A Asociación de Amigos do museo organiza o sábado un percorrido polas salas científicas coruñesas.
Casa das Ciencias da Coruña
A Casa das Ciencias da Coruña fai este domingo 15 anos. Para celebrar o aniversario, a Asociación de Amigos do museo organizou un programa de actividades durante a xornada do sábado que inclúe visitas aos museos científicos da cidade.
Deste xeito, ademais dun percorrido botánico polo parque de Santa Margarita, os participantes asistirán a unha sesión de planetario en directo co director do Planetario de Pamplona, Javier Armentia. Tamén terá lugar un xantar homenaxe aos socios de honra da entidade no Restaurante da Domus, que incluirá unha visita á exposición 'Inaudito' e unha partida de Power Mind.
Despois, haberá unha visita á mostra 'Farmacuáticos. A botica do mar', inaugurada recentemente no Aquarium Finisterrae. Alí terá lugar unha cea, na sala Maremagnum. A xornada rematará cunha visita nocturna á Torre de Hércules dirixida por Xosé María Bello.