas poderían buscar estrañas coincidencias no chamado “centro nacionalista”. Como se dunha maldición se tratase, os intentos de manter no tempo unha alternativa destas características sempre fracasaron. Ao igual que ocorreu en Coalición Galega (CG), tres anos despois da súa fundación comeza unha auténtica guerra civil no seo de Terra Galega, unha formación que foi quen de xuntar coma nun crebacabezas o que quedaba da vella CG, do Centro Democrático Independente (CDI) e de diversas agrupacións independentes espalladas polo país.

Máis aló de que antigos dirixentes “coagas” como Pablo Padín e Xosé Posada sexan tamén protagonistas desta batalla (cada un en distinto bando), a crise de Terra Galega ten diferenzas claras con respecto á que viviu CG a finais de 1986. Daquela a organización ficou esgazada en dúas partes: un sector de centrodereita autonomista que quedou coas siglas e onde estaban militantes como Padín ou Posada e outro de corte máis nacionalista e partidario de pactar co PSdeG de González Laxe. Estes últimos, encabezados por Pablo González Mariñas e Xosé Henrique Rodríguez Peña, fundan o Partido Nacionalista Galego en xaneiro de 1987. Dous anos despois, tanto CG como o PNG sufrirán un desastre electoral. Mentres os primeiros comezaban unha travesía no deserto da que xa non serían quen de saír, os últimos optaron por integrarse no BNG.

Este martes o alcalde de Narón, Xoán Gato, volvía falar de contubernios que impedían a saída adiante do centro nacionalista. Logo de acusar ao presidente do partido, Pablo Padín, de ter “secuestrada” a formación deixou caer que existía unha “man negra” interesada en que non prosperase o proxecto. Iso mesmo pensaron moitos cando Coalición Galega se esfarelaba pouco despois de emborracharse cos resultados de 1985, que a converteron na terceira forza galega.

Unha formación desunida e sen un “corpus ideolóxico”
Xoán Gato e Pablo Padín fundaron en 2005 Terra Galega. A organización era a casa refuxio do denominado “sindicato de cabreados”. Moitos ex dirixentes locais do PPdeG abrazaron as siglas de TeGa ao ver como eran relegados ou directamente excluídos das listas 'populares'.

Seguindo o ronsel de Coalición Galega, a idea era apuntalar a organización nas municipais e posteriormente aspirar a entrar no Parlamento para converterse nunha forza chave para o Goberno. Pero TeGa era un proxecto excesivamente localista e cunha liña ideolóxica máis que difusa. Algún militante, con experiencia neste tipo de aventuras, comentaba en privado que era un milagre crear un partido nacionalista sen unha base nacionalista. En TeGa confluían uns poucos con vontade de crear unha organización forte e uns moitos que precisaban dun simple paraugas electoral para presentarse á alcaldía do seu concello.

Un exemplo dos diferentes periplos ideolóxicos eran os dous principais líderes. O presidente, o adegueiro Pablo Padín, é un dos homes escollidos por Euloxio Franqueira en 1983 para erguer o proxecto de Coalición Galega en Pontevedra. Padín, ao igual que moitos “coagas”, procedía da dereita estatal que representaba a UCD. Pola súa parte, Gato, antigo traballador de Astano, abrazara xa na década dos setenta as ideas da esquerda nacionalista. Da man do PSG-EG, chegou a alcaldía de Narón en 1985. Aínda que moitos dos seus compañeiros optaron por entrar no BNG, Gato preferiu a aventura política en clave exclusivamente local e fundou Unidade por Narón.

Vocación nacional ou provincial?
Pero as contas tamén eran en principio outras. Veteranos da política municipal como Manuel Andrade (Carballo) ou Roberto González (Ordes), que nos anos 80 e 90 tiveran destacados papeis no PP coruñés, sabían que a unión das numerosas e heterodoxas organizacións independentes podía dar un pase para a Deputación da Coruña. Este era un dos obxectivos prioritarios de Terra Galega ao nacer hai tres anos: entrar en 2007 na institución provincial. Os cálculos estaban botados, Andrade traballou a eito a Costa da Morte para organizar listas de TeGa, González a comarca de Ordes e Xoán Gato intentou facer un bastión electoral en Ferrolterra. A pesar de que as eleccións deron alcaldes en Narón, Neda e Valdoviño e 46 concelleiros por toda a circunscrición provincial a arelada representación provincial non chegou.

Mais a crise interna chega á hora de dar o salto á política galega, para o que tamén se quere contar cos restos do Partido Galeguista. A atmosfera interna comeza a facerse irrespirábel dende a primavera, cando comezan as negociacións co Partido Galeguista. Quen pilota a aventura? Gato, como candidato municipal máis votado da formación, quere liderar TeGa nas eleccións ao Parlamento, pero Padín tamén quere ser o home forte de TeGa, para iso afortala a militancia (infla, segundo os seus rivais) no seu territorio. Pontevedra, que só ten dous dos 69 concelleiros da organización, convértese polo aumento de militancia nunha provincia decisiva de cara o congreso deste sábado.

Agora os tribunais deberán decidir se hai irregularidades na convocatoria do congreso, tal e como denuncia Gato. Mentres tanto, as navallas voan. Gato acusa a Padín de querer “vender” o partido e este retrúcalle que o seu problema é pensar que Galiza é un Narón en grande. Nin rastro de discusión ideolóxica. Ese non é o problema. E é que á marxe de 'mans negras' e de teorías da conspiración, o centro nacionalista demostrou no último cuarto de século que é imposíbel que dure no tempo unha doutrina con moitos bispos pero con pouca fe nas propias ideas.


4.35/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: