O responsábel do Foro de Investigación e Acción Participativa para o Desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento reflexiona sobre ciberactivismo, fenda dixital e outros temas.
Eladio Díez
Desde hai un tempo estase falando do concepto de redes sociais, ciberactivismo e até infocidadáns. Cal é o impacto real e o potencial da blogsfera?
As infotecnoloxías teñen hoxe un papel crucial na nosa vida. Sen elas, a globalización económica, política e social, que para ben ou para mal sufrimos, sería imposíbel. De momento, son sobre todo as grandes corporacións económicas e políticas as que están aproveitando as tecnoloxías para asentar o seu poder e influencia.
O ciberactivismo é a resposta desde a base a este novo mundo. Por unha banda, trata de ser o contrapeso social no mundo virtual, neste momento dominado polos poderosos, pero tamén significa un intento colectivo de contrarrestar a crecente tendencia cara á privatización do mundo internet e da sociedade da información.
Como poden beneficiar á sociedade as redes sociais?
As redes sociais virtuais actúan moi positivamente en tres campos, principalmente: na extensión e democratización da información; na xeración de coñecemento colectivo aberto (non propietario) e facilitando a acción social simultánea con independencia das barreiras xeográficas e socioculturais (idioma, status social, etc.,) que tanto nos limitan no mundo físico.
Coñece algún exemplo de ciberactivismo?
Todos os días empréndense centos de accións ciberactivistas en cada un deses tres campos. A título de exemplo: na democratización do coñecemento, os miles de bitácoras educativas e de discusión científica sobre calquera asunto imaxinábel; no coñecemento colectivo, as enciclopedias abertas; na acción social conxunta, as campañas das organizacións ecoloxistas e sociais que conseguen que miles de persoas, de calquera parte do planeta, envíen correos electrónicos, por exemplo, ao presidente dun goberno, defendendo algo ou protestando por algo.
Pode axudar internet a defender os dereitos civís?
Indubidablemente. A base da democracia é a información e a participación. Internet facilita ambas premisas. Exemplos hai moitos. Está o caso de Amnistía Internacional que a través do ciberactivismo conseguiu evitar penas de morte, lapidacións, etc., ou logrou a liberación de persoas inxustamente encarceradas.
Despois do 11-M (especialmente o 13 de marzo), e o 11-S, como reaccionaron os grandes grupos de poder? Son conscientes do que pasa na rede?
Os grandes grupos de poder son moi conscientes do que pasa na rede e sono tanto que non deixan de intentar controlala, até recorrendo con frecuencia a métodos ilegais e antidemocráticos. Tras os grandes atentados, os poderes reaccionaron, en xeral, con pánico, limitando liberdades (como a de expresión ou de acceso a determinados sitios webs) ou invadindo a intimidade de millóns de internautas (mediante o recurso a programas espías moi potentes e sofisticados).
Cales son as claves da alfabetización dixital?
A principal: conseguir pasar da instrución mecánica no uso das tecnoloxías (saber como manexalas), á educación transformadora (saber para que manexalas). Pasar de simples consumidores de tecnoloxías a suxeitos activos e conscientes que non renuncian a transformar a sociedade para que sexa máis aberta, xusta e solidaria.
Como pode perder o cidadán medio o medo á tecnoloxía?
Usándoa. Só así comprenderá a súa utilidade real. Outra cousa son os incentivos que desde fóra se lle poidan proporcionar. Por exemplo, o día que o portelo electrónico sexa unha realidade nas administracións públicas, desaparecerán moitos medos porque a xente verá unha utilidade inmediata e tanxíbel.
Está nacendo nas escolas unha nova forma de relacionarse coas novas tecnoloxías? Como poden servir os blogs como ferramenta educativa?
Lamentablemente, no mundo educativo aínda existen moitos prexuízos e medos en relación coas novas tecnoloxías. A maioría limítase a ter algunha materia de informática. A clave está en pasar da "clase de informática" á "informática na clase". Todo un desafío cultural.
(*) FIAP é o Foro de Investigación e Acción Participativa para o Desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento.